Músicas desde o fin da humanidade.

Non son poucas as referencias que no soterrado da cidade da Coruña existen como mostra do bo saber facer no referente á música alternativa nesta cidade. E precisamente nestas datas temos o adianto do que serán as novas grabacións dun dos grupos de culto por aquí no ámbito do grindcore/death metal.

Nashgul levan xa o seu tempo en activo, dende o 2001 deulles tempo a comezar cun estilo próximo a o emo grind da época de selos míticos como Per Koro e resonancias típicas de Mörser ou Systral, a unha volta  de torca ás raíces do death  metal e o punk, cun sonido máis fiero e crú e reminiscencias de Repulsion, Carcass, e grupos da vella escola. Todo esto unido á súa lista de grabacións e a cantidade de xiras, mini xiras, concertos, etc, fan que sexan un dos nomes máis reputados no ámbito underground a tódolos niveles.

NASHGUL DOOM

A súa prolífica creatividade fai que non poidan evitar ter escarceos múltiples con diversos proxectos, en diversos xéneros e con diferente sonoridade, podedes ver aquí de qué vos falo…

Así que apretádevos o cinto que a estrea de Alex como vocalista no grupo deixa un sabor de boca con regusto a  vello, a furia analóxica e rabia punk da boa, e todo con esa intención das míticas grabacións de John Peel.

nashgul 2013

Non perdades a tormenta, que vos vai gustar mollarvos!

Najla Shami en concerto en Os xoves na Sagrada

O vindeiro xoves 24 iniciamos a tempada de Os Xoves na Sagrada, cun concerto de luxo da cantante galega, de ascendencia palestina Najla Shami.

Najla ShamiNos últimos meses cada vez se fala máis de Najla Shami en Galicia. E non é porque acabe de chegar. Najla leva moito tempo dedicándose á música, primeiro como vocalista en traballos de formacións como Cinnamon Gum (The past to come), Safari Orquestra (Ben Deitei), Fía na Roca  ou Lobalú (Haikus), e con estilos moi diversos: jazz, samba, bossa nova, rock, experimental… Ela mesma destaca como valor da súa música o seu eclecticismo, e precisamente é esa apertura a todos os estilos é o que dá a súa música unha frescura e unha orixinalidade que a fan diferente a outras propostas.

Camiño Branco – Najla Shami from Márcio-André on Vimeo.

Najla, cantora e compositora, de Compostela, creceu entre Galiza e Kuwait. Filla de tres culturas, palestina, galega e arxentina –seu pai é de Tulkarem, a súa nai é picheleira e os seus bisavós arxentinos– estivo desde o 9 anos inmersa no ambiente musical, primeiro en coros polifónicos, logo en grupos de musica tradicional galega e xa a partir dos 17 anos buscando camiños propios, máis influenciados por estilos como o jazz, o funk e world music e sonoridades de Portugal, Brasil e África.

Libro poemas disco de Najla Shami "A lingua que eu falo"

O pasado mes de xullo marcou un punto de inflexión para ela: a editorial Galaxia publica o libro-disco Na lingua que eu falo (unha obra audiovisual de excepción que se compón ademais por un DVD e as fascinantes fotografías de Aiona Calvo) onde Najla afronta a poesía de Rosalía de Castro coas súas orixes e as súas referencias actuais. Trátase de oito poemas da escritora musicados e dous temas propios. No disco foxe de interpretacións tradicionais da poetisa, asociadas á tristura e aos laios e mestura ritmos vivos onde sobre todo destaca a voz. Como ben sinala Najla, Rosalía de Castro é unha muller contemporánea: dura, subversiva, protestona, triste ás veces, pero que tamén sabe rir de si mesma.

 

Na lingua que eu falo contou con numerosas colaboracións: Pedro Pascual, Xurxo Varela, Davide Salvado, Xurxo Novo Martíns, Sérgio Tannus, Narci Rodríguez…

Na biblioteca Sagrada Familia teremos a excepcional oportunidade de contar con Najla Shami este xoves 24 a partir das 19:30, dentro do ciclo de música entre libros “Os Xoves na Sagrada” e virá acompañada do músico brasileiro afincado en Galicia, Sérgio Tannus

Najla Shami en concerto na biblioteca de Sagrada Familia en Os xoves na Sagrada

Xoves na Sagrada : música entre libros

Dicia o filósofo Friedrich Wilhelm Nietzsche que “A vida sen música é un erro“, e nas nosas bibliotecas non queremos caer nese erro… por iso un ano mais poñemos en marcha o programa de música en vivo entre libros “Os xoves na Sagrada“.

Os Xoves na Sagrada é unha iniciativa que desde Marzo de 2010 tenta levar á Biblioteca do barrio coruñés de Sagrada Familia a música das distintas culturas, executada por grupos e solistas internacionales e locais, co obxetivo de  corroborar que, a través da música, é posible chegar á literatura e viceversa.

A minha embala na Biblioteca da Sagrada Familia

A minha embala na Biblioteca da Sagrada Familia

Dende o seu inicio, Os Xoves na Sagrada permitiu desfrutar dun amplo abano de estilos musicais a través de artistas de practicamente os 5 continentes (Aline FrazaoÁfrica FêteCutz´n´ MouseUnderskore Orkestra…), de todos os barrios da cidade (Os Tres TrebónsWolrusMay Thai & Torino Rockets…) e doutros puntos de Galicia (PrimordiaisXoán Curiel, …) e do Estado (El Kanka).

Os Tres Trebóns nos Xoves na Sagrada

Os Tres Trebóns nos Xoves na Sagrada

Concertos entre libros, música e literatura… Outra maneira de gozar da biblioteca: os xoves cada 15 días na Biblioteca Municipal de Sagrada Familia. E comezamos esta tempada o vindeiro xoves 24 de Outubro recibiendo en concerto a Najla Shami, da que vos daremos detalles nos vindeiros días.

najla shami

E para ir abrindo boca, deixamos tamen un adianto dos próximos concertos: The Blue Ribbon Healers, Miki Nervio & The BluesMakers

Programación Os Xoves na Sagrada 2013

Sés, talento e forza de aquí para o mundo

mariaxosesilvar

Que Sés se converteu na grande novidade da música galega dos últimos anos é amplamente compartido e recoñecido dentro do mundo cultural do noso país. Hoxe concita o favor do público -mesmo conseguiu crear un certo fenónemo fans no ámbito xuvenil- e o respecto do propio sector, con unicamente dous discos no mercado.

Diante do escepticismo habitual que xorde cada vez que un artista de noso acada certo suceso convén poñer ás claras que o seu non se cimenta en grandes campañas de marketing promocional ou na repetición pagada das súas cancións nas radios comerciais, senón nun traballo constante e calado de anos que se fai sólido en base a centos de concertos e se extende a través do boca a boca. Tocando en garitos, en IES, en locais de asociacións, cobrando máis, menos ou nada, sendo comprendida ou non, … Sés pasou por diferentes momentos anímicos na música, mais seguiu adiante e foi queimando etapas cara á madurez. Da inicial con Chámalle Xis á do primeiro disco –Admirando a condición, con AiraPro–  ata a actual de recoñecemento unánime e éxito de público -co disco Co xenio destrozado, xa con Fol Música-.

50ba3b8b757cf-ses1

A súa música? Galega, latinoamericana, negra, blues, rock, tradicional, de autor, … Todo xunto, pero tratado con respecto e bo facer. A chave do asunto: o seu directo. Carisma, talento e forza que sorprenden e entusiasman a quen a ve por primeira vez, até o punto de mudar os públicos en fans. Así foi subindo chanzos e gañando o cariño e a admiración de cada día máis xente.

Se xa a coñecías, continúa a gozar da súa música. Se non era o caso, achégate a ela. Resulta, desde logo, moi recomendable.

Para saber máis, podedes pinchar aquí e aquí.

Para saber máis podedes escoitar o audio dunha das súas entrevistas onde fala da historia do tema “Concordias de Papel e unha pequena reportaxe que lle adicaron no El Pais “Vuelve el ciclón Sés

Nas nosas bibliotecas podedes atopar os seguintes traballos da artista galega:

  • Admirando a condición [Grabación sonora] / Sés ; arranxos e producción musical, María Xosé Silvar [Sés] e David Paz. — A Coruña : Falcatruada, 2011
  • Co xenio destrozado [Grabación sonora] / Ses. — [S.l.] : Fol Música, cop. 2013
  • Cantigas de mulleres [Grabación sonora]. — [S.l.] : Fol Musica, D.L. 2012

Basque Riot Grrrls

Antes de máis, dálle ao play. Despois falamos.

Ok, visto. Poderoso, verdade?

Pasemos entón ás preguntas. Isto que vén sendo…? Riot grrrls, imaxes do centro social okupado Kukutza, rock, punk e actitude, letras que disparan con claridade e contundencia ao machismo e ao patriarcado, … todo iso, e algunhas cousas máis, é Zuloak. Un proxecto diferente, fresco, sorprendente en moitos aspectos: deseñado pola artista vasca Arrate Rodríguez, financiado a través de aportación popular no Verkami e convertido en disco ademais de en filme documental. Polo medio de todo, a figura de Fermín Muguruza, o ex de Kortatu e Negu Gorriak, hoxe música e cineasta por libre.

Eles mesmos se presentaron nas redes sociais:

E os resultados, que será seguramente o que importe á maioría, merecen moito a pena. O disco son trece temas de raiba controlada, distorsión rockeira e reivindicacións sen pelos na lingua. Le Tigre, Bikini Kill, Hole, L7, Babes in Toyland, as rusas Pussy Riot ou Sleater Kinney son referencias que se nos veñen á mente neste sentido. Pola súa banda, o filme remata por ser panorámica coral do rock feminino en euskera, da escena musical na que as mulleres son protagonistas principais.

A calidade da proposta fai que, para calquera mente inqueda e desprexuizada, mereza a pena achegarse aos furados de Zuloak e deixarse seducir pola potencia e as sonoridades das fendas polas que respiramos.

Lista de Reproducción Outubro: pop-rock español

rollingstone Este mes, para facer a selección da Lista de Reproducción da Biblioteca do Forum partimos dun artículo da edición online da revista Rolling Stone: “Las 200 mejores canciones del pop-rock español”.

Todos sabemos o que pasa coas listas: cada un de nós elaboraríamos a nosa propia, e sempre nos parece que sobra ou falta algunha canción en calquera lista ou recopilatorio. É normal. E así ten que ser porque na variedade está a riqueza. Por iso, sen ningunha pretensión, facémonos eco da selección feita por Rolling Stone. Desas 200 cancións, seleccionamos un puñado delas: parécenos unha excusa perfecta para facer un repasiño pola música española, e cremos que a bo seguro, algunha destas cancións puxeron banda sonora a momentos especiais da túa vida.

Como di Rolling Stone: “Doscientas excusas para repasar la historia de un país, sus tierras y sus gentes, así como los estados de ánimo por los que ha atravesado en el último medio siglo. Casi nada.”

LISTA_REPRODUCCI_N_OCTUBRE_2013_

Burning, Barón Rojo, Extremoduro, Los Enemigos, Sabina, Ilegales, Rosendo, Siniestro Total, Nacha Pop… Lembra que nas nosas Bibliotecas encontrarás todo isto e moito máis. E agora, pasen e escoiten!