A Banda da Loba no AgoraSón 2018

 Co fin de promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2018, con dous grupos convidados, A Banda da Loba e Sonia Lebedynski. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons falamos coas integrantes da Banda da Loba para coñecelas máis de preto.

A Banda da Loba, un nome con moita forza e ben reinvidicativo, imaxino que será unha das preguntas que máis vos fan, pero por que o elixistes?

A Banda da Loba é un grupo composto por cinco mulleres, e como tal, quixemos tomar como nome algún co que as cinco nos sentiramos representadas. Por iso, eliximos a Pepa A Loba, a bandoleira galega do século XIX que máis que deixarse amedentrar por un mundo de homes, decidiu saír ás rúas e loitar polo que ela pensaba. Pepa A Loba foi unha Robin Hood galega que desgraciadamente ten moi pouca visibilidade, mesmo a súa historia é algo confusa. Nós como grupo quixemos coller o seu legado, non só para dala a coñecer, senón para demostrar que as mulleres podemos facer todo o que se nos propoña, rompendo cos estereotipos, tal e como facía Pepa no seu tempo.

Pensades que realmente a figura de Pepa a Loba é o suficientemente coñecida para que vos identifiquen con ela? Ou se cadra o fagan máis co mítico pub de Compostela?

Como xa dixemos anteriormente, a historia de Pepa a Loba é moi pouco coñecida e debería estar máis presente no noso saber popular. Non temos claro que partes son lenda ou cales son reais por iso, neste primeiro traballo que vimos de presentar Bailando as rúas” , fixemos un tema que conta a súa historia. A través da nosa música os asistentes aos nosos concertos rematan comprendendo o dura que foi a vida desta rapaza, e como lonxe de deixarse vencer, tomou os camiños de toda Galicia. Por iso podemos dicir contentas que A Banda da Loba, co seu nome e as súas letras, está pouco a pouco conseguindo visibilizar a figura que dá nome á nosa banda: Pepa.

Sodes unha banda de mulleres, foi algo buscado ou simplemente xurdiu? Cales son as orixes da banda?

A Banda da Loba xorde a partir de múltiples coincidencias. Nun inicio fomos tres, e ao pouco tempo fumos atopando a través de outros eidos culturais, como o audiovisual ou a música clásica, ao resto da manda. Somos cinco mulleres moi diferentes entre nós, cada unha provén de campos moi diferentes pero tamén con moitos outros en común. Grazas a iso A Banda da Loba bebe de moitas influencias o que favorece a xestación do que nós denominamos un “caleidoscopio” musical.

Definides o voso estilo como ecléctico e heteroxéneo que bebe do pop, do rock e do folk. Podedes falarnos un pouco de cómo é o voso proceso creativo.

O proceso creativo é sinxelo e complexo ao mesmo tempo. Para nós a música é un vehículo co que comunicar e chegar de xeito universal ás persoas. Por iso cada canción ten unha historia, ten unha mensaxe que queremos facer chegar ao público. Froito de todas esas preocupacións e ideas nace cada tema e despois, nos ensaios van evolucionando e modificándose ata que consideramos que xa se poden sacar á luz. Non nos gusta poñer etiquetas, non queremos poñernos barreiras á hora de compoñer senón traballar ata onde nos leve a música. De aí, que cada canción sexa diferente á outra, sen encadrar o noso proceso creativo en ningún estilo pechado. Cada unha das cinco tira dos fíos e tecemos xuntas.

Neste voso primeiro traballo “Bailando as rúas” mesturades letras vosas con homenaxes a grandes poetas consagrados e outros de plena actualidade (Celia Parra ou Rosalía Fernández Rial). Pódese dicir que é a poesía a vosa principal fonte de inspiración.

Si, para nós a poesía é algo fundamental e que debe camiñar da man da música. Actualmente o panorama poético galego conta con voces moi potentes, cheas de calidade e que nós, como coetáneas quixemos coller prestadas para que gañen forza xunto coa música. Celia Parra e Rosalía Fernández Rial son para nós tamén grandes amigas que permiten que collamos seus versos e os reformulemos en forma de canción. Aparte delas tamén quixemos poñer música a Rosalía de Castro, Manuel María…e como non, tamén ás nosas propias letras, o que nos permite falar, como xa comentabamos antes, dos temas que máis nos preocupan ou das nosas inquedanzas.

Xa preto de cumplirse un aniño da presentación do disco na Capitol e ás portas do concerto do Agorasón, que cambios nos imos atopar no escenario?

Podemos dicir contentas que dende a Capitol puidemos asaltar moitos camiños, aldeas, pobos, rúas e cidades. A acollida que tivemos foi moi boa, e nós non podemos estar máis felices ao respecto, xa que a aposta que facíamos era arriscada. Ver recoñecido no público o traballo que fixemos con tanto mimo e cunha mensaxe que nós consideramos tan importante é algo que moi gratificante.

No escenario tentaremos dar o mellor de nós. Sempre dicimos que para nós os concertos son espazos de liberdade nos que se queredes bailar, berrar, saltar, chorar…etc. todo está permitido. Solo esperamos que o público pase un bo rato, e forme parte da nosa viaxe, das historias e ideas coas que nos sentimos identificadas como grupo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s