Música galega en feminino

O pasado sábado 24 de outubro o Teatro Principal de Santiago de Compostela foi un dos escenarios que acolleu os actos de homenaxe á escritora Begoña Caamaño logo de cumprirse o primeiro ano do seu pasamento.Begoñísima-outubro-2015

O acto no Teatro Principal congregou a ducias de artistas e achegados da escritora. Unha trintena de artistas fixeron memoria con música e creacións videográficas con Begoña sempre como protagonista.

Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas non faltaron á cita. Dende Bibliosons facémonos eco da homenaxe e aproveitamos para facer a nosa particular recomendación musical porque ademáis do merecido recoñecemento á escritora o acto serviu tamén para deixar constancia do bo momento que atravesan as voces femininas no panorama musical galego.

Nomes coma os de Uxía  ou Mercedes Peón son de sobras coñecidos por todos, e de Alba María xa temos falado aquí noutras ocasións. A quen queremos resaltar desta volta é á formación De Vacas, o proxecto musical de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, ó que decidiron incorporar a Guillerme Fernández porque é un referente a nivel musical, e ademais amigo seu. Déronse a coñecer a través de internet cunha sorprendente versión do Gangnam Style, de Psy. O grupo transforma música disco en pezas vocais que cantan en galego e aportan sen dúbida un alento fresco e divertido ao panorama nacional, tan necesario nos tempos que corren.

Habelas Hainas pola súa banda, é un grupo folk composto por catro rapazas, Arantza Alfaia (tamboril, bombo, darbuka, caixón flamenco), Jara Ortiz (voz, bombo, pandeireta, crótalos árabes), Patricia Gamallo (gaita, saxo alto, pandeiro), Sandra Tamayo (acordeón, gaita, pandeiro). Comezaron a súa andaina no 2009 cunha versatilidade que as leva a a explorar outros eidos artísticos como a teatralidade e as artes plásticas e visuais facendo de cada espectáculo algo diferente e senlleiro pero o punto de partida é a música tradicional e de raíz.

Ámbalas dúas formacións merecen moito a pena, así que se tedes ocasión de velas en directo non a desaproveitedes e non o decimos somentes nós, Uxía fai unha crítica das novas voces de mulleres na música galega onde fala ademáis destas, doutros nomes que están dando moito que falar coma as Agoraphobia, Mónica Denut ou Wöyza.

Pistoletazo de saída dos Xoves na Sagrada: La Senda de Afra

Frescura e actitude, son elementos que definen quen son e que fan La Senda de Afra, os encargados de poñer a banda sonora ao primeiro dos concertos de outono de Xoves na Sagrada o vindeiro 22 de outubro.
A banda de pop-rock deu os seus primeiros pasos no 2008, da man de Sheila Orro e Patri Varela. Con un contundente son pop-rock e unha forte posta en escena, dende o seu debut en directo no 2009 no campus de Santiago ata hoxe obtiveron éxito tras éxito.

Gañadores de concursos musicais de prestixio como “Nordés” dos 40 Principais, a primeira edición do “QueroStar” ou a final do“Noroeste Pop Rock” no verán do 2014.

A guinda foi o “Beefeater London Sessions”, que os levou a Londres aos míticos Abbey Road Studios. Alí gravaron dous temas que foron publicados exclusivamente en formato dixital para ser distribuídos pola rede.

O seu primeiro disco “Tardes de Abril” totalmente autoeditado, foi moi ben recibido polo público. O tema que lle da nome conta cun videoclip gravado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e dirixido por Gonzalo Cotelo, que podedes ver no seu canal de youtube


O seu último proxecto “Nuestro secreto”  inclúe os temas feitos en Abbey Road Studios de Londres como “Noches en vela” ou o seu último vídeo “Tomenta de verano”


Este concerto estrea o noso ciclo de outono, que ven cheo de sorpresas. Que mellor, para esas tardes de outono, que achegarse á Biblioteca Municipal Sagrada Familia e escoitar un concerto en directo. Aí van as datas para os nosos Xoveadictos. Un cartel variado e con personalidade:

carteloutono II

“The Tambourine Man”, o novo agardado disco de Xabier Díaz

A Coruña está de estrea, Xabier Díaz presenta o seu novo disco, ‘The Tambourine Man’. O título é toda unha homenaxe o célebre tema de Bob Dylan. A cita é o venres 16 de outubro e  terá lugar xunto coas Adufeiras de Salitre –11 percusionistas e cantoras de música tradicional– ás 20,30 horas no Teatro Rosalía de Castro.

Será unha cita moi especial posto que se trata da cidade natal do músico e onde xabier diazvive toda a súa familia. A presentación chegará tamén a Vigo (15 de novembro), Madrid (4 de decembro) e Barcelona (5 de decembro), entre outras prazas porque as miras son tamén de proxectarse no exterior e ogallá que así sexa.

The Tambourine Man é o último traballo do grande da música galega Xabier Díaz xunto ao grupo de percusionistas As Adufeiras de Salitre. As Adufeiras son  ex antigas alumnas súas cando Xabier era profesor de adufe e pandeiro cadrado, e aínda que nun comezo só ían participar nalgúns temas forman parte indusutible do disco aportando enerxía e moita luz.

Despois de 8 anos participando en proxectos colectivos (BerrogüettoaCadacanto, Luar na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas, Kepa Junquera, Uxía, Xosé Manuel Budiño… Xabier, volve en solitario e publica un disco no que volta á raíz, no que recupera  tradición recente dos últimos 50 anos e volvea transmitir de xeito humilde e brillante.

É un disco que afonda no noso propio ADN segundo explica o propio Diaz. Inclúe 11 temas tradicionais galegos e un castelán cun marcado enfoque vangardista.

O disco baséase nas recolleitas que Xabier foi desenvolvendo como investigador e compilador da música tradicional. A voz, mais tamén a percusión conforman a base e a estrutura do disco que, despois, se reviste con outros instrumentos da contorna da música galega.

Unha cita para non perder que dende Bibliosons recomendamos, así como a consulta e préstamo dos seus anteriores traballos dos que xa dispoñemos nas Bibliotecas Municipais.

 

 

Lista Reprodución Forum: o mellor de “Viaxando con Ritmo”

Moi ao noso pesar, o verán rematou e xa estamos metidos de cheo no outono, cambio de cores na paisaxe, cambio de fondo de armario, cambio de hora…,  pero non necesariamente ten que supoñer un cambio no estado de ánimo. Aló menos eso é o que queremos conseguir coa nosa Lista de Reprodución de Forum do mes de Outubro, na que faremos un repaso do mellor das viaxes musicais que realizamos durante o verán.

viaxando con ritmo10

A nosa primeira parada foi a capital madrileña. Os comezos do que máis tarde se coñeceu como a “Movida” foron entre 1977-78 ao redor dos grupos musicais da Nova Onda Madrileña, primeira fornada punk a imitación do que sucedía en varias cidades anglosaxoas neses mesmos días. De entre a marabunta de grupos e vocalistas do momento retemos na nosa memoria a Los Secretos coa súa canción DéjameNacha Pop coa súa  Chica de ayer ou Tino Casal con Embrujada. Pero en Madrid tamén houbo tempo para visitar as grandes salas de concertos, asistir a musicais e por suposto a festivais. A capital segue estando de moda e segue dando moito de que falar en canto a novos músicos se refire. Boa proba delo son os Izal, o grupo formouse a finais de 2010, pero os seus membros proveñen de diferentes proxectos anteriores, con máis de 10 anos de experiencia musical ás súas costas.

Pasamos por Londres, berce de diversos xéneros musicais como o Punk, mod,glam rock, ademais do Britpop chegando a ser hoxe o punto de converxencia de diversas enerxías multiculturais. E na capital inglesa bailamos a ritmo de funk e soul (Jamiroquai, Faithless) ritmos máis movidos como os de Prodigy, Basement e Lemon jelly ou electrónica coma a dos Chemical Brothers. Pero dende logo o que non faltaron foron os míticos Rolling, Beatles e o sempre camaleónico Bowie.

Nas viaxes musicais visitamos grandes capitais europeas coma París que viu nacer en 1982 a Festa da Música, Estocolmo, capital sueca que figura como o terceiro país en número de producións musicais no mundo. Roma ou Berlín que presume de ser o centro musical de Alemania e onde os músicos destacan pola súa gran creatividade. A ecléctica Barcelona estivo tamén presente nas nosas citas. Barcelona e toda Cataluña achegan unha gran cantidade de talentosos músicos en todos os terreos desta arte (pop, rumba, clásico, ópera, folclore, electrónica, indie…)

Parada obrigada foi a cidade de Nova Iork cidade de jazz, capital de movementos hippies e do estilo punk-rock. A capital estadounidense é un dos lugares máis importantes na historia da música popular latina. E rematamos o noso particular “Viaxando con Ritmo”, ao igual que a nosa lista de hoxe co sempre nostálxico Bos Aires a ritmo de tango e pinceladas de rock. Carlos Gardel é a maior referencia do tango, pero hai outros artistas esenciais do xénero, Ignacio Corsini, Hugo del Carril,Mercedes Simone e artistas moito máis actuais son Gotan Project, banda formada no 1999, que representan o tango do século XXI.

Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución con todos os artistas para que a desfrutedes. E se queredes escoitar os traballos seleccionados ao completo non esquezades pasarvos pola Biblioteca Forum e levalos en préstamo!

Radio Futura  Arde la calle, Adele – Adele 21, Count Basie – Atomic Basie, Beatles – Sgt. Pepper`s Lonely Club Band, David Bowie – Diamond Dogs, Andrés Calamaro – La lengua popular, Tino Casal – Todo CasalLeonard Cohen  Live in London, Coldplay – Mylo Xyloto, Paolo Conte – The best of Paolo Conte, Alberto Cortez – Identidad, Coti – Malditas Canciones, Neil Diamond – 20 Diamond Hits, Carlos Gardel – Vol. 2, Gotan Project – Lunático, Izal – Magia & Efectos especiales, Muse – The ResistanceNacha Pop – Un día cualquiera, The Pains of Being Pure at HeartPeret – De los cobardes nunca se ha escrito nada, Ástor Piazzolla – Piazzolla… o no?, Eros Ramazzotte – Eros, Rolling Stones – The best of the Rolling Stones, Los Secretos – Adiós tristeza, Sidonie – Sierra y Canadá, Rod Stewart – The Complete Great American Songbook