Lista de Reprodución Forum: música para o mes de xuño

Este mes, a lista de reprodución vira ao redor da actualidade musical, cunha pequena selección relacionada cos concertos que terán lugar ao longo do mesmo, como o de Paul McCartney, que visitou o noso país despois de doce anos. Cancións e artistas para todos os gustos nunha lista moi variada,  na que como non podía ser doutro xeito, a oferta musical da nosa cidade ocupa un lugar destacado, pois este xuño A Coruña é sinónimo de música.

Fai uns días Andrés Calamaro visitou o Palacio da Ópera coa súa xira Licencia para cantar. Para os que non puidestes gozar del, ou quedastes con ganas máis, recomendámosvos Bohemio (2013), o seu decimotercer álbum de estudo. Un traballo cargado de amor, nostalxia e poesía, no que hai espazo para o rock, o pop e ata para sons con aires folk e de milonga. Destacamos Cando non estás, que se colocou no primeiro posto dos rankings desde o día seguinte ao seu lanzamento. Un tema melancólico co que Calamaro pedía perdón á súa entón moza Micaela Breque, que participa no videoclip recreando unha historia de amor e desamor que tamén serve de burla dos temas que rodean a fama.

Entre o 13 e o 18 de xuño celebrarase a Primeira Semana da Música (podedes atopar toda a información aquí, na que ademais de concertos, sesións formativas, masterclasses e conferencias, haberá un ciclo de documentais vinculados á música no CGAI. Proxectaranse, entre outros, Lambert & Stamp, sobre dous aspirantes a cineastas que terminaron descubrindo e sendo mentores e managers da banda de rock británica The Who e Bird on a Wire. Este último foi gravado por Tony Palmer en 1972 durante unha xira de Leonard Cohen, e estivo desaparecido durante 40 anos, ata que atoparon 200 rolos de película en moi mal estado nun almacén de Hollywood. Palmer conseguiu unir 3000 fragmentos, con axuda da tecnoloxía dixital, e convertilos nun documental. Durante o filme, Cohen fala do amigo que quedou cos dereitos de Suzanne, a canción que lle deu fama como músico e que eliximos para a lista. Un tema inspirado nun encontro con Suzanne Verdal, unha bailarina casada cun amigo de Cohen, coa que mantivo unha longa amizade. Suzzane foi publicada inicialmente como poema dentro do libro Parasitos do paraíso, e foi gravada por Judy Collins, que a incluíu no seu disco In my life, o seu maior éxito.

Seguimos con Os Diplomáticos de Monte Alto, de quen poderemos gozar xunto a  Siniestro Total e Bastards na noite de San Xoan. Kömunikando (2003) é un disco diferente dun dos máximos representantes do movemento bravú, o único propio da música galega. Nel nótase a esencia de Xurxo Souto como cantante e principal compositor, hai novos ritmos, e o acordeón, que sempre fora o seu instrumento principal, perde algo de protagonismo. Ademais, por primeira vez parte das letras son de crítica social directa. Destacamos Quero ver.

E cara a finais de mes Wilco visitará o Palacio da Ópera. Desta banda de rock de Chicago na que só quedan dous membros da formación inicial, seleccionamos I Am Trying To Break Your Heart, o tema que abre o seu cuarto álbum de estudo, Yankee Hotel Foxtrot, e que está considerada como a mellor do grupo. A canción representa perfectamente o rock experimental do que son mestres, e dá nome a un documental sobre a banda dirixido por Sam Jones, no que se aprecia o proceso de gravación do disco. Sen embargo, nós escollemos a versión que aparece en Kicking Television: Live in Chicago, un álbum en directo que tivo moi boa recepción por parte da crítica, e que foi creado con material de catro concertos levados a cabo en maio de 2005.

Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución ao completo, e lembrade que se queredes escoitar os álbums dos traballos seleccionados, podedes levalos en préstamo na Biblioteca Fórum.

Andrés Calamaro – Cuando no estás, Andy & Lucas –  Pena penando, Duncan Dhu – A tientas, El Arrebato – En el número catorce, Elefantes  Me he vuelto a equivocar, Elvis Preysley – Blue Moon of Kentucky, Estopa – Vacaciones, Ilegales – Ella saltó por la ventana, José Luis Perales  Una canción llamada soledad, Leonard  Cohen  –   Suzanne, Loquillo y los Trogloditas – El hombre de negro, Los Enemigos – La cuenta atrás, Los Secretos – No seré yo, Los Suaves – Siempre igual, Luis Eduardo Aute – Siento que te estoy perdiendo, Malú – Blanco y negro, Mocedades – Donde estás, corazón, Modestia aparte – Son las diez, Novedades Carminha – Tú antes molabas, Os Diplomáticos de Monte Alto – Quero ver, Paul McCartney – Jenny Wren, Santiago Auserón – Annabel Lee, Siniestro Total – Miña terra galega, The Who – Baby Don’t You Do It, Wilco – I Am Trying To Break Your Heart, Xoel López – Sol de agua

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s