Benditas “Lúas de outubro e agosto”

Recén saído do forno poucas presentacións merece que non se lle fixeran xa. Lúas de outrubro e agosto é o segundo álbum en solitario de Guadi Galego. Un traballo que chega despois de  Benzón (2009) e logo de ter participado en proxectos colectivos tan celebrados como Nordestinas, Espido e aCadaCanto.

luas

Son dez temas, con letras ben reflexivas, cos que a ex-vocalista de Berrogüeto se alonxa do rexistro folk para facerlle as beiras ao pop. En palabras da propia Guadi:

O meu pop de autora é un chisco sofisticado e con cheiro a música popular

O disco saíu á venda o 25 de novembro coincidindo co Día Internacional dos Dereitos Humanos e presentouse de xeito oficial o sábado 6 de decembro no Culturgal, a feira das industrias culturais que estes últimos anos se ven celebrando en Pontevedra.

Unha, que tivo a sorte de coarse entre “bambalinas” puido asistir aos ensaios e á marabilla de concerto cun cheo absoluto de público no espazo da carpa. Tanto pequenos coma maiores gozamos do sentimento que Guadi pon en cada nota. É, sen dúbida, unha das artistas galegas con máis personalidade á hora de cantar.

Foi un deleite sen fin dende o “Mergullei” que xa prometía nas probas de ensaio ata o  “Matriarcas”, toda unha oda en homenaxe ás mulleres galegas que ademais conseguiu un éxito fulminante en Youtube con preto de 15.000 visualizacións en tan só dous días.

Á marxe de polémicas e debates que sairon á palestra sobre o feminismo, logo da publicación do artigo de Helena Miguélez Carballeira, titular de estudos hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora do Centro de Estudos Galegos en Gales, e de tantos outros que están xurdindo, “Matriarcas” xa se converteu en todo un himno da muller galega. A letra fala das mulleres como  aleitadoras do mundo e “brillantes activistas da vida cotiá”, unha vida cotiá que, por certo, non necesariamente se restrinxe á doméstica. “Nós pouquiño a pouco ímonos situando, construindo barricadas no país dos alalás” -di Guadi.

Co éxito e a polémica de telón de fondo, sen meternos en máis leas, deixo aquí a miña encarecida recomendación de “Lúas de outubro e agosto”. Un traballo que contentará aos fieis de Guadi porque a pesar de ter un ton diferente ao que nos ten acostumados, conseguimos atopar nel a súa esencia e tamén a quen o escoite por primeira vez, unha combinación tan difícil como fermosa de lograr.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s