Xoves na Sagrada: entre Mr. Bean e Enrique Iglesias

Silencio, biblioteca! Unha frase gravada aínda en moitos dos usuarios e usuarias das bibliotecas en todo o mundo. E é certo que aínda hai bibliotecas que son templos do saber, templos de estudo, templos de silencio. Pero non é o caso das bibliotecas municipais da Coruña. E mesmo así –inda que cada vez menos– segue estrañando a moitos a celebración de concertos nunha biblioteca pública.

Se as bibliotecas coruñesas teñen que asemellarse á forza a un templo, máis que o templo de silencio retratado no popular sketch bibliotecario de Mr. Bean, optamos polo templo retratado no polémico vídeoclip de Enrique Iglesias… con evidentes e marcados matices, por suposto.

Tamén a imaxe do libro e da literatura está ligado ás bibliotecas. As coruñesas non son unha excepción nisto, claro. Pero nun mundo onde o dixital cobra cada vez máis forza, necesariamente o modelo bibliotecario ha de ir mudando e adaptándose, tendo en conta que o soporte literario está variando e que nas bibliotecas teñen cabida outros elementos multimedia como a música. Non é algo novo, porque música e literatura estiveron sempre ligados, xa desde os xograres onde poesía e música era un só elemento.

tres-peixes

Concerto de Os Tres Peixes (Xabier Díaz e Guillerme Fernández) nos Xoves na Sagrada

Por iso resulta algo natural e necesario que as bibliotecas presten a súa atención, o seu espazo, o seu tempo, á música. E o mesmo que se organizan encontros con autores, para que os lectores poidan ter un contacto coa literatura viva, é consecuente que se organicen concertos –adaptados aos espazos bibliotecarios– para que os usuarios da biblioteca tamén teñan contacto coa música en vivo. Se levan un libro de Manuel Rivas e lles gusta vir a un encontro con Manuel Rivas, por que non van levar o disco da banda de Cedeira Los Eternos e vir a un concerto de Los Eternos?

Hai pouco precisamente o blog Biblioideas, da Universidade de Zaragoza, publicaba un artigo moi interesante sobre a mutua inspiración de música e escritura, titulado Los libros se pueden aprovechar para hacer canciones, que vos recomendamos que leades.

Na biblioteca da Sagrada Familia hai tempo que temos isto claro. “Os Xoves na Sagrada”, os concertos de música entre libros, son a manifestación máis clara desta vontade. Para os que aquí traballamos, para os nosos usuarios e usuarias, e para os músicos que nos visitan, é algo moi especial. Cando contactamos con algún músico, ou algún grupo, para invitalos vir actuar á biblioteca da Sagrada Familia, sempre contamos cunha resposta ilusionada. Porque todos e todas entenden a vinculación da música cos libros. E tamén porque é unha forma de achegar o seu traballo a un público ao que quizais non chegaría doutro xeito.

Así que este 23 de abril –Día do Libro, que mellor data!– iniciamos a nosa sexta temporada de “Os Xoves na Sagrada”. Desde aquel 4 de marzo de 2010, foron xa 45 concertos e unha chea de novos amigos e amigas no mundo da música, que lembran á biblioteca e aos seus usuarios cun cariño especial.

Seguiremos programando este ano tendo en conta un amplo abano de gustos e tendencias. E por vez primeira organizaremos unha sesión para os máis cativos, como unha especie de “xovesiños”, con Magín Blanco e o seu espectáculo “Libros en-cantados”.

A apertura do ciclo correrá a cargo de Samarúas, unha formación coruñesa de folk cun estilo ben persoal. Xente nova pero con calidade xa ben contrastada. E o cerre corresponderalle a Lonely Coaster, unha banda de rock, tamén coruñesa, cunha traxectoria ben exitosa. Non acabará aquí esta temporada porque o ciclo reanúdase no outono.

Pero da “chicha” de cada un destes concertos xa vos iremos falando aquí polo miúdo. Non vos queda outra que estar ben atentos a Bibliosons, porque puntualmente aquí iremos dando conta de cada un dos grupos que van pasar pola biblioteca. Unha biblioteca, a da Sagrada Familia, xa vos quedou claro, que non é esa especie de templo solemne de Mr. Bean pero tampouco –non nos pasemos– esoutro templo espazo da algueirada de Enrique Iglesias.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s