Recomendamos música escrita de puño e letra. Parte I

Dende as Bibliotecas Municipais recomendamos unha serie de lecturas moi musicais e especialmente rockeiras para este verán. Todas as obras están dispoñibles no noso catálogo:

Memorias de Neil Young : el sueño de un hippie (Malpaso, 2014)

Infancia esteparia, soño californiano, Buffalo Springfield, Crosby e os seus colegas, Crazy Horse… Ácidos, copas, escándalos, mulleres, acordes inextinguibles, desacordos….Regresos, voltas e revoltas….Esas son as claridades, pero que hai detrás ou debaixo das sombras? Neil Young é unha lenda en exercicio, unha voz cantante escrita de puño e letra (non hai pantasmas por medio) que nos presenta o calidoscópico panorama dunha vida e unha música executadas até a medula, que nos conduce desde as neves de Ontario aos edéns hawaianos pasando polas rúas alucinadas de Los Ángeles nos albores da gran turbulencia. Estamos, pois, ante o «relato definitivo» dunha viaxe obstinadamente inenarrable ou, como afirma un crítico sen dúbida perspicaz, ante «a historia do rocanrol aberta en canle, en primeira persoa e en presente de indicativo».

Fargo rock city : una odisea metalera en Daköta del Nörte / Chuck Klosterman (Es Pop, 2012)

A medio camiño entre as memorias, o ensaio e o estudo antropolóxico, Fargo Rock City é un libro hilarante que narra o auxe e a caída do heavy metal e dalgúns dos grupos máis populares dos anos 80 e 90 (Guns N’ Roses, Poison, Bon Jovi, Def Leppard, Metallica e moitos outros) á vez que recrea as experiencias xuvenís do autor: un fan irredento do metal, nacido en Wyndmere, Dakota do Norte, un lugar no que habitan máis vacas que persoas e no que os temas de conversación habituais son a recollida da colleita, o correcto coidado do gando agropecuario e a secretos da arte de reparar un tractor. Pero aínda que quizais tal contorna non pareza o máis propicio para entregarse en corpo e alma ao rock and roll, houbo un momento na historia da música no que o poder do metal era simplemente imparable e mesmo os páramos xeados de Dakota do Norte vibraban ao compás de KISS e Mötley Crüe. Klosterman, cualificado como «un dos principais críticos culturais de Norteamérica» pola revista Entertainment Weekly e como «o novo Hunter S. Thompson» pola revista People, disecciona con humor e impecable precisión a historia e os trazos básicos do xénero, desvelando todas as súas glorias e miserias.

Vida : memorias / Keith Richards (Global Rythm, 2010)

Asombrando a propios e estraños, Keith Richards escribiu as súas memorias: asombro porque puido (xa que a estas alturas ninguén sospeitaba que ía conservar a vida ou a lucidez suficiente para empuñar o teclado) e asombro porque quixo (xa que os entes satánicos non adoitan acudir ao confesionario). O crítico Nick Kent compendia así a súa imaxe nos anos setenta: «Era o gran lord Byron; era un demente, era un depravado e era perigoso coñecelo». Aquí disípanse varias néboas (transfusións, efusiones, agresións, etc.) e preséntanse finalmente os feitos que o foco da lenda había nubrado: o uso e abuso de sustancias tonificantes ou estupefacientes non adquiridas en farmacias; as variadas discrepancias con autoridades máis ou menos sanitarias; os encontros, desencontros e encontróns con xendarmes de diferentes países.

Los trapos sucios / Mötley Crüe (Es Pop, 2010)

A crónica definitiva dos perigos, os praceres e a decadencia da fama do rock and roll: whisky e actrices porno, pelexas e accidentes de coche, sobredose e morte. Propulsados por todas as drogas que tivesen ao seu alcance e esporeados por cantidades obscenas de alcol, Mötley Crüe son…mulleres corrompidas, habitacións de hotel arrasadas, coches esnaquizados, representantes toleados, ósos rotos e vítimas de diversa consideración. Todos estes feitos e as súas terribles consecuencias forman a espiña dorsal de Los trapos sucios, un libro de referencia tanto para os fans do grupo como para todos aqueles interesados no fenómeno do rock and roll. Narrado persoalmente por Tommy, Mick, Vince e Nikki, con achegas puntuais de compañeiros de viaxe como John Corabi, varios ex representantes e un par de executivos discográficos, Los trapos sucios dista moito de ser un retrato compracente.

Diarios / Kurt Cobain (Mondadori, 2003)

Kurt Cobain, vocalista e compositor do trío Nirvana, suicidouse pegándose un tiro aos vinte e sete anos cando era a estrela do rock máis influente da súa xeración. Desde os anos oitenta até mediados do noventa levou un diario onde plasmou os seus pensamentos máis íntimos. A través da escritura angustiada dun adolescente á exaltación de si mesmo, entre autoanálisis agudos e a representación de estados anímicos cos seus debuxos e garabatos, estes diarios constitúen a mellor biografía de Cobain. E a súa lectura é a maneira máis clara de coñecer e entender a súa vida e a súa morte, tal como explica a nota de suicidio incluída nestas páxinas.

Syd Barrett : el brillo de la ausencia / Rob Chapman (Global Rhythm, 2012)

A mediados de 1972, con apenas vinte e seis anos, a cera que ardía esgotouse definitivamente para Syd Barrett, creador e forza creativa dos primeiros Pink Floyd. Esta é a primeira obra que lle fai xustiza á figura máis excéntrica da música popular británica, e faia conxugando a súa anómala traxectoria vital cun perspicaz estudo das súas achegas tanto sonoras como verbais. Chapman desprega para iso os recordos nunca antes impresos de amigos, colegas, noivas e parentes xunto a un caudal inédito de cartas persoais, diarios e textos inclasificables. Se a ese material de trazas caóticas engadímoslle unha investigación exhaustiva e unha rara capacidade analítica obtemos a historia dunha vida tan elusiva que moitos crían irremediablemente condenada a morrer sen biografía.

Advertisements

One thought on “Recomendamos música escrita de puño e letra. Parte I

  1. Pingback: Recomendamos música escrita de puño e letra. Parte II | Bibliosons

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s