Recomendamos música escrita de puño e letra. Parte II

Seguimos, antes de que acabe o verán, coas Recomendacións musicais escritas de puño e letra, nesta ocasión ampliamos os xéneros musicais, unha diversidade que toca dende o Black Metal nórdico ata o Jazz de Miles Davis. Recorda que todas as obras están dispoñibles no noso catálogo:

Señores del caos : el sangriento auge del metal satánico / Michael Moynihan y Didrik Soderlind (Es Pop, 2013)

Un libro fundamental centrado nun dos máis radicais e menos explorados movementos musicais dos últimos anos que vai moito máis alá da mera crónica musical para ofrecer un completo e exhaustivo retrato xornalístico que toca por igual cultura e crime, sociología e crónica negra, ocultismo e relixión. Moynihan e Søderlind desmenuzan ao detalle a historia do black metal noruegués, analizando tanto as súas raíces musicais, políticas e sociais como as súas consecuencias artísticas, éticas e criminais, reflectindo non só o aspecto máis sensacionalista e salvaxe do movemento senón tamén o seu lado máis elegante e apaixonado: a loita a vida ou morte dun poucos pero dedicados novos dispostos a elevarse por encima da mediocridade e a compracencia imperante á súa ao redor, aínda que fose desde o extremismo.

I am Ozzy : (confieso que he bebido) : memorias de Ozzy Osbourne / con la colaboración de Chris Ayres (Global Rhythm Press, 2012)

O máximo vocalista da escola demente que nunca rematou os estudos, pero posúe tres títulos nobiliarios concedidos por aclamación: príncipe das tebras, cafre laureado e padriño do heavy metal. O que non ten, con todo, é ningunha vergoña, cordura ou sentido do ridículo. Afortunadamente, cabería engadir, porque bastaría un chisco de decoro ou un pouco de amor propio para que este divertidísimo libro non existise: á fin e ao cabo, ninguén no seu san xuízo confesa cun alegre sorriso que acabou na cárcere por roubar tres veces seguidas na mesma tenda, que na súa mocidade só fornicaba con mulleres feas, que ouriñou contra os sacros muros de “El Álamo” e despois contra o seu futuro sogro, que descabezou unha pomba (viva) mediante unha certeira dentada fronte a un conclave de executivos arrepiados e repetiu logo a operación cun morcego para espanto dos presentes nun dos seus concertos. Nada máis chegar a unha luxosa clínica onde se redimen borrachos arrepentidos preguntou polo bar pensando que naquel sitio ensinaban a beber con elegancia, etc. Cousas tan delicadas non se lle contan nin ao confesor salvo cando un ri de todo e sobre todo da súa sombra.

Slash : [de Guns N’ Roses a Velvet Revolver, la autobiografía] / Slash con Anthony Bozza (Es Pop, 2010)

Naceu en Inglaterra, pero creceu en Los Ángeles, no vibrante fervedoiro de música e cultura que foron os primeiros anos setenta. A súa adolescencia pasouna nas rúas, descubrindo a bebida, as drogas, a música rock e as mulleres, á vez que adquiría un notable prestixio como corredor de bicicross. Pero todo o seu mundo cambiou o día que sostivo por primeira vez a baqueteada guitarra cunha soa corda que atopou escondida no armario da súa avoa. Agora, tras vender máis de 100 millóns de discos con Guns N’Roses e tras gañarse con suor a fama de ser un dos mellores guitarristas do mundo, Slash decidiu contar, por primeira vez, a historia do grupo desde dentro: a súa formación, os anos de penurias, a creación das cancións que definiron unha era, a tolemia do éxito e, en última instancia, o tortuoso e exasperado camiño cara á autodestrución que rematou acabando con eles. Pero esta non é só a historia de Guns N’Roses, senón tamén unha crónica persoal chea de triunfos e traxedias; a dunha vida marcada polo empeño de fuxir dos seus demos, afogándoos en vodka, heroína, cocaína, actrices porno e o que fose que lle saíse ao paso. Slash sobreviviu a todo iso: adiccións, demandas, revoltas, sobredoses, decadencia e destrución, até atopar unha saída na evolución da súa música, desde Snakepit até Velvet Revolver. Slash é todo o que pode esperarse do home, o mito, a lenda: divertido, sincero, fresco e abracadabrante… nunha palabra: excesivo.

Cosas que los nietos deberían saber / Mark Oliver Everett (Blackie Books, 2011)

Mark Oliver Everett, o chamado “Kurt Vonnegut” do rock, líder e cerebro de Eels, banda que Bush intentou prohibir por nociva -cousa que honra polo menos á banda- é fillo do físico cuántico Hugh Everett, que se perdeu na súa propia e notable interpretación dos universos múltiples ata que E, como tamén se coñece ao autor deste libro, atopou o seu cadáver. Así empezaba un ciclo de desgrazas que culmina nunha rara e preciosa autobiografía musical. E é que a desgraza sempre deu mellores historias, e mellores cancións, sobre todo se son de Everett.  Un libro tan único como o xénero da «dysfunctional-americana» que, segundo algunha enciclopedia e como se explica no prólogo deste libro, empeza e termina con iso que a cambiante formación de Eels fixo ao longo de tantos e tan importantes discos. E precioso porque é verdade e porque conmoverá mesmo ao descoidado que non saiba quen é este home. E outro tanto fará pola infortunada que non escoitase xamais un disco da banda pero que, felizmente, aínda está a tempo.

Miles Davis : la biografía definitiva / Ian Carr  (Alba, 2002)

Un gran número de fotografías inéditas e un prólogo de Jimmy Cobb, completan esta apaixonante aproximación á figura do gran Miles Davis. Ashley Kahn convídanos a participar en cada unha das sesións de gravación do emblemático álbum de Miles Davis, Kind of Blue.
Da man do autor, o lector retrocede a 1959 e entra no estudo de gravación para revivir, até no máis mínimo detalle, todo o sucedido en torno ao álbum, un dos máis vendidos na historia do jazz, un clásico que aínda hoxe está nos primeiros postos de todas as tendas de discos.

Bon Scott : camino del infierno : vida y muerte de la primera voz de AC/DC / Clinton Walker  (Global Rhythm Press, 2011)

Podemos dicir sen esaxerar que estamos ante a obra definitiva sobre a ascensión de AC/DC á fama e o descenso de Scott aos infernos, sobre os anos en que a súa carismática presenza e a visceral declaración daquelas letras mixturábase coa imparable forza que irrompía desde as cordas atormentadas polos irmáns Young. Foi entón cando cristalizou un son inconfundible e unha nova maneira de entender o rock. Coa inestimable colaboración de quen tiveron o privilexio de soportar ao biografiado e o ornamento dun material fotográfico apenas coñecido, Walker reconstrúe a sonora epopea da banda seguindo as peripecias vitais do cantante desde o seu (non demasiado) tenra nenez na Escocia que tamén foi berce dos díscolos Young.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s