Lista de Reprodución Forum: 30 anos de Noroeste

Xa se cumpriron 30 anos desde que comezou o Noroeste, así que, como non podía ser doutro xeito, a Lista de Reprodución deste mes, dedicámoslla ao festival coruñés, unha das citas musicais máis importantes do verán no norte peninsular.  Ademais, para celebralo, traémosvos una playlist ampliada, xa que en lugar de 26, son 30 os temas que a conforman.

Desde os seus inicios en 1986 foi cambiando de nome e de escenario principal, pero non perdeu a súa esencia. Comezou como Noroeste Pop Rock, durante máis dunha década foi Coruña Pop Rock, e agora é Noroeste Estrella Galicia.

E o que empezou no Palacio dos Deportes de Riazor, pasou por Maria Pita, antes de chegar ao lugar que fai a este festival tan especial: a Praia de Riazor. Agora, co Noroeste Expandido, a música continúa noutros oito puntos da Cidade: o Castelo de San Antón, as Prazas de San Nicolás e as Bárbaras, a Igrexa das Capuchinas, a Fundación Luís Seoane, a Casa Museo Casares Quiroga, o Parque do Paseo das Pontes e o Campo da Leña.

Despois de tres décadas seguen os concertos gratuítos ao aire libre, con bandas e artistas de referencia tanto a nivel nacional, como internacional, ademais dos grupos locais.

Nesta edición bateuse un record, xa que nos acompañaron 60 grupos durante seis días, con grandes como: Editors, Neil Halstead, Triángulo de Amor Bizarro, Ocean Colour Scene ou Freedonia.

Ao longo destes 30 anos puidemos gozar de artistas tan relevantes como: The Cure, Mika, Suede, The Hives, Nacha Pop, Leiva, Xoél López, Love of Lesbian, Siniestro Total, Heredeiros da Crus ou Los Suaves.

Na primeira edición do Noroeste 30.000 persoas asistiron aos concertos de 14 grupos, entre os que estaban Siniestro Total, Glutamato Ye-Yé e Os Resentidos. Ese verán de 1986 estivo marcado por un tema, Galicia Caníbal, do disco do mesmo nome do grupo liderado por Antón Reixa. Con este himno do rock galego, Os Resentidos conseguiron que volvese soar unha canción en galego nas radios de toda España, anos despois de Andrés do Barro. Ademais, Galicia Caníbal, foi considerada pola revista Rolling Stone, como unha das 200 mellores cancións do pop-rock español.

Os británicos The Cure abarrotaron a praia de Riazor en 1998, nun momento no que a banda non pasaba polo seu mellor momento, xa que Robert Smith estaba pensando en deixar o grupo e tiñan previsto lanzar un álbum a modo de despedida. Este traballo foi Bloodflowers (2000), nomeado en 2001 ao Grammy de Mellor álbum de música alternativa e tivo unha boa acollida por parte do público e da crítica. Isto, unido ao éxito da xira, fixo que o líder de The Cure cambiase de opinión. Ao ano seguinte, cando finalizaba o contrato coa súa discográfica, Smith accedeu a lanzar un recompilatorio de grandes éxitos, elixidos por el mesmo. Así naceu Greatest hits, que inclúe temas desde 1978 ao ano 2000, e do que destacamos Close to Me, o segundo sinxelo do seu sexto álbum (The Head On The Door) e o seu lanzamento máis exitoso ata 1985.

Catorce anos despois, e un día antes dos concertos de Leiva, Iván Ferreiro e Xoel López, máis de 25.000 persoas gozaron do show de Mika, que se dirixiu ao público en todo momento en castelán. O cantante libanés que quere facer á xente feliz non o tivo fácil, pois as discográficas rexeitaban as súas maquetas polo seu estilo pouco convencional, que non consideraban comercial. Por iso creouse unha conta en My Space para dar a coñecer a súa música e subiu Grace Kelly, o tema que o catapultou á fama. Medio millón de persoas o escoitaban a través de internet, mentres que as discográficas non o querían. Deixámosvos o que foi o terceiro sinxelo do seu álbum debut, Life in Cartoon Motion (2007), Love Today, que obtivo un nomeamento aos Grammy como Mellor gravación dance.

Hai dous anos, os cataláns Love of Lesbian, foron cabeza de cartel da primeira xornada dun Noroeste, no que tamén gozamos de Madness, Los Eskizos e Delafé y Las Flores Azules, entre outros. O grupo de indie rock, estaba coa xira “Eterna” do seu sétimo álbum de estudo, La noche eterna (2012). Un disco de pequenas historias, de seres anónimos e noctámbulos, no que se mesturan realidade e ficción, e sobre a noite e o anonimato na gran cidade. Unha destas historias é a de Pizzigatos, un tema cun videoclip divertido e literalmente animado, que serviu como peche deste exitoso álbum. Inspirado nos debuxos mexicanos tradicionais, empregouse o Motion Graphics como técnica de animación, ademais de rotoscopia e ilustracións con selos de goma para animar as figuras.

Aquí presentámosvos a Lista ao completo, e lembrade que se queredes escoitar os álbums dos traballos seleccionados, podedes levalos en préstamo na Biblioteca Fórum.

Ariel Rot – Debajo del puente, Danza Invisible – Sabor de amor, Deluxe – Réquiem (No fui yo), Hombres G – Voy a pasármelo bien, Kiko Veneno – El duende, León Benavente –  Avanzan las negociaciones, Loquillo – Feo, fuerte y formal, Los Suaves – Maldita sea mi suerte, Love of Lesbian– Pizzigatos, Luz Casal – Quisiera ser y no puedo, M Clan – Inmigrante, Maldita Nerea – Tu Mirada me hace grande, Manolo Tena – Sangre española, Mika – Love Today, Miguel Ríos – Bienvenidos, Nacha Pop – Chica de ayer, Os Resentidos – Galicia caníbal (fai un sol de carallo), Pereza – Princesas, Radio Futura – Corazón de tiza, Raphael – Qué sabe nadie, Sex Museum – Circles in the Salt, Sidonie – La noche sin final, Simply Red – Something Got Me Started, Status Quo – Mony Mony, Suede – So Young, Tachenko – Mediterráneo, The Cure – Close to me, The Hives – Walk Idiot Walk, The Waterboys – Fisherman’s Blues, Triángulo de Amor Bizarro – Un Rayo de Sol