Novembro é xa todo un clásico na nosa Lista de Reprodución, e é que a causa pensamos que ben o merece. No mes de outono por excelencia chega o movemento Movember que bate récords de ano en ano. Movember é unha organización adicada aos problemas de saúde dos homes e recada fondos para loitar contra o cancro de próstata, o cancro testicular e os problemas de saúde mental. O obxectivo é recaudar fondos e aumentar a concienciación sobre a saúde do home, explican dende a web de Movember. Á iniciativa tamén se poden sumar mulleres (Mo Sistas) que axuden aos seus compañeiros (Mo Bros) a deseñar o mostacho. Pero se algo está conseguindo Movember, é sensibilizar sobre os cancros de próstata e testículo.
Na Lista de Reprodución de Novembro facemos coma sempre o noso particular “movemento november” e seleccionamos música de homes teñan ou non bigotes.
Se cadra poucos saben que The Blues Brothers foi creado nas súas orixes como un número cómico musical por John Belushi e Dan Aykroyd, para o programa de televisión Saturday Night Live. Ao principio o grupo que lles acompañaba era o do programa, pero de contado reuniron unha banda musical estable para o seu primeiro disco. O éxito dos Blues Brothers estendeuse máis aló da televisión, con diversas actuacións e un dobre platino para o seu disco Briefcase Full of Blues (1978), gravado en directo durante a súa actuación como teloneiros para un show de Steve Martin. E o salto á gran pantalla prodúcese o 20 de xuño de 1980 cando se estrea con enorme repercusión a película protagonizada polo dúo, Granujas a todo ritmo, un filme estraño, moi propio dos seus protagonistas, do seu director e da súa época. Sen embargo hoxe en día a película é lembrada e venerada por diversas razóns, en especial polo carisma de John Belushi, un dos seus protagonistas, e pola súa espectacular banda sonora. Entre outras cousas Granujas a todo ritmo, é un musical,e nel aparecen con papeis secundarios mitos como Aretha Franklin, Cab Calloway, James Brown, Ray Charles e John Lee Hooker.
Na lista non podía faltar o recén nomeado, e non exento de polémica, Premio Nobel de Literatura Bob Dylan. Durante case 50 anos Dylan, quen toma o nome artístico do poeta Dylan Thomas,mantívose xunto a James Brown como o músico americano máis influinte do rock and roll. Pero se algo caracteriza a Dylan é a creación dun estilo propio a partir da recuperación da música folk, á que engadiu letras cargadas de simbolismo e reivindicacións. Dylan foi así, deificado e denunciado por cada cambio nos seus intereses artísticos, mentras escolas completas de músicos tomaron as súas ideas e as súas letras volvéronse tan coñecidas que até o presidente Jimmi Carter as citou no seu discurso inaugural.
Os escoceses Franz Ferndinand, míticos da década dos anos 00’, tamén se suman á nosa particular causa. O seu dominio do ritmo e a excelente coordinación entre guitarrazos e golpes de batería situaronos á cabeza do revival post-punk. Ademáis a súa imaxe ao Dior Homme valeulles máis dunha portada nas revistas de moda. Pero se algo caracteria á banda é a súa identidade propia que conseguiron madurar ao longo dos seus traballos, e por suposto que fan coa súa música o que queren.
A selección complétase tamén con nomes da talla de Lenny Kravitz, Travis, Rod Stewart e tamén con artistas da terra coma Davide Salvado ou Emilio José a quen a crítica ás veces dubida entre calificalo como xenio ou como pirado. Aquí vola deixamos ao completo para que desta volta lle botedes á música e á vida en xeral “un par de bigotes”. E lembrade que se estades interesados na causa podedes rexistrarvos e elixir de que xeito queredes colaborar. Para levar os traballos en préstamo agardámosvos na Biblioteca Forum
Tributo a Antonio Vega – El alpinista de los sueños, Blues Brothers – Made in America, Bosé – Papitwo, Catpeople – What’s the time Mr. Wolf?, Bob Dylan – “Love And Theft”, Elefantes – Gracias, Emilio José – Chorando apréndese, Estopa – Voces de Ultrarumba, Franz Ferdinand – Franz Ferdinand, Iván Ferreiro – Canciones para el tiempo y la distancia, Quique González & los Detectives – Me mata si me necesitas, Jarabe de Palo – De vuelta y vuelta, Lenny Kravitz – Are you gonna go my way, Javier Krahe – Cinturón negro de Karaoke, Leiva – Diciembre, José Mercé – Ruido, Mumford & Sons – Babel, Ramones – Greatest Hits, Raphael – Te llevo en el corazón, Revolver – Revolver, Rod Stewart – The complete great american songbook, Davide Salvado – Rústica, Joaquín Sabina – 19 Días y 500 Noches, Tachenko – Las jugadas imposibles, Yann Tiersen – Les Retrouvailles, Travis – The invisible man