A música galega que mellor se ve

Desde a década dos 80 resulta case imposible achegarse á música sen ter en conta a súa parte visual, popularizada primeiro pola televisión desde canles específicas como a MTV estadounidense e amplamente difundida na actualidade, a través da Rede, en espazos masivos como youtube, vimeo, facebook, etc

A propia maneira na que hoxe nos achegamos, percibimos e desfrutamos a música ten xa incorporada de seu a parte visual, ao punto de ser difícil imaxinarmos casos de cancións de éxito masivo -cando menos no ámbito da música comercial- que non teñan tamén o seu correlato en forma de videoclip.

A intención deste artigo non é máis que sinalar un feito: a calidade das creacións audiovisuais galegas aplicadas neste campo. Non o facemos con ánimo exhaustivo, nin histórico. A motivación é moito máis sinxela: compartir e divulgar cancións e grupos que teñen elaborado videoclips de interese na nosa escena musical.

Comezamos polo presente, referenciando catro exemplos que merecen enormemente a pena: Elodio y los Seres Queridos, “El tiempo futuro”, (Zinqin); Ataque Escampe, “Arder” (PRENOM); Fluzo, “Mundo Verde” (La Follable), Najla Shami, “Camiño branco” (miramemira) e Caxade, “Capadores de extraterrestres”, (Javier Antelo).  Moi diversos estilos no musical e igualmente na proposta estética e recursos empregados para os clips, mais en todos eles cun resultado que nos gusta, que se debe ao traballo das produtoras que sinalamos en negriña.

 

 

A elaboración de videoclips non se limita na Galiza á música “para público adulto”. O éxito nos últimos anos de determinados proxectos de música e literatura infantil deu tamén moi bos resultados no apartado audiovisual, como os dous que vos seleccionamos para a ocasión: o clip que Mara Producións fixo da canción “Eu falo así” de Magín Blanco, do disco A nena e o grilo, e o clip “O mercado” do disco-libro colectivo Maria Fumaça.

 

 

Vinculado tamén ao ámbito infantil estivo un dos fenómenos máis relevantes da historia da música galega dos últimos anos, o programa da TVG Xabarín Club. Foron dúcias de grupos os que elaboraron videoclips para este espazo que ficou gravado na memoria de varias xeracións, até o punto de falarmos na actualidade dos mozos e mozas da Xeración Xabarín. Desde aquela mítica “Socio, busca un socio” que chamaba a nenos e nenas a formaren parte do exército de berros Oink, Oink até cancións como a “Oda ó futbolín” dos Diplomáticos, o “Que jallo é” dos Heredeiros da Crus ou o “Estou na lavadora”d´O Caimán do Río Tea, moitos foron os temas que quedaron gardados na nosa memoria musical colectiva.

 

 

O fenómeno do Xabarín foi en parte asociado á emerxencia da escena musical do bravú, grupos de diferentes concellos do país que cantaban en galego sobre temáticas diferentes mais que oscilaban en xeral entre o reivindicativo, o festivo e o tradicional. Os espíritos de The Pogues, Mano Negra, Negu Gorriak e Fuxan Os Ventos dábanse a man naquelas propostas de bandas como Xenreira, Skornabois, Rastreros, Impresentables, Os Diplomáticos, …

Mais xa na década anterior a música galega tivera éxitos importantes, a través de bandas como Siniestro Total, Radio Océano, Golpes Bajos ou os nunca ben ponderados Os Resentidos. Liderados nas letras e no concepto visual polo poeta vigués Antón Reixa -na actualidade director e productor audiovisual- as creacións da banda nunca deixaban indiferente aos seus receptores pola súa personalísima esfera de referencias e orixinalísimo -na altura- discurso musical.

 

 

E d´Os Resentidos volvemos á actualidade, mais sen abandonar a rota do rock. A máis recente creatividade audiovisual galega ten en bandas como Nao, Machina, Ruxe Ruxe, Dakidarría ou Som do Galpom algunhas das que máis e mellor coidan o aspecto visual no noso país. Escollémosvos, como remate deste post, un clip de cada unha delas. Esta foi a nosa proposta, mais non vos conformedes e procurade nas augas de internet as vosas propias referencias. Hai moito onde elixir!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s