Lista de Reprodución Forum: Música de película

Comezamos o ano cunha Lista de reprodución dedicada á “sétima arte”, onde a música xoga un papel fundamental, servindo de reforzo ao que o director quere amosar, ou mesmo dando sentido á obra.

Unha lista moi variada na que non podía faltar un clásico entre os clásicos, As Time Goes By, a canción de Casablanca, interpretada por Dooley Wilson nunha das escenas máis lembradas da historia do cinema. Un fragmento deste tema, composto por Herman Hupfeld para un musical, e utilizado na obra de teatro orixinal, aparece na secuencia de presentación das películas de Warner Bros. Con todo, a canción non ía aparecer no filme, pois Max Steiner, o compositor da película, quería substituíla por unha obra propia, pero non puido volver rodar as escenas en que saía, xa que Ingrid Bergman cortara o cabelo para o seu seguinte papel.

O 1939 foi un bo ano para as bandas sonoras, a melodía de Gone with the Wind traspasou os ámbitos do cinema, converténdose nun mito da historia da música; e o tema principal de Mago de Oz, Over the Rainbow, recibiu o Óscar á mellor canción orixinal. Esta balada, considerada a mellor canción da historia da música polo American Filme Institute, foi escrita por Harold Arlen e Yip Harburg para Judy Garland, unha das cantantes máis famosas do século XX, quen afirmaba que se convertera en parte da súa vida. O tema tivo unha gran transcendencia política, xa que se utilizou para expresar un sentimento de esperanza para os Estados Unidos baixo o “New Deal” do presidente Roosevelt. A canción inicialmente ía ser eliminada da película, pero o adestrador vocal de Garland convenceu aos produtores de mantela. Existen innumerables versións de Over the Rainbow: Art Tatum, Ella Fitzgerald, Louis Armstrong, Miles Davis, Glenn Miller e Jimi Hendrix son só algúns dos que lle deron o seu toque particular. Pero hai unha versión que destaca, a do cantante hawaiano Israel Kamakawiwo’ole, que fixo súa a canción a ritmo de ukelele, fusionándoa con What a Wonderful World.

A gañadora dun Óscar á mellor banda sonora The Artist viuse envolta nunha polémica, pois o seu director Michel Hazanavicius quixo homenaxear a Hitchcock e á música de Bernard Hermann utilizando o tema Love Scene, da banda sonora de Vértigo, algo que non gustou a Kim Novak. Destacamos George Valentin, o tema principal, composto por Ludovic Bource e interpretado pola Brussels Philharmonic.

A versión de Negra sombra interpretada por Luz Casal, Carlos Núñez e o guitarrista Ry Cooder non podía faltar, xa que o texto de Rosalía de Castro, musicado por Xoán Montes Capón, foi o tema principal da gañadora de 14 Goyas Mar Adentro, de Alejandro Amenábar. Esta canción marcou a orixe da banda sonora do filme, pois Amenábar contactou con Núñez para pedirlla, pero acabaron creando xuntos toda a música da película, facendo así a Mar adentro merecedora do Goya a mellor son e mellor música orixinal.

Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución completa, convidámosvos a descubrir a que película pertence cada canción; e se queredes escoitar os traballos seleccionados ao completo non esquezades pasarvos pola Biblioteca Forum e levalos en préstamo.

AC/DC – Back in Black, ABBA – Dancing Queen, Aimee Mann – Save me, Bruno Coulais – Vois Sur Ton Chemin, Carmen Cavallaro – Manhattan, Carol Sloane – As Time Goes By, Craig Armstrong – As If You Said Nothing, El Dúo Dinámico Resitiré, Edith Piaf – La Vie en Rose, Frank Sinatra – New York, New York, Freddie Mercury – Bohemian Rhapsody, Judy Garland – Over the Rainbow, Klint – Diamond, Limahl -NeverEnding Story, Little Tony – CuoreMatto, Ludovic Bource – George Valentin, Luz Casal – NegraSombra, Marvin Gaye – Let’s Get in On,  Michael Nyman – The Heart Asks Pleasure First, Nancy Sinatra – Bang Bang, Ryuichi Sakamoto – Forbidden Colours, Simon & Garfunkel – Mrs. Robinson, Steppenworlf – Born to Be Wild, T. Rex – Cosmic Dancer, Vangelis – Chariots of Fire, Yardbirds – Stroll On

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s