Concerto de Nelson Quinteiro en “Os Xoves na Sagrada”

Nelson Quinteiro

O próximo xoves 8 de maio estará na Biblioteca Sagrada Familia, Nelson Quinteiro. Aproveitando a súa actuación nos Xoves na Sagrada, Bibliosons quere ofrecervos unha entrevista co artista, quen vén de presentar por toda da xeografía galaica Orquesta Gharbo, o seu primeiro traballo discográfico.
Bibliosons, buscando un escenario evocador para o músico, volta ao seu barrio coruñés de adopción, Monte Alto, lugar onde viviu durante dez anos.
Quinteiro ábrenos a súa alma, falanos do seu novo traballo, de literatura, de música e da vida.
Neste novo proxecto, continúa mostrando o seu particular universo musical, unha viaxe sonora e vital que ten como punto de partida a tradición. Un disco moi variado, nove temas escollidos para contar historias, que teñen unha parte de xogo, con voces sampleadas, regravadas e pedais para guitarra. Pódese dicir que é un disco de música tradicional sen gaitas nen pandeiretas.

– Cal é a orixe do repertorio deste disco?

O disco fai unha recompilación de 15 anos. No ano 1999, comecei a dar concertos e xa hai temas desa etapa.
Empecei tocando con Cabesa de Pau. O tema ”Marola” é desa época. Estiven simultaneamente con Liñaceira, que era un grupo de pandereitas que facían polifonías, moi punkis. ”Sofán”, que logo convertemos en bravú, é dese periplo. Logo montei As mans perdidas e de aí, saíu “Canto de andar o camiño”, momento no que comecei a traballar cos loops.
O repertorio xa estaba montado dende o 2005 para a coprodución que fixen co Centro Coreográfico Galego “Gharbo!”. Ágora para o disco dinlle unha nova volta.

– Se hai algo característico na túa traxectoria é o uso de pedais de loop nos teus arranxos. En que momento empezas a traballar con eles?

Cheguei ao loop por consello de Óscar Fernández. Con 17 anos metinme en grupos de gaitas e de baile tradicional pero chegou un punto de fartura emocional en que me aburrín. Coincidiu nesa época que estoupou a nivel musical Gothan Project, Moby, Björk…etc. E tamén descubrín o mundo da danza contemporánea, sobre todo, a través do festival “En pé de pedra” e, máis tarde, o que sería o cabaret.
Empecei dunha maneira moi arcaica: primeiro montei unhas bases pregravadas, facendo ritmos galegos con trebellos cotiáns. Comprei pedais de loop e comencei a traballar. Xorde o espectáculo As mans perdidas no que actuaba eu só en bares. O traballo foi para minorías e decidín que aquelo era demasiado intimista. Estaba nunha terra de ninguén que non chegou a funcionar, pero seguin traballando e naceron os espectáculos Danza contra danza e finalmente GHARBO!, outra volta de rosca, que me trae ata hoxe.

–  Cando decides que chegou o momento de gravar o disco?

A música para min é unha vocación anterior á do teatro e máis forte. Antes de montar a coprodución co Centro Coreografico Galego eu coñecera a un guitarrista que xogaba cos loops, Alex Lorenzo. Nunha fin de semana gravamos unhas cousas marabillosas. A partir de aí comezamos a montar pezas e facer medrar isto. A selección de temas pretendía facer un percorrido pormenorizado de moitos dos aspectos da nosa identidade. En clara homenaxe aos homes galegos das xeracións anteriores abordando temas como a emigración, o traballo no mar ou no campo, o amor, a distancia, o esforzo, pero tamén a “retranca”, a elegancia, o humor ou o “gharbo”, que é algo así como unha metáfora de nós mesmos.
Para rematar busquei a colaboración de músicos e amigos como Fran Castro, Pulpiño Viascón, Eduardo Méndez “Dubi”, Silvia Penide, Xandre Outeiro (Projecto Trèpia), María López (Faltriqueira). E finalmente lancei a campaña de “crowdfunding” para poder producir este primeiro traballo.

– Fálanos un pouco das túas influencias musicais

Na miña casa soaba de todo. Somos moitos irmáns e cada un cun gusto do máis variopinto. Crecín co heavy metal (Halloween, Quiet Riot), a movida viguesa, pasando por Camela, Mónica Naranjo… Do heavy alemán a polifonía poligonera.
Para mín, Mercedes Peón é un referente. Os seus primeiros discos parécenme brutais. A súa posta en escena é indiscutible. Tamén Ugia Pedreira na súa etapa con Chouteira ou Marful. Outros artistas coma Berrogüeto, Narf, etc.
Gustariame destacar deste disco o seu factor xeracional. Eu considérome moi desta xeración (Caxade,Sés). Somos os mileuristas, os licenciados sen traballo. Todo é un pouco máis difícil, máis a brazo partido.

– A literatura está moi presente no teu traballo, Diego Ameixeiras escribe o prólogo do teu disco. Que outras conexións literarias podemos atopar nel?

Hai unha conexión con Lorca, coa súa vida, co seu compromiso. Hai símbolos de Lorca que están sempre na miña traxectoria. Todo o que fago, sen querer, é moi lorquiano (Varadas, As nenas perdidas)
Manoel Antonio paréceme un poeta de cabeceira. Hai moita influencia del no espectáculo. Foi un escritor que trouxo aire fresco á literatura galega. Realmente este disco é unha viaxe no paquebote de Manoel Antonio, facendo un percorrido pola Habana, Cádiz, Bos Aires, Euskadi, costa africana. Recolle esa vocacion marítima do seu libro De catro a catro.

Xa sabedes que  poderedes acompañar en directo a Nelson Quinteiro nesta viaxe musical polo mundo. Nesta ocasión virá acompañado do guitarrista Álex Lorenzo, nun concerto no que se debullará o traballo de base que foi dar no disco Orquesta Gharbo!. Se gustades podedes velo en directo dentro do ciclo de música entre libros Os Xoves na Sagrada,  o vindeiro xoves 8 de maio, ás 19:30 h.

Vou dar a despedida

mais non é para marchare

vou deixar a pandeireta

pra quen a queira tocare

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s