En clave de Á

A relación de literatura e música é unha das máis antigas e frutíferas colaboracións que se producen entre distintas manifestacións artísticas. Falar da marabillosa conmoción que ambas provocan é tan evidente como subxectivo. Na sonoridade, na iconografía, na pegada social… tanto chegan a compartir que hai cancións que son pura poesía e parágrafos que teñen melodía propia.

Na Biblioteca Ágora non se nos ocorreu mellor xeito de comezar o ano que alimentando esta relación. Grazas á colaboración dos estudantes do Conservatorio Superior de Música poñemos en marcha un atractivo proxecto musical para facer que os venres na biblioteca sexan diferentes: En clave de Á. Un ciclo de música de cámara que terá lugar o último venres de cada mes na zona xuvenil da biblioteca (sempre e cando os quefaceres académicos e/ou bibliotecarios, que non son poucos, non impoñan o contrario).

Cartaz_ClaveA

Os rapaces e rapazas do Conservatorio afirman que non hai cousa que poida apetecerlle máis a un músico que tocar, e máis aínda se é no seu barrio. Ilusiónalles poder amosar o seu repertorio diante do público real, público que adoita escasear nas audicións académicas. A primeira oportunidade para escoitalos vai ser este venres 26 de xaneiro ás 19 h. Nesta ocasión recibiremos a Laura Martínez e Eloy Vázquez.

Laura, no seu derradeiro ano de estudos, ofrecerá un pequeno anticipo do seu concerto de fin de grao. E como representante da Asociación de Estudantes do Conservatorio, Eloy tampouco quería nin podía perderse o comezo deste ciclo. Grazas a eles descubriremos como un instrumento imprescindible, a guitarra, pode facer marabillas en sonatas, oberturas ou temas con variacións, creando auténtica maxia sonora.

a

Laura Martínez e Eloy Vázquez serán os protagonistas da primeira sesión do ciclo musical. 

Un concerto de música íntima, pequena, acolledora, nun marco ideal para amosar o talento e esforzo dos nosos músicos máis novos. Coa finalidade, ademais, de apoiar a educación e cultura musicais da nosa cidade. Recordade, a partir do 26 de xaneiro e cada último venres de mes, agardámosvos a partir das 19 h nunha interesante actividade que será de entrada libre e para todos os públicos. Achégate a vivila connosco!

Lista Reprodución Fórum: retorno a 2017

Comezamos o ano co 2017 moi presente, e é que para a Lista deste mes fixemos unha pequena escolma dos traballos que chegaron á Biblioteca Fórum ao longo do mesmo para que non vos perdades nada. Unha lista moi variada con música heavy, pop, hip hop, electrónica, etc., e con artistas de aquí como Nashgul ou Brais Morán; e outros de fora como Korn ou The Drums.

En 1980 Brath innovou o folk galego ao incorporar instrumentos ata entón reservados para o rock, como a batería ou a guitarra eléctrica. Abriron así un camiño que seguirían a maioría dos grupos españois. Nos seus temas mesturan música celta con pop, música africana, árabe, etc. Enxebre, o seu último álbum, volve a mirada ás tradicións e mitos, como no caso de Lughnasadh, o tema que leva o nome da festividade gaélica celebrada o 1 de agosto, e que marcaba o comezo da época da colleita e a maduración das primeiras froitas.

O trompetista e arreglista Takuya Kuroda deixou o seu Xapón natal para asistir a un curso de cinco semanas na prestixiosa Berklee College of Music, onde coñeceu ao cantantante de jazz José James. Tras uns inicios nada sinxelos nas rúas de Nova York, conseguiu facerse entender maila barreira idiomática, converténdose nun dos artistas máis solicitados. O seu cuarto álbum, Rising Son (2014), foi producido polo seu amigo José James. Neste traballo, no que seis dos temas son obra do Kuroda, mestúrase o jazz co soul, o groove, o R&B ou o hip-hop. Destacamos o tema que da nome ao álbum.

Considerada unha das meiores intérpretes portuguesas, Dulce Pontes contribuíu ao renacemento do fado nos anos noventa. O seu décimo álbum, Peregrinaçao (2017), é “un encontro total entre a música e a poesía”, e está formado por dous discos, Nudez, con temas en portugués, e Puertos de Abrigo, en castelán. Destacamos Alfonsina y el mar, un tema de Ariel Ramírez e Félix Luna.

O cantautor e guitarrista estadounidense Micah Paul Hinson lanzou o seu primeiro álbum en 2004, con 23 anos, sendo considerado pola crítica e os medios un dos mellores do ano. Con el, deixou atrás o seu turbio pasado de adicións, cárcere e accidentes. The Holy Strangers (2017) é unha ópera folk moderna que conta a historia dunha familia en tempos de guerra, amosando tódalas etapas de vida. Destacamos o tema country Lover’s Lane.

Agardamos que desfrutedes da Lista de reprodución ao completo, que vos deixamos a continuación. Se queredes levar os traballos dos temas seleccionados, podédelos atopar na Biblioteca Fórum.

Amaral – 500 vidas. Anastacia – Caught In The Middle. Ara Malikian – Ciocarlía. Brais Morán – En paz.  Brath – Lughnasadh.    Broken Toy – The Zine Family. Dave Brubeck – Take Five. Dulce Pontes – Alfonsina y el mar. Gregory Porter – Don’t Be a Fool. James Blunt – Bartender. Juan Luis Guerra – Muchachita linda. Korn – A Different Wold. Los Planetas – Espíritu olímpico. Madonna – Rebel Heart. Micah P. Hinson – Lover’s Lane. Nashgul – Taxidermia. Nikone – Casino. Pablo und Destruktion – Herejes. Rayden – Amalgama. Red Fang – Shadows. Rosa Cedrón – No seré yo. Ses – Romance da Bela Rosa. Takuya Kuroda – Rising Son. Tiziano Ferro – Potremmo Ritornare. The Drums – Money. The Gift – Clinic Hope.