Temporada de outono de “Os Xoves na Sagrada”

Temporada de outono Os Xoves na SagradaXoves no ano hai moitos. Xoves musicais, xoves con concertos tamén: Os Xoves de Martín Códax, os Xoves Culturais de Sanxenxo, os Xoves da banda municipal de música da Coruña… Pero os veteranos, non teñades dúbida, son Os Xoves na Sagrada. Xa levamos cinco edicións, desde o 2010. En números queda lindo: 41 concertos, 132 artistas sobre a escena e 9 países diferentes. Totalmente internacional. Pero o máis importante é a calidade. Non só a musical, senón tamén a humana. Algo que caracteriza ao noso ciclo de música é precisamente a motivación dos artistas que veñen á nosa biblioteca. Todos e todas aceitaron encantados as nosas invitacións a actuar. En moitas ocasións son eles e elas os que contactan connosco, coñecedores do ciclo, para poder vir presentar os seus traballos. E o clima que se crea, íntimo, nun espazo non convencional para os músicos, cun público cada vez máis habitual e entregado, cunha sonoridade excepcional grazas ao tamaño e aos materiais que rodean os concertos (madeira e papel), fai que tanto para os artistas como para o público sexa unha experiencia moi particular.

O barrio da Sagrada Familia, para os que non o coñezades, é un barrio moi especial dentro da Coruña. Barrio obreiro, con poucas infraestruturas culturais, destino de gran parte da poboación inmigrante da cidade. Un barrio onde a biblioteca representa algo máis do que adoita ser a imaxe dunha biblioteca clásica. Préstanse libros, si, pero tamén é un punto de encontro intercultural e interxeracional. De aí vén o inicio dos concertos dos Xoves. Inicialmente foi a oportunidade para moitos usuarios da biblioteca, orixinarios doutros países, para dar a coñecer a súa cultura a través da música. Senegal, Ecuador, Rusia, Brasil, Angola foron algúns dos países representados nestes primeiros anos. Máis tarde ampliouse o panorama a outros tipos de músicas, interpretadas por artistas locais: Fracasados de Antemano, Silvia Penide, Cardigan Bridge, Wolrus, Los Eternos, Skarallaos… Ao mesmo tempo poñíase un especial e cariñoso acento á música da lusofonía. Sonoridades de Cabo Verde, Portugal, Mozambique, Guinea Bissau, Santo Tomé, comezaron a resultar familiares na biblioteca, grazas a músicos como Narf, Xabier Díaz, Aline Frazão, Sérgio Tannus, Xoán Curiel, Najla Shami

O formato de Os Xoves na Sagrada ten éxito e continuidade garantido. O máis difícil agora é intentar acoller na programación toda esta variedade de estilos e artistas dentro dun número limitado de concertos. Porque talento musical na Coruña e en Galicia segue habendo e segue medrando. O noso interese é chegar a públicos de todo tipo, moitos deles raros de ver nunha biblioteca. Precisamente un dos resultados de Os Xoves na Sagrada é que este tipo de público coñeza de primeira man un sistema de bibliotecas –as municipais da Coruña- adaptadas aos tempos actuais, atentas ás demandas dos usuarios e dispostas a ofrecer unha chea de servizos en torno á literatura, ao libro, á información, á cultura en definitiva, usando todos os medios que ten á mán, non só o préstamo bibliotecario. A música é un deles.

Así que a partir do vindeiro xoves día 9 de outubro, ás 19:30, comeza o ciclo de outono de Os Xoves na Sagrada. Abre o grupo coruñés Combo Dinamo. Dúas semanas máis tarde os protagonistas serán Bakin Blues Trio. O 6 de novembro recibiremos a Sérgio Tannus Trio e remataremos a temporada cos coruñeses True Mountains. Programación variada e apta para todos públicos. Pero de todos eles xa vos manteremos informados e informadas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s