Mulleres coraxe: oito músicas para o 8 de marzo

Dentro da programación especial que as Bibliotecas Municipais de A Coruña dedicamos este ano ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller,  no noso blog musical quixemos celebrar de forma específica esta data de relevancia. Non é efeméride calquera.
 
O 8 de marzo de 1917, na Rusia zarista, comezou un paro masivo das mulleres de San Petersburgo a solicitaren pan, dignidade e a volta das tropas rusas da cruenta guerra na que morreran xa máis dun millón de compatriotas. A aquelas mulleres decididas uníronse ao pouco traballadores e estudantes, dando lugar a mobilizacións masivas que fixeron caer o Zar días despois e que deron paso a un goberno provisional, derrocado finalmente na toma do Palacio de Inverno, no mes de outubro. A data é simbólica e referencia estes feitos, mais é claro que a loita das mulleres pola fin da discriminación de xénero nacera xa antes. O importante, para nós, é que estivo ligada sempre á fin de todas as dominacións. Como cantaran as traballadoras téxtis de Massachussets, “queremos compartir toda a beleza: pan e rosas, pan e rosas“.

 

A nosa proposta neste 8 de marzo é compartirmos oito cancións, oito músicas galegas de muller, por seren mulleres as súas intérpretes. É proposta sinxela, mais fermosa. A calidade e variedade da música galega ten en artistas como as que conforman esta proposta de cancións, e noutras moitas coma elas, un dos seus principais alicerces. O inmeso potencial creativo das nosas artistas vense manifestando desde hai anos en discos, espectáculos colectivos e propostas individuais que fan que hoxe non sexa esaxerado afirmar que a música galega ten nome de muller.

Comezamos, na confianza de que vos han de gustar.

Pilocha, Nenos orfos.

O disco homónimo de 1978 e Calamidá sentimental, de 1990, son dúas xoias coas que Pilocha se configura como unha voz de especial sensibilidade e matiz na música galega. Histórica por traxectoria, aberta sempre a colaboracións e cun amplo coñecemento e amor polo jazz, atopámola tamén presente en discos diversos de moi variadas formacións.

Uxía, Alalá das Mariñas

Seguramente a voz feminina por excelencia da música galega, dos tempos do Foliada de marzo (1986) ao resumo da traxectoria propia que foi Meu canto (2013). Estivo vinculada ao folk innovador de Na Lúa nos 80 e a partir dos 90 confírmase como a grande ponte de unión da música galega coa lusofonía, tecendo redes persoais e artísticas das que se beneficia o conxunto da cultura galega.

Guadi Galego, Lévame de aquí

Primeiro con Berroguetto, despois formando alianzas fermosas de pequeno formato  (Espido, Nordestinas) e finalmente tamén en solitario, Guadi é hoxe unha voz imprescindíbel na nosa música, con presenza e referencialidade alí onde participa.

Mercedes Peón, Ajárrate

Falar de tradición e modernidade non resulta tópico cando temos diante a creación poderosa de Mercedes Peón, recoñecida mundialmente como unha das máis importantes artistas diso que se deu en chamar o circuíto da world music. Non deixa indiferente e atrévese con todo, porque ten a toma de terra firme do coñecemento da raigame profunda da nosa tradición.

Señora Carmen, Na flor dos meus anos

Resulta emocionante escoitar esta muller de máis de 80 anos, e en xeral ao conxunto das Malvela, proxecto musical fermoso por colectivo, feminino e veciñal que as irmáns Senlle artellaron en Mos. Verdade núa e talento.

Ugia Pedreira, Tris tras

A renovación da nosa escena musical e a conceptualización da música popular galega chegou rematados os 90 da man de Ugia Pedreira, primeiro con Chouteira e logo con Marful e os diferentes proxectos que foi facendo posíbeis xunto con Guadi Galego e Abe Rábade (Nordestinas), Fred Martins (Acrobata) ou os seus compañeiros da Central Folque (Ecléctica Ensemble).

Sés, Milonga de aquí

O fenómeno musical da actualidade en Galicia, club de fans xuvenil incluído. Forza, enerxía e carisma acompañados dun discurso sen pelos na lingua. Este é o seu momento, e que dure moito tempo.

Leilía, O meu amor

Formación básica na recuperación das pandereteiras e da música tradicional, teñen unha traxectoría que as fai ser o grupo de referencia nese ámbito e unha formación respetada e aplaudida dentro e fóra do noso país.

Advertisements

One thought on “Mulleres coraxe: oito músicas para o 8 de marzo

  1. Pingback: Mulleres coraxe: Reclamando o espazo a berros | Bibliosons

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s