#FemininoPlural na Biblioteca do Fórum

Dentro do Ciclo Temático #Muller que se está a desenvolver durante este primeiro trimestre na Biblioteca Fórum, este xoves 14 de marzo poderemos gozar do concerto recital  Femininoplural, que achega ao público unha ruta musical e poética, un universo de mulleres autoras, de libros e cancións ao longo da historia. O percorrido que nos presentan está repleto de historias contadas e cantadas, de voz e música, e reflicte o magnífico patrimonio que nos deixaron as autoras universais que tantas veces permaneceron en segundo plano. Soarán cancións de Amaral, Guadi Galego, Julieta Venegas, Patti Smith e escoitaremos textos de Lucía Aldao, entre outras.

Detrás do proxecto están dúas mulleres, Silvia Penide e Carla López, dúas artistas e compositoras.

Silvia, que segundo reza a súa propia web, é “unha das voces máis peculiares e emocionantes do panorama musical” segue coa súa ascendente traxectoria tras sete traballos discográficos e despois de gañar o “Premio Martín Códax da Música Galega” na categoría Pop/ Indie. Carla, pola súa banda, é musicoterapeuta, facilitadora de Canto Prenatal, músico e especialista en educación musical.

Dende Bibliosons quixemos falar un anaquiño con elas:

B. Sabemos que as dúas sodes coruñesas, pero contádenos como vos coñecestes e sobre todo como decidistes poñer en marcha o proxecto Femininoplural.

S./C. Foi un cúmulo de varias circunstacias, unha idea primixenia que tivo un día Tomás Legido, as nosas propias inquietudes que levaban tempo bulindo nas nosas cabeciñas, a sintonía que temos entre as dúas dende que nos coñecimos  facilitou moitísimo o proceso …

B. Mulleres autoras e creadoras de relevancia hai moitas. No voso caso, ¿como é o proceso creativo e a posta en escena? ¿Gústavos seguir sempre unha mesma liña de espectáculo ou ides variando en función do público?

S./C. Buscamos que no espectáculo prime a historia de cada autora, que a peza que cantemos, aínda que sexa moi coñecida, non sobrepase á súa propia creadora. Por iso somos dúas voces e un piano e buscamos unhas tesituras moi particulares á hora de versionar, para crear unha atmósfera que se manteña e conte algo tamén.

Imos variando os temas, sempre dicimos que é un “roteiro itinerante”. A xente aporta moitas ideas e nos fai medrar moito.

B. Os que xa tivemos a sorte de velo, sabemos que é un espectáculo delicado, coidado, fermoso e ben acaído para ambientes “íntimos” como é o caso das bibliotecas. ¿Como valorades que se vos reclame para tocar neste tipo de espazos?

S./C. Para nós é unha delicia. Encántanos e sentimos coma se fósemos parte das paredes, dos libros, … Encántanos.

B. ¿Tedes algún outro proxecto en mente?

Cada unha ten tamén a súa carreira por separado, Carla con Mielitza e Silvia con Silvia Penide.

B. Agora que vimos da semana do 8 de marzo con movilizacións multitudinarias por todo o país, ¿que tedes que dicir sobre as mulleres na música? ¿Nótase o machismo neste ámbito?

S./C. A muller na música é absolutamente imprescindible. Cada día está máis no lugar que nunca debeu deixar de ocupar. Machismo habelo haino, como en todo, por iso é tan necesario seguir dando a coñecer referentes. Cando facemos FEMININOPLURAL en Institutos é emocionante. Os aplausos e as grazas que che dan as novas xeracións son impagables.

Pola nosa parte quedades máis que convidados, non o esquezades, a cita é este xoves 14 de marzo ás 19:30 na Biblioteca Fórum Metropolitano.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s