O 2016 está chegando ao seu fin; por iso, nesta Lista queremos render unha pequena homenaxe a aqueles que ao longo do ano entoaron os seus últimos temas, como David Bowie, Prince, Manolo Tena ou Narf.
Durante este mes Carlos Núñez, Xoél López e o grupo catalán Manel, entre outros, pisarán os escenarios coruñeses para deleitarnos cos seus temas. Moitos artistas, como Anastacia, John Legend, Kylie Minogue, Tonny Bennet, Conchita ou Loquillo, elixen estas datas para lanzar os seus novos traballos, e mentres esperamos a que cheguen aos nosos andeis, deixámosvos algúns dos seus éxitos anteriores para ir abrindo boca. E co Nadal ao virar a esquina, non poden faltar algúns dos clásicos destas Festas, interpretados por Bing Crosby, Frank Sinatra, Kenny G e Take 6.
Natural de Silleda, Fran Pérez, Narf, foi un dos grandes da música galega e un dos catro fundadores da antiga Sala Nasa; na que participou compoñendo temas para a Banda da Nasa ata 1998 e como actor, nalgunhas montaxes da compañía Chévere. O seu vínculo co mundo do espectáculo non se limitou á actuación: creou máis de trinta bandas sonoras para producións teatrais de compañías de Galicia e Portugal, que lle reportaron varios premios, entre eles cinco María Casares á mellor música orixinal. Tamén puxo música a unha película de animación e a documentais, como Galicia Une. Na súa intensa traxectoria levou a súa música a escenarios de Europa, Asia, América e África. E en Nas tardes escuras, converteu en cancións doce coñecidos poemas de Rosalía de Castro, como Nunca Sospiro, cun magnífico resultado.
O coruñés Xoel López está inmerso na despedida galega en acústico da Gira Paramales. Despois de cinco álbums como Deluxe, este é o seu segundo traballo tras regresar de terras americanas, onde marchou para romper con todo, explorar e descubrir distintas músicas e estilos e colaborar e compartir escenario con multitude de artistas. Nesta viaxe absorbeu sons de todos os lugares que visitou. Algo que se nota no seu último traballo: con aires arxentinos, guitarras españolas, sons setenteiros e co que obtivo os galardóns de Mellor Álbum Pop e Mellor Produción Musical nos últimos Premios da Música Independente. Un año más é un tema con ton optimista e cun refrán que fala de amizade, experiencias e vivencias, e de empezar de cero e con forzas novas.
Cantautora, mestra, filóloga e antropóloga social, con formación no baile e a música tradicional galega, María Xosé Silvar, Sés, non deixa indiferente a ninguén. O seu cuarto álbum Opoñerse a extinción, que presentará na nosa cidade a finais de mes, é , como ela di, un traballo “de amor á nosa cultura e identidade”. A coruñesa de raíces bergantiñás segue desbordando enerxía, inconformista e apaixonada, Como no seu anterior traballo, Tronzar vos valos, do que destacamos Como eu canto, un tema moi sincero de influencias cubanas
Con dez Grammy, dez Premios Dove e un Premio Soul Train ás súas costas, a banda americana Take 6 é considerada unha das mellores representantes da música góspel contemporánea. O sexteto de Alabama, que leva dende 1985 triunfando coa súa fusión de música relixiosa e jazz, lanzou en 1991 He is Christmas, un álbum de clásicos do Nadal, do que destacamos Silent Night.
E se coma nos, non podedes ir a Viena a gozar do Concerto de Aninovo, podemos rememorar o gran concerto do 2014, no que o sempre xenial músico e director israelí-palestino-arxentino-español Daniel Barenboim, regalou un gran momento ao saudar un a un a todos os membros da orquestra, mentres interpretaban a Marcha Radetzky.
A continuación tedes a lista ao completo. Non esquezades pasarvos pola Biblioteca Fórum para levar en préstamo os traballos seleccionados.
Anastacia – The Way I See It, Andrés Calamaro – Todavía una canción de amor, Banda Municipal de La Coruña – La leyenda del beso, Bing Crosby – Letit Snow! Let it Snow! Let it Snow!, Carlos Núñez – The Moon Says Hello, Conchita – Nada, Daniel Barenboim – Radetzky Marsch, David Bowie – Girl loves me, Frank Sinatra – It Came Upon a Midnight Clear, Jefferson Airplane – Somebody to Love, John Legend – Save Room, Kenny G – Silver Bells, Kylie Minogue – Get Outta My Way, Loquillo – Rock & roll star, Manel – Ai, Yoko, Manolo Tena – Tocar madera, Narf – Nunca sospiro, Neil Young – Light a Candle, Orquesta Sinfónica de Galicia – Allegro molto vivace, Prince – Cream, Rolling Stones – Angie, Ses – Como eu canto, Take 6 – Silent Night, Tiziano Ferro – Tardes negras, Tony Bennett & Lady Gaga – It Don’t Mean A Thing, Xoel López– Un año más