Samarúas abre a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada

Disque a Costa de Morte é terra de naufraxios. Pero esta comarca coruñesa ten moitos máis aspectos, e moitos máis positivos, que os naufraxios que a marcan. Ben é certo que se é terra de naufraxios, é tamén terra de navegantes, e necesariamente navegantes ben curtidos e intrépidos para atreverse con esas axitadas augas. Con toda seguridade esta valentía e pericia marca o carácter dos habitantes destas terras. Ben o saben os compoñentes da banda que vai iniciar a sexta temporada de Os Xoves na Sagrada.

Samarúas está formado por mozos e mozas da Costa da Morte e da Coruña, outra terra ben batida polos mares e que sabe da súa bravura. Xente nova que malia a súa idade –móvense entre os 17 e os 24 anos– teñen sobradamente demostrada a súa valentía á hora de navegar polas augas, tamén axitadas en ocasións, da música. Malia a súa idade son navegantes –músicos– experimentados, porque os escenarios forman parte da súa vida desde nenos.

Samarúas

Gravando con Fernando Barroso – Producións do Cuarto Baleiro

Vimianzo, Baio, Camariñas e A Coruña, son os lugares de orixe destes seis músicos que desde o 2013 uniron os seus talentos para formar Samarúas, un grupo que eles mesmos definen como de folk tradicional galego, pero cun toque persoal propio. A través da gaita, a percusión, o acordeón, o violín, a guitarra e –por suposto– a voz, recrean un ambiente musical con reminiscencias mariñeiras –por algo as súas orixes están entre dous faros, a torre de Hércules e o Faro Vilán– pero sen esquecer que están en terra. Non en vano o seu nome, Samarúas, vén da linguaxe dos vellos canteiros galegos, –latín dos canteiros ou verbo dos buxas– que se chamaban, entre eles mesmos, samarúas.

“Poderosos ‘gadomos’ dos ‘samarúas’ canteiros
que sosteñen as ‘xarufas’ e antergas cidades
semellantes a barcos pantasmas na noite
ao ‘aniscar’ a ‘usca’ na ‘raula’.”
Celso Emilio Ferreiro, “Longa Noite de Pedra”

Non se trata de un grupo folk ao uso. Eles mesmos recoñecen que optaron por unha música de fusión, modernizando a tradición folklórica con outros estilos máis actuais, dando lugar a unha visión musical “costadamorteoceánica”, como ben os definiu Nonito Pereira na súa presentación do grupo.

O concerto na biblioteca Sagrada Familia será o xoves 23 de abril –coincidindo co Día Internacional do Libro– ás oito da tarde. E, como sempre, a entrada é libre ata completar a capacidade. Xa o tedes ben apuntadiño nas vosas axendas?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s