Achégase unha das citas máis esperadas dentro do programa das festas de María Pita, o Festival Noroeste Pop-Rock 2014 que terá lugar os días 8 e 9 de agosto no areal de Riazor. O Festival continúa así a súa traxectoria un ano máis, converténdose no Festival de Rock máis lonxevo da comunidade dende que comezara coa súa primeira edición no 1986.
O venres 8 os milleiros de persoas que se reúnan no areal coruñés poderán desfrutar ás 00:30 dos cataláns Love of Lesbian, que están en plena xira co seu novo show “El poder de la tijera”, segundo eles mesmos aseguran “hai moito que recortar” sobre todo no tema político. A cita agárdase con ansia na cidade posto que o grupo leva sen actuar na Coruña dende o ano 2010, cando abarrotaron a sala Playa Club, deixando a moitos dos seus incondicionais ás portas.
LOL estarán precedidos, ás 23.00 horas, polos tamén cataláns Delafé y las Flores Azules, outro dos nomes clave da escena pop independente española que están de aniversario, nin máis nin menos que dez anos sobre os escenarios, tempo no que se viviron cambios na formación e separacións sentimentais dentro do grupo pero sempre acompañado de boas cancións e bo “rollo” que consiguen transmitir. Na cita seguro que non faltan temazos e hits como La Juani ou Primavera que se repiten festival tras festival “dándolle gas” aos escenarios.
Para o sábado 9 reservánse os invitados internacionais deste ano, o grupo de ska británico Madness, ás 00.30 horas. Os londinenses sempre contaron con diversidade de opinión pola crítica pero o certo é que nunca pasaron inadvertidos e son moitos, ainda que só sexa por uns minutos, os que se deixan levar polo ritmo contaxioso das súas cancións.
Xunto aos londinenses estarán os coruñeses Los Eskizos, considerados xa unha lenda do garage-rock, que volven tocar xuntos tras 22 anos da súa separación, xa o fixeron na sala Mardi Gras, agora farano no escenario do Noroeste, ante o público que ateigará Riazor.
Pero ao igual que o ano pasado, o Noroeste Pop Rock 2014 conta con teloneiros locais que foron elixidos mediante as votacións do público e o xurado tralo directo da sala O Túnel. O venres será a quenda do rock de La Senda de Afra, un dos grupos con maior proxección da cidade e de Misterioso Viaje a Holanda máis unido estilísticamente ao resto de compañeiros de cartel.
O sábado compartirán cartel cos Eskizos e con Madnes o xoven quinteto Bourbon Queen, hard blues rock de raíces netamente `70`s que no 2013 deciden gravar o seu primeiro disco: Blood rock and Tears, e Ánima, como eles mesmos se definen, unha banda de rock sen complexos, imposicións nin pretensións de encaixar nun estilo concreto.
Para ir abrindo boca convidámosvos a visitar as nosas Bibliotecas Municipais e coñecer o noso fondo musical no que atoparedes os discos dos traballos dos artistas que actuarán tano neste coma en Festivais pasados. Tamén podes consultar a dispoñibilidade do material no noso Catálogo.
Pingback: FUC, FIRC e FEC | Bibliosons