Son Brasilego, con Sérgio Tannus Trío, na biblioteca Sagrada Familia.

trioBrasilego, precioso “palabro” inventado polo Sérgio Tannus. Un termo que define perfectamente a relación entre Galicia e Brasil, e por extensión con todo o mundo lusófono. Hai que recoñecelo, o Tannus estivo fino cando tras reflexionar sobre a súa identidade –brasileiro ou galego– saíunos con “brasilego”.

Se a riqueza musical de Galicia era grande, pode considerarse aínda moito máis rica se a poñemos en relación co mundo da lusofonía, á que pertence de pleno dereito. E por iso o noso país, e Compostela moi especialmente, convertéuse dun tempo a esta parte en cita obrigada –e en moitos casos lugar de residencia permanente– para músicos chegados de Brasil, Angola, Cabo Verde, Portugal, Mozambique, Guinea-Bissau… Países que mercé ao noso idioma son considerados xa irmáns.

Sérgio Tannus pode considerarse un “líder” dentro desta comunidade músico-lusofona asentada en Galicia. Acompañamento obrigado de artistas como Uxía, Aline Frazão, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Lenine, Kepa Junkera, João Afonso, Chico Cesar, Dulce Pontes, hai dous anos lanzou o seu traballo “Son brasilego”, coa participación de moitos destes artistas. Todos eles contribúen a facer realidade esa ponte intercultural grazas ao galego-portugués a á música.

A biblioteca Sagrada Familia recíbeo este vindeiro xoves, día 6 de novembro, acompañado de dous músicos que completan o seu trío básico: Gutier Álvarez e Paulo Silva.

O primeiro deles, Gutier (zanfona, violín e gaita) é un galego de Pobra de Trives. Ademais de experimentado profesor de música, formou parte de diversas formacións e proxectos como Os Cempés, Pablo Seoane Grupo ou “Descarga ao vivo Galiza-Cuba”.

Paulo Silva (percusión) é un bahiano tamén asentado en Galicia. Cursou estudos de batería de jazz con Michael Kuettner en Alemaña e traballou con artistas como Budiño, Guadi Galego, Quico Cadaval, Fred Martins, Socorro Lira, Uxía, por citar só algúns.

Sen dubidalo, podemos dicir que “Os Xoves na Sagrada”, o ciclo de música entre libros que desenvolvemos na biblioteca municipal Sagrada Familia, forma parte dos circuitos da música lusófona. Escenario modesto, si, pero especialmente ligado con esta expresión artística que sentimos tan nosa. Non en van por aquí pasaron xa moitos dos artistas que colaboraron no álbum “Son Brasilego”: Aline Frazão, Narf, Najla Shami, Xabier Díaz, Xoán Curiel ou Guillerme Fernández.

Esperámosvos para vibrar connosco con temas como Água Quentinha, Bethoven tinha razão, Eu to alegre… De que todos e todas ides saír da biblioteca cun amplo sorriso, non temos dúbida ningunha.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s