O tren foi un tema recorrente na música tradicional e popular desde a primeira metade do século XIX. Desde as primeiras locomotoras de vapor do século XIX ás actuais, a súa evolución tivo unha gran influencia no panorama musical. Utilizada orixinalmente nos temas como símbolo de progreso, aventura e risco, na actualidade emprégase como metáfora do paso do tempo, como evocación do pasado ou como vía para escapar da realidade.
Desde o tren tolo que vai fóra dos carrís, co que Ozzy Osbourne fala da crise na que se sumiu tras ser expulsado de Black Sabbath, ao triste no que Tom Waits quere atoparse de novo coa moza dos seus soños, e pasando polo aquel no que ven Mari, a moza máis querida de Los Suaves, convidámosvos a subirvos ao tren e gozar dunha pequena viaxe a ritmo de pop, rock, música electrónica e ata ópera.
“Os mozos malos de Boston”, Aerosmith, fixeron para o seu segundo álbum unha versión de Train Kept a Rollin’, do músico de jazz estadunidense Tim Bradshaw, que a publicou por primeira vez en 1951. Un tema ao que tamén lle deron o seu toque persoal artistas como The Yardbirds, Led Zeppellin, Guns N’Roses, Motörhead ou Metallica. A canción incluída en Get Your Wings (1974) foi lanzada como single, e posteriormente apareceu en 3 álbums en vivo. O tema, que se converteu nun dos máis populares da banda, é o único que tocaran Steven Tyler, Joe Perry e Tom Hamilton por separado antes de converterse en Aerosmith.
Bruce Springsteen tamén conta cunha canción sobre o tren, Downbound train. Un tema melancólico, no que se chora a un cónxuxe perdido. Incluído en Born in the USA (1982), foi gravado orixinalmente en acústico nunha das primeiras sesións de grabación do disco. Tempo despois, esta versión acústica pasou a formar parte do álbum Nebraska. Hai opinións variadas sobre Downbound train, chegándose a dicir desde que é a mellor canción do disco, ata que é un tema débil e descoidado. Con todo, e a pesar de non ser un dos sete singles do disco, foi popular na radio, interpretada frecuentemente no I Born in the U.S.A. Tour, e The Smithereens fixeron unha versión do tema no seu traballo recompilatorio From Jersey It Came! The Smithereens Anthology.
O músico, cantante, compositor e actor estadounidense Tom Waits incluíu no seu álbum Rain Dogs (1985) a canción Downtown Train, cuxo videoclip foi dirixido por Jean-Baptiste Mondino, e no que aparee o boxeador Jake LaMotta. Rod Stewart gravou unha versión que chegou ao nº 3 na Billboard Hot 100, despois de ser lanzado como single a finais de 1989. O tema de Stewart tamén foi número un en Canadá, chegou ao top dez das listas británicas, e ata lle serviu para gañar una nominación aos Grammy na categroría de Mellor Interpretación Vocal Pop Masculina. Ademais de por Stewart, Downtown Train foi versionada por Mary Chapin Carpenter, Bob Seger e Patti Smith, entre outros.
E se falamos de trens non podemos esquecernos de Andrés do Barro, un cantante esencial para entender o desenvolvemento do pop en Galicia. Co seu estilo melancólico e atemporal, conseguiu un fito histórico: coar unha canción en galego como número un das listas de éxitos nacionais, nunha época na que as linguas cooficias estaban prohibidas. Estamos falando, como non de O Tren (1968); un tema producido por Juan Pardo, que paticipou nos coros xunto a Emi de la Cal, Paula -a muller de Andrés do Barro- e Camilo Sesto. Neste caso, deixámosvos a versión de Siniestro Total, incluída no disco Siniestro Total II (O Regreso) (1983). E é que a afección da banda viguesa por Andrés do Barro vén de lonxe, pois dous dos seus membros orixinais, Julián Hernández e Alberto Torrado fixéronse amigos no colexio polo seus gustos musicais, e tiñan a do Barro como un dos seus referentes. Por certo, sabedes de onde ven o nome da banda? O 20 de agosto de 1981 tiveron un accidente cun Renault 12, no que acabaron no hospital con graves lesións e co coche “sinistro total”. Foi precisamente durante o periodo de convalecencia que comezaron a gravar algunas cousas.
Aquí vos deixamos a Lista de Reprodución ao completo, e lembrade que se queredes escoitar os álbums dos traballos seleccionados, podedes levalos en préstamo na Biblioteca Fórum. E se quedades con ganas de máis trens, non esquezadades visitar a mostra Estacións de Lecturas, tamén da Biblioteca Fórum.
ACDC – Rock N Roll Train, Aerosmith – Train Kept a Rollin’, Alaska y los Pegamoides – El plan, Alejandro Sanz – El tren de los momentos, Bob Marley – This Train, Bob Zurke – Honky Tonk Train Blues, Bruce Springsteen – Downbound Train, Cómplices – El tren, Coti – El tren, Count Basie – Super Chief, Creedence Clearwater Revival – The Midnight Special, Duke Ellington – Take the ‘A’ Train, Franco Battiato – Los trenes de Tozeur, Johnny Cash – Blue train, Kathleen Battle, Jessye Norman – Gospel Train, Kraftwerk – Trans-Europe Express, La Unión – Tren de Largo recorrido, Los Suaves – Viene el tren, M-Clan – El tren que nunca cogimos, Madness – Waiting for the Ghost Train, Ozzy Osbourne – Crazy Train, Siniestro Total – O tren, Supertramp – Rudy, The Clash – Train in Vain, The Velvet Underground – Train Round the Bend, Tom Waits – Downtown train