De Acordes: a despedida

Tras tres meses desfrutando da música, hoxe rematamos o Ciclo Temático De Acordes, e desde a Biblioteca Fórum Metropolitano queremos dar as grazas.

Grazas a Sabela, Paula, Laura,  Maikol, Lucas, Helena, María, Laura, Daniel G. Artés e María García do Coro Xove da Orquestra Sinfónica de Galicia polo marabilloso encontro que tivemos na Biblioteca.

Grazas ao Coro Xove ao completo polo concerto no que desfrutamos de música de épocas e estilos moi diversos.
Actividades Ciclos Temáticos BForum

Grazas a Xardín Desordenado pola súa fermosa homenaxe a Carlos Casares, na que a través do swing, o blues e a bossa nova achegáronnos aos seus textos.

Grazas a Manoele de Felisa por  facer que grandes e pequenos se acheguen á poesía musicalizada.

E grazas a todos vós por pasar estas tardes musicais con nós e por gozar da selección de libros e música que fixemos con tanto agarimo.

Que non pare a música!

Lista de Reprodución Forum: ritmos do mundo

Achégase a tempada estival e para celebralo, convidámosvos a unha viaxe na que, sen preocuparnos de maletas, visados, trasbordos, etc.,  nos achegaremos a ritmos africanos, asiáticos, europeos e americanos.

Comezamos o percorrido por Europa, onde nos atopamos con músicos de Portugal, Inglaterra, Finlandia e Grecia; como a Raíña do Fado, Amalia Rodrigues, quen compuxo o poema Ó Gente da Minha Terra, tema popularizado por Mariza; Talvin Singh, coñecido pola súa fusión de música clásica india, batería e baixo. Tamén visitamos á considerada “a voz da Grecia contemporánea”, Elefthería Arvanitáki. O seu tema Dinata, incluído no álbum Quédome fora (1991), mestura influencias balcánicas e música electrónica, e foi interpretado na cerimonia de clausura dos Xogos de Atenas (2004). Ambos, canción e disco, foron fundamentais para convertela na cantante helénica máis internacional.

Continuamos cun pouco de música de Mali, Senegal, Serra Leona, Camerún, Guinea Ecuatorial, República Democrática do Congo, Sudáfrica, Etiopía e Exipto. No continente africano, desfrutamos da música de Baaba Maal, un dos músicos senegales máis coñecidos; e Hijas del Sol, o dúo afropop formado por Piruchi Apo e Paloma Loribo. No seu primeiro álbum, Sibèba (1995) combinan temas compostos por elas e a música tradicional bubi (da illa de Bioko, en Guinea Ecuatorial), na súa lingua natal e en castelán. Tratan os problemas cos que se atopaban en España os inmigrantes ecuatoguineanos, e as tradicións bubis e católicas. Destacamos o tema que da nome ao disco.

Xa en Asia, imos cara Israel e a India. Na primeira parada escoitamos a Yasmin Levy, filla do musicólogo Yitzhak Levy, co seu particular xeito de interpretar a música xudeo-española medieval. Fusiona sons flamencos e instrumentos tradicionais, como o violín ou o piano.

Seguindo o traxecto lembramos ao virtuoso do sitar, Ravi Shankar. Pai da cantante estadounidense Norah Jones e da directora de orquestra Anoushka Shankar,  o músico hindú máis coñecido do mundo, posuíu o Récord Guinness á carreira  internacional máis longa. Do seu álbum Inside the Kremlim (1988) escoitamos Tarana.

E rematamos a nosa particular volta ao mundo en América. Visitamos Cuba e Arxentina. Aquí a banda Otros Aires, iniciada en España, cautívanos co seu electrotango, no que mestura de música electrónica, sons de principios do século XX e outros contemporáneos.

Antes de volver, facemos unha última escala en Estados Unidos para escoitar a Pura Fé. A fundadora do trío vocal Nativo Americano Ulali, exerce de portavoz da súa comunidade, a tribu tuscarora. E faino a través do seu repertorio musical, ligado ao blues, pero cunha identidade indíxena, que ela interpreta con guitarras hawaianas. Destacamos Let Heaven Show, do seu album Hold the Rain (2007)

Aquí tedes a Lista de Reprodución ao completo. Nela podedes ver unha pequena mostra deses ritmos de arredor do mundo que temos na Biblioteca Fórum. Se queredes continuar esta particular viaxe, non esquezades vir para levar os álbums dos traballos seleccionados.

Amalia, Iago Machado (int. Susana Pereira)Ó gente da mina terra. Baaba Maal – Tindo Quando. Cheikh Lo – Il N’est Jamais Trop Tard. Dub Colossus – Azmari Dub. Eleftheria Arvanitaki – Dinata. Hijas del Sol – Sibèba. Hossam Ramzy – Gamaal Oyounik. Ismaël Lo – Tajabone. Lokua Kanza – Nakozonga. Manu Dibango – Soul Makossa. Otros Aires – No se. Oumou Sangare – Sounsoumba. Pura Fe – Let Heaven Show. Ravi Shankar  – Tarana. Sanna Kurki-Suonio – Ei Musta. Sierra Leone’s Refugee All Stars – Oruwiebie. Ska Cubano – Cumbia en Do Menor. Smod – Cumbia en Do Menor. Staff Benda Bilili – Moziki. Susheela Raman – Ye Meera Divanapan Hai. Talvin Singh – It’s Not Over. Tinariwen  – Tenhert. Vusi Mahlasela – When you come back. X Alfonso – Ya déjame. Yasmin Levy – Yigdal. Youssou N’Dour –   Couple’s Choice.