Lista de Reprodución Forum: Son de Oscar

Que sería do cine sen a música? Difícil resposta, pois ambas foron practicamente inseparables desde a creación do cinema en 1895. Ao principio, na época do cine mudo, as salas contaban cunha agrupación instrumental ou un pianista para acompañar á película. Hoxe é practicamente inconcibible unha película sen música, xa que esta cumpre un papel fundamental no desenvolvemento da acción.
E como o 26 de febreiro terá lugar a 89ª cerimonia dos Premios Oscar, nos que desde 1934 prémiase tanto a Mellor canción orixinal, como a Mellor banda sonora, a lista deste mes está dedicada a algúns dos intérpretes e compositores dos temas e das bandas sonoras que foron galardoados ao longo das distintas edicións.

En 1997 a version cinematográfica de Evita gañou o oscar á mellor canción orixinal con You Must Love Me. Este tema de Tim Rice e Andrew Lloyd Webber (artífices de musicais como O pantasma da ópera ou Cats) foi interpretado por Madonna. Uns anos despois, no 2011, Masterpice, da película que ela mesma dirixira e coescribira, Wallis e Eduardo, e coa que unhas semanas antes obtivera un Globo de Ouro, quedou fora das nominacións ós Oscar. E é que unha das normas di que só poden ser elixidas as cancións que aparecen na película, e no caso de saír nos títulos de crédito finais, deben ser o primeiro tema en soar, e non era o caso.
Posteriormente, en 2013 lanzou o seu cuarto álbum en directo, MDNA World Tour, nado na xira do seu duocécimo álbum de estudo, MDNA. Del destacamos Vogue, un dous seus temas máis coñecidos, lanzado orixinalmente en 1990 e que figura no posto 64 das cancións con máis ventas de tódolos tempos, e cun vídeo musical dirixido por David Fincher, considerado un dos mellores da cantautora, actriz e empresaria.

O compositor estadounidense Henry Mancini estivo nominado ao Óscar en 17 ocasións, gañando a prezada figura en catro: con Almorzo con diamantes (1961)  a de Banda sonora e Mellor canción, por Moon River; con Días de Viño e Rosas (1962), o de Mellor canción e con Victor ou Vitoria? (1982) o da desaparecida categoría de Mellor adaptación musical. Ao longo da súa exitosa carreira, Mancini gañou vinte Grammys e un Globo de Ouro.

En 1963 Mancini puxo música a outra película moi coñecida, a Pantera Rosa, da que destacamos It Had Better Be Tonight, tamén coñecida como Meglio Stasera. O tema foi interpretado no filme por Fran Jeffries en italiano, pero conta con outra versión en inglés que tamén aparece na película. No álbum da banda sonora atópase unha versión instrumental e a inglesa, pero non a italiana. Unha das interpretacións máis lembradas de It Had Better Be Tonight é a de Michael Bublé (2007).

No ano 2014 a película Frozen levou o Óscar á Mellor canción orixinal por Let It Go, composto por Kristen Anderson-Lopez e Robert Lopez. Pero antes de gañar o premio houbo unha polémica sobre quen debía interpretar o tema na gala. Pois aínda que na película é a actriz e cantautora estadounidense Idina Menzel quen presta a súa voz á raíña Elsa (e quen finalmente cantou na cerimonia), a súa compatriota Demi Lovato ten un vídeo musical e canta a versión que aparece nos títulos de crédito.

E é que a relación de Lovato con Disney viña de lonxe. No 2008 xa obtivera un papel principal que lle levou a asinar un contrato discográfico. E a día de hoxe, con 24 anos xa conta con 5 álbums. O último deles lanzado co seu propio selo discográfico, creado xunto a Nick  Jonas e Phil McIntyre. En 2014 saíu DEMI, o seu cuarto álbum, do que Neon Lights foi o terceiro sinxelo, e o que deu nome á xira. Un tema con influencias dance e electropop, que marca un cambio con respecto ás baladas pop que interpretara ata o momento.

Tras tres 3 nominacións, o cantante, compositor, baterista, pianista e actor británico Phil Collins, conseguiu no ano 2000 a prezada figura grazas a un tema doutra película da factoría Disney, You’ll Be in My Heart, de Tarzán.

Collins é xunto con Paul McCartney e Michael Jackson, un dos artistas pop que vendeu máis de 100 millóns de álbums en todo o mundo, tanto na súa carreira como solista, como formando parte de Genesis, banda da que foi membro entre 1970 e 1996 e coa que colabora esporadicamente desde 2007. En 2008 ocupou o posto 22 na lista dos 100 mellores artistas de todos os tempos segundo o Billborard Hot 100.

Going Back (2010), o seu oitavo álbum  de estudo, foi gravado nunha etapa na que non podía tocar a batería por unha operación para reparar as vértebras do pescozo. O disco conta con versións de temas de Motown (discográfica estadounidense especializada en música negra), entre os que se inclúe Dancing in the Street, un tema composto por Marvin Gaye, Mickey Stevenson e Ivy Jo Hunter, e que se fixo popular con Martha and the Vandellas (1964), converténdose nunha das súas cancións máis emblemáticas. Ademais de Collins, o tema foi versionado por Mamas & the Papas (1966), Van Halen (1982) e David Bowie e Mick Jagger (1985), entre moitos outros.

Este ano os nominados á Mellor canción son Justin Timberlake, por Can’t Stop the Feeling!, de Trolls; Sting e J. Ralp, con The Empty Chair, de Jim: the James Foley Story; Audition e City of Stars, de A Cidade das Estrelas e How Far I’ll Go, de Vaiana. E á Mellor banda sonora Mica Levi, por Jackie; Dustin Ou’Halloran e Hauschka, por Lion; Nicholas Britell, por Moonlight; Thomas Newman, por Passengers  e Justin Hurwitz, por A Cidade das Estrelas. Precisamente nesta última película John Legend, que xa gañou un Óscar a Mellor canción en 2015 por Glory, de Selma , presta a súa voz a un dos temas. Quen gañará? Pronto o saberemos.

Aquí tedes a Lista de reprodución ao completo. E se queredes escoitar os álbums dos temas seleccionados, pasade pola Biblioteca Forum para levalos en préstamo.

Adele – Someone Like You, Annie Lennox – Little Bird, Barbra Streisand – People, Bing Crosby – Blue Skies, Bob Dylan – Duquesne Whistle, Bruce Springsteen – Waitin’ On A Sunny Day, Demi Lovato – Neon Lights, Dimitri Tiomkin – Main Title, Elmer Bernstein –  The Age of Innocence, Elton John – Your Song, Eminem – Beautiful, Ennio Morricone – Amàlia por amor , Frank Sinatra e Carly Simon – Guess I’ll Hang My Tears Out to Dry, Hans Zimmer – 503, Henry Mancini – It Had Better Be Tonight, John Barry – Ill Wind, John Legend – Stereo, Jorge Drexler – Universos paralelos, Justin Timberlake – Mirrors, Madonna – Vogue, Nat King Cole – You must be blind, Phil Collins – Dancing in the Street, Richard Rogers– Zip, Ryuichi Sakamoto – Tema principal, Stevie Wonder – Superstition,Sting – Englishman in New York