Superoito: “Somos o círculo Podemos do rock&roll”

Entre A Coruña e Santiago está Ordes e de alí son Superoito. Tres rapaces que tocan rápido, bailan ben e fano en galego. En menos de un ano sacaron un disco con trece temas e dous videoclips, percorreron case un cento de escenarios e teñen no forno un segundo álbum que presentarán en canto cheguen ós cen concertos. Son así de punkiesNin máis nin menos. Gianne é o cantante e guitarra da banda.

Superoito1

Bibliosons: Frenética traxectoria a que leva Superoito, ¿cres que é hora de afrouxar ou ides manter o ritmo?

Gianne: Bueno, queremos aceleralo un pouco máis! (risas). Cando empezamos era máis duro mantelo, estabamos os tres sós e facíasenos difícil compaxinar a actividade do grupo cos nosos traballos persoais. Agora somos un equipo: fichamos con Antía Pimentel (a nosa manager) e é ela quen fai por nós todo o que non é tocar, quítanos moito traballo de encima e temos máis tempo para descansar e pensar noutras cousas. Tamén está Iago da nosa produtora Busaco Contratacións (Cangas), que viaxan con nós a todos lados e son quen miran que nunca nos falte de nada e Producciones Genéticas que nos axudan en temas de promoción e publicidade a grandes niveis. Logo está Madrindie Producciones, unha discográfica madrileña coa que firmamos contrato non hai un mes.Todos están traballando moito e poñendo da súa parte e nós non imos ser menos…

 B: “Non sabes bailar” é o nome desta xira, ¿aprendestes por fin a movelo esqueleto despois de tantos concertos?

G: Bueno, sempre presumimos de bailar ben, pero sendo sinceros por unha vez, aquí oúnico que baila ben son eu. Xabi e Glenn fan o que poden. A eles parécelles que bailan ben pero dan bastante pena. Doulles a razón para non desilusionalos. Hai que querelos así.

 B: Acabades de sacar un tema en castelán, “Deja el nacionalismo y bésame ya”. Cóntanos, ¿de que vai a historia?

G: É unha canción que nos excita moito e por iso a quixemos ensinar. Imaxínate a Beiras chegando tarde á casa despois dun día duro de traballo e a súa muller cantándolle isto. Non lle puxemos Anova Irmandade de nome ó grupo porque non lle cadrou.

Para este disco temos unha liña temática concreta, sabemos o son que queremos e imos ir a por el sen dar voltas.

 B: E o seguinte paso é o novo disco. ¿Que nos podes avanzar de momento?

G: Para este disco temos unha liña temática concreta, sabemos o son que queremos e imos ir a por el sen dar voltas. Escoitamos moita música nova, descubrimos novos grupos que nos flipan por colores e temos novas referencias. Imos intentar que todo o que vivimos neste primeiro ano sirva como punto de partida para o seguinte e neste punto de partida non van faltar as referencias picarescas e os ritmos de cintura.

B: Disco, por certo, de descarga gratuíta, ¿non si?

G: Por suposto. A situación económica xa é bastante dura para moita xente como paracanto máis facerlle pagar pola música, que ó final se fai para ser escoitada. Se nos desen a escoller entre vender millóns de discos e facer dez concertos ou non vender ningún disco e facer outros cen, collemos a furgoneta mañá mesmo.

 B: ¿Vanvos as etiquetas musicais ou non? Digo porque falades de música surf, pero iso é moi amplo, ¿non?

G: Claro, o de música surf é un conxunto. Unha actitude máis ca unha secuencia de acordes ou melodías. É a forma de pensar máis libre que hai: fago o que me apetece, cando me apetece. Nese aspecto non nos poñemos ningunha limitación e de aí o da música surf.

B: Un estilo similar por certo ó de outros grupos galegos como Terbutalina, por exemplo. ¿É un dos vosos referentes?

G: Terbutalina é un bo grupo. Gústannos e procuramos ir ós seus concertos sempre que podemos e cando hai ocasión aínda lle caen unhas bailas. De aí a que teñamos referencias, non sei; podemos parecernos nalgunhas cousas, pero non deixa de ser unha banda máis das moitas que nos influencian día a día.

Superoito2

 B: Falando de bandas, compartistes cartel fai nada con Novedades Carminha en Vigo.¿Como foi?

G: Foi como se esperaba. Esgotáronse as entradas e a xente conectou moito con nós. Novedades Carminha son o mellor exemplo de que a música sempre agradece o tempo que lle dediques. Respectamos a súa música tanto como disfrutamos dela. Estes si que son unha referencia e non só musical, tamén persoal. Amigos de toda a vida. Saúdos para eles!

 B: Estamos falando, ademais, dun grupo de Ordes, vila da que saíron moitos outros coma Dios Ke Te Crew ou Kastomä. ¿Que vos dan de comer na comarca para saír tan artistas?

G: En Ordes somos moi cabezóns. Canto menos nos axudan, máis loitamos para saír atocar. Non é que o apoio do concello non exista, é que o concello impide que saian máis grupos. O talento sobra e será por isto polo que non nos damos por satisfeitos nunca.

B: Esgotastes as 500 edicións físicas do voso primeiro traballo na primeira semana,gañastes o premio Correlingua da música en galego e a produtora discográfica Sony Music recóllevos no seu catálogo musical.¿Subíusevos a fama á cabeza?

G: Non o creo. Aprendémolo todo de grupos mellores ca nós e máis humildes. O Correlingua, os discos esgotados e ata fichar por Sony son premios a tanto traballo, atantas horas e quilómetros andados e dedicados á musica neste último ano. Mais iso non cambia quen somos nós mesmos, nin como somos coa nosa xente.

 B: Éxito masivo tamén o voso nas redes sociais. Son moi importantes a día de hoxe, ¿non cres?

G: Desde logo. De feito, antes de ter o grupo só utilizabamos o ordenador para Spotify mais agora, aforramos moitísimos cartos facendo os carteis dixitalmente.A nivel de promoción é brutal: eficaz, rápido e gratuíto.

B: ¿Como se ve todo dende enriba dun escenario?

G: Normalmente cando nos subimos ós escenarios vemos pouco (risas). Individualmente temos as nosas opinións, mais como grupo preferimos non adoptar un carácter reivindicativo. Somos músicos e facemos música, o resto deixámolo para debate da xente que estudou máis e bebeu menos.

B: “Non nos representan” é un dos vosos temas. Que nos podedes contar del

G: Ese tema é unha mera escusa para invitar ó noso amigo Esteban Rodríguez a tocar a gaita. Compartimos épocas moi boas con el en Brisas do Quenllo, a asociación de música tradicional da Pontraga, en Tordoia, e con outros moi bos amigos e amigas que aínda mantemos. Somos o círculo Podemos do rock&roll.

B: ¿De que conquista estades máis satisfeitos como grupo?

G: Do público. O noso maior premio. Calquera outro recoñecemento está por debaixo. Esta resposta pode parecer un aceno de peloteo fácil pero é certo. Sendo honestos, tocar moito e esgotar entradas tantas veces é o maior dos premios.

B: ¿E que soño vos queda por cumprir? O máis inmediato, por elixir un…

G: Algún día tocaremos con Nada Surf. É o noso grupo cabeceira. É o único disco que temos na furgoneta para cando imos tocar, soou durante tantos e tantos quilómetros que algún día acabaremos por tocar con eles!

B: Moitas grazas.

G: A vós.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s