“A música cura, ofrece unha posibilidade de redención. Trátase dunha das poucas cousas (que non sexa de índole química) que pode chegar aos últimos recunchos do noso corazón e a nosa mente e ter un efecto verdadeiramente positivo.”
James Rhodes, Instrumental.
Polo título do post pode semellar que estou baixo efectos psicotrópicos, pero non. Fai un par de semanas tiven a oportunidade, xunto con outras compañeiras das Bibliotecas Municipais, de facer unha viaxe que ben merece unhas liñas. A libraría Moito Conto e a banda de soul Black convidáronnos a a “escoitar cos ollos e ler co oído” nun evento moi especial. Collémonos da man de dúas musas eternamente emparelladas para gozar dun paseo pola mellor música negra: SOUL E LITERATURA. Un paseo no que as áreas de descanso eran libros, xa lidos ou que aínda están por ler, nos que a música é unha protagonista máis da historia.

Podes atopar os mellores libros con banda sonora propia no Cascarilleiro, o catálogo en liña das Bibliotecas Municipais.
A voz de Iria Mejuto e a guitarra de Richi Rozas achegáronnos a temas que forman parte da banda sonora de moitos dos libros que lemos, que nos deixaron sons ademais de palabras nas nosas memorias literarias. Mergullámonos no ambiente dos clubes de Jazz dos anos 40 e 50 con Billie Holiday, o mítico cómic dos arxentinos Muñoz e Sampayo mentres soaba unha preciosa versión de Blue Moon. Un fragmento da impactante biografía do pianista James Rhodes, Instrumental, foi o estímulo para que Black xerase unha sensación máxica na sala: What a wonderful world. Mitos do soul como Otis Redding, Ray Charles, Nina Simone, Amy Winehouse… alternando con Hornby, Murakami, Lorenzo Silva, Francisco Castro… Parágrafos e partituras cunha mensaxe común: a música como válvula de escape ante o sufrimento dun pobo oprimido. A droga que arrolaba as ilusións dos que soñaban coa igualdade racial. Savia vital.
Non penso pormenorizar en tódalas paradas que fixemos, a decisión de descubrir as marabillas desta viaxe é toda vosa. De seguro teredes a oportunidade, xa que este espectáculo didáctico está deseñado para itinerar por espazos de educación secundaria, centros culturais, bibliotecas… co obxectivo de poñer en valor a cultura negra, así como a relación entre música e literatura, a través dun coidado repertorio interpretado en directo. Unha proposta magnífica dunha formación mutante (o formato de Black varía de dúas persoas a nove) que aposta pola música soul, “esa música de voces negras que alimentan a alma e a sensibilidade e que, a día de hoxe, só podemos oír, na súa maioría, en vellas gravacións”.
Se mo permitides, finiquitarei a crónica cun recadiño para xs amigxs “blackies”: autodefinirse como “proxecto musical” é quedar curto. Ides moito máis alá. Foi un luxo participar na estrea desta iniciativa tan interesante, diferente e necesaria. Grazas por crear algo tan fermoso!

Iria Mejuto (voz), Richi Rozas (guitarra), Jorge Quesada (baixo), Anxo Seco (teclados), Adrián Seijas (batería), Wilson Ortega (trompeta), José García (saxo), Marian Ledesma e Lucía Veiga (coros) son os nove músicos que integran Black no seu formato BigStage.
Pingback: Ola, Spotify! | Bibliosons