All we need is love

Falar dos pasados anos 60 é falar dunha década máxica que representou unha verdadeira revolución en moitos sectores da sociedade. Foron tempos rupturistas, nos que toda unha xeración deuse conta de que as regras vixentes eran obsoletas e demasiado restritivas. Urxía unha revolución para seguir o seu camiño con liberdade segundo as súas propias normas.

Non é de estrañar que a música destes anos represente tamén un punto e aparte co panorama musical anterior. Máis alá da estética dos artistas, se por algo se caracterizou foi polo compromiso social: as letras convertéronse nun arma de denuncia política; as cancións reclamaban dereitos civís básicos e protestaban contra os gobernos imperantes

Non debemos esquecer que foi en 1968 cando estudantes de todo o mundo uniron forzas para marchar case simultaneamente co obxectivo de derrubar unha sociedade que definían como hipócrita e defensora de falsos valores. Neste panorama xestáronse músicos como Bob Dylan, Joan BaezJimi Hendrix, The Doors… Falar destes artistas, así como dos Beatles, Rolling Stones, The Who, Janis Joplin e outros tantos “influencers” de culto, sería redundante (todxs temos claro que o seu legado traspasa xeracións).

Mosaico60

Obrigada mención merece o movemento hippie, cuxas manifestacións e estilo de vida deixaron unha pegada indeleble na nosa cultura. Quen viviu aquela época lembrará o mega concerto de Woodstock do verán de 1969, onde se deron cita algúns dos cantantes e grupos máis emblemáticos do momento. Tres días de paz e música que marcaron un antes e un despois na historia da sociedade moderna.

woodstock-69

Cartel oficial do lexendario Festival

No pasado BBencontro da Biblioteca Ágora quixemos render unha pequena homenaxe a esta produbbtiva década. Plantexamos unha xornada na que, baixo o título de “All you need is love”, tomamos como eixe de traballo a afectividade e as emocións dxs pequenxs.
Collemos pinceladiñas de todo o citado ata agora: unha estética hippie, positivismo a moreas e unha banda sonora deluxe: no primeiro conto da sesión empregamos unha versión instrumental do “You never can tell” de Chuck Berry (os fans de Pulp Fiction ben saben do que falamos), para continuar cunha adaptación a piano da archicoñecida “All you need is love” dos Beatles.

Rematada a “posta en escea”, xs bebés tiveron o seu momento exploración libre dos recursos de lectura, no que mantivemos como música de fondo temas tan míticos como Mercedes Benz, Sugar, sugar, Like a Rolling StoneCalifornia dreamin… A estimulación musical foi clave para captar a atención de pequenxs e maiores (hai sons inmortais que non entenden de idades).

Remataremos este “repasiño sesenteiro” lembrando outra música que é recoñecida, pero sempre relegada a un segundo plano cando falamos desta época. Ás veces esquécese que nos 60 brilou a música de Motown, un selo discográfico de Detroit que tivo unha lista de artistas incomparable: Marvin Gaye, The Supremes, The Temptations, Stevie Wonder, Martha & the Vandellas, The Jackson five, Smokey Robinson… Vese complicado que nas actuais corporacións da industria musical volva a repetirse algo semellante tanto en cantidade coma en calidade de nomes.  Para ser xust@s e non discriminalos, xa estamos deseñando un próximo BBencontro con “moito rollo” nos que empregar estes ritmos.

Sabendo todo isto, estaremos máis que convencidos de que os 60 foron unha das etapas máis frutíferas da historia da música. Pero… ¿qué pasa? ¿Daquelas non se facía mala música? ¿A crise chegou co reguetón? A socioloxía proporciona un argumento para esta cuestión: o chamado efecto Cherry Picking ou colleita de cereixas: nunha plantación de cereixas, hainas de todo tipo, pero se cultivamos imos tomar só as que teñen un mellor aspecto. Se levamos unha canastra de cereixas a un amigo, este podería crer que tódalas cereixas do noso campo son así, cando en realidade fixemos un importante filtro.

Velaí o sesgo. Cando escoitamos música “de antes”, non estamos a escoitar a radio desa época, nin unha mostra aleatoria do que soaba. Escoitamos as nosas bandas favoritas e compilados dos mellores temas do momento. Isto é un filtro que tal vez represente unhas cantas cancións por cada ano desa época. Resumindo: antes tamén se facía mala música, só que non a recordamos.

Lista de Reprodución Forum: Brasil

Chega febreiro e con el o Entroido, e pensando no Entroido, deseguido nos veñen á cabeza Rio de Janeiro e a samba. Por iso, a Lista de reprodución deste mes, dedicámola á música brasileira, que nun reflexo da diversidade cultural do país, conta con influencias indíxenas, africanas e europeas. Nela atoparedes a grandes como Antonio Carlos Jobim, Caetano Veloso, Chico Buarque, Maria Bethânia ou Daniela Mercury.

Empezamos cun animado tema de Ana Carolina e Seu Jorge, Comparsas ou Pequenez e o Pitbull, do álbum Ao vivo, lanzado en 2005 e que conseguiu o triplo disco de platino en Brasil, e que inclúe versións acústicas de cancións de éxito das carreiras de ambos, como Pra Rua Me Levar, Garganta e Vestido Estampado de Ana Carolina e São Gonça, Carolina e Chatterton de Seu Jorge.

Con máis de 500 temas, Toquinho é un dos cantantes e compositores máis importantes do Brasil, pero se hai unha canción pola que é coñecido, é por Aquarela, a canción que compuxo en 1983 xunto con Vinicius de Moraes, M. Fabrizio e G. Morra, e que dá nome ao seu disco número 35. O tema Aquarela foi versionado en italiano e castelán polo propio Toquinho, e foi interpretado Seguridad Social, Rosario Flores, ou Los Limones, achegándolle cada un o seu toque persoal. Merece a pena escoitar a versión española e a orixinal para comparar, pois a letra é bastante diferente.

María Rita, filla de Elis Regina, (unha das maiores representantes da música popular brasileira), e do compositor César Camargo Mariano, comezou a súa carreira musical aos 24 anos. Considerada un dos maiores expoñentes de bossa nova e samba actuais, gañou o Premio da  Associação Paulista de Críticos de Arte en 2002 como artista revelación antes de sacar o seu primeiro traballo, do que vendeu máis dun millón de copias. En 2014 foi seleccionada por The New York Times como unha das 10 mellores artistas en vivo e xa conta con 11 premios Grammy. O seu tema A festa conseguiu o Grammy de Mellor Canción en Portugués en 2004.

Sabemos que Carlos Núñez non é de Brasil, pero no ano 2009 o noso gaiteiro máis internacional lanzou o disco Alborada do Brasil, resultado dunha viaxe iniciada no 2007, no que buscaba as conexións musicais entre Galicia e Brasil. E é que desde que descubriu que o seu bisavó José María, que tamén era músico, emigrou a Brasil e desapareceu, quixo desentrañar o misterio. A súa investigación apunta a que José María iniciou unha nova no Novo Mundo baixo o nome de José M. Nunes ou Nunez, onde triunfou como músico. En 1904, o ano en que supostamente desembarcou no Brasil, tivo o seu primeiro éxito músical con Maxixe de ferro. Pixinguinha fixo un arranxo e gravou o tema 50 anos despois co seu grupo, e tras outros 50 anos Carlos fai  un novo arranxo e grávao con gaitas galegas. Pero este non é o único tema destacar, xa que para este traballo rodeouse de máis de 100 artistas, entre os que figuran The Chieftains, Carlinhos Brown, Lenine, Adriana Calcanhotto e Wilson dás Neves.

 Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución, e se queredes escoitar os álbums seleccionados ao completo, lembrade pasarvos pola Biblioteca Forum para levalos en préstamo.

Ana Carolina & Seu Jorge – Comparsas o Pequenez e o Pitbull, Astrud Gilberto – The girl from Ipanema, Antonio Carlos Jobim – So danço samba, Banda Reflexús – Madagascar olodum, Bossacucanova & Roberto, Menescal – Telefone, Caetano Veloso – Beleza pura, Carlinhos Brown – Lá vai ela, Carlos Núñez – Maxixe de ferro, Cássia Eller – Palavras ao vento, Céu – Cangote, Chico Buarque – Samba de Orly, Daniela Mercury – Só No Balanço Do Mar, Djaban – Segredo, Gal Costa – Festa do interior, Gilberto Gil – Dança da moda, Grupo Raça – Se me chamar eu vou, João Gilberto – O nosso amor, Legião Urbana – Pais e filos, Marcelo Camelo – A noite , Maria Bethânia – Tatuagem, Maria Rita – A festa, Milton Nascimiento – Catavento, Suba – Tantos desejos, Tim Maia – Chocote, Toquinho – Aquarela, Zeca Pagodinho – Ah! Leque