O sabor da carne sen castrar

Fai pouco máis dunha semana que os Heredeiros da Crus comezaron unha xira que os levará a percorrer dez localidades galegas. Vigo, O Barco de Valdeorras, Boiro, Lugo, Ferrol, Ourense, Carballo, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela son os lugares escollidos para a “Volta aos Jaliñeiros” que desenvolverase durante os meses de novembro, decembro e xaneiro con aforos próximos ás 200 persoas. Os Heredeiros queren levar o espírito da banda de volta aos foros que os veron crecer: apostan polas distancias curtas como acicate desta xira. Será unha boa oportunidade para disfrutalos na súa formación básica (Fran Velo, baixo; Manu Rey, batería; Tucho Novo, guitarra; Tonhito de Poi, guitarra; Javi Maneiro, voz) e de escoitar temas que se recuperarán para esta andaina.

heredeiros-da-crus-pentavox-galicia-gira-2015

Heredeiros nace en Castiñeiras, en Ribeira (A Coruña) en 1992. Logo duns primeiros ensaios nun galiñeiro de Poi, ese mesmo ano ofrecen o seu primeiro concerto na mítica Festa da Dorna. En 1994 publican o seu primeiro disco, “A Cuadrilla de Pepa a Loba”, un álbum que marcou un antes e despois na historia do rock en galego e no que se inclúen himnos como “Quero josar” ou “O fillo de José”.  Só un par de anos despois editarían o segundo disco, “Está que te cajas!!”,  con temas emblemáticos como “O teu fillo fuma porros”, a melancólica “A chaqueta de lana” ou “Frenaso no calsonsillo”’, unha peza na que colabora o mesmísimo Rosendo Mercado.

Logo virían “Criatura” (1997), “Des minutos” (1997), “Erecsiones Munisipales” (1999), “All right Chicago” (2000)… Proxectos cos que conseguen manter un gran nivel de vendas, saír a tocar no estranxeiro e permitirse maneiras de mainstream (íscalle lura, my friend).

Foron un dos diversos grupos que a principios dos noventa formaron parte dun movemento musical que resultou ser todo un fenómeno social en Galicia: o rock bravú. Os grupos comezaron a ser moi coñecidos grazas á visibilidade que lles ofrecía na “telegaita” o programa Xabarín Club, estreado en 1994, desde unha televisión pública por entonces máis entusiasta e moito máis interesada que agora nos contidos xuvenís e en potenciar o rock en galego.

A colección de videoclips con karaoke que produzo o Xabarín converteuse na banda sonora da merenda de toda unha xeración de rapaces e rapazas galegos: cancións de grupos consagrados como Siniestro Total, Os Diplomáticos de Monte-Alto ou Aerolíneas Federales; emerxentes como Blood Filloas, Yellow Pixoliñas ou os  propios Heredeiros, e tamén bandas procedentes do mundo lusófono. Referentes da movida viguesa, rock bravú, indie, punk… todos eles mesturados e ben axitados para o deleite da infancia galega.

Imposible esquecerse de temas como “Qué jallo é!”, “Estou na lavadora”, “Non todo é o que parece” ou a mítica “Oda ao futbolín”, por citar algunhas. Fixeron máis polo noso galego que a EXB ou calquera campaña de normalización lingüística.

Máis de 20 anos deste movemento basado en grupos que facían (e, por sorte, algúns seguen a facer) rock en galego e que procedían maioritariamente de pobos moi alonxados dos centros de producción musical. Excepto Os Diplomáticos de Monte Alto, as bandas viñan de pobos de toda a xeografía galega: O Caimán do Río Tea de Ponteareas, Os Impresentables de Vimianzo, os Skornabois de Lourenzá, os Rastreros de Chantada… Un rock rural, da Galicia profunda, que falaba de vivencias cotiás cun tono cómico e irónico. Unha manifestación do orgullo pola nosa cultura con sonido bravío e sen aditivos.

Xavier Valiño chegou a definilo no seu libro “A paixón que queima o peito” como un “rock sen capar, que xurdiu cando as guitarras chegaron ás aldeas”. (¿Que sería de nós sen elas?)

Se tras ler estas liñas se te antolla un revival bravú, recorda que nas Bibliotecas Municipais temos unha selección de títulos só apta para nostálxicos. Velaí algúns deles:

  • Apocalipse con Grelos. Madrid: Energy Alternative, 1998.
  • Rock Bravú : A Paixón que queima o peito. Xavier Valiño. Vigo : Xerais, 1999.
  • Unión bravú. Vigo: Edicións do Cumio, 1996.
  • Selección xa! Bravú: denantes mortos que goleados. Vigo: Cormorán Produccións, 1997.
  • ¡¡Non pises a herba!! Yellow Pixoliñas. Lugo: Sons Galiza, 1996.
  • Feito na casa. O Caimán do Río Tea. Lugo: Sons Galicia, 1995.
  • Jard Rock Con Fe. Heredeiros da Crus. Betanzos: Airapro Producións, 2013.
  • Arroutada pangalaica. Os Diplomáticos de Monte Alto. Madrid : Dro, 1991.

montaje copy

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s