Tanxugueiras no AgoraSón da primavera 2019

Con motivo do Día das Letras Galegas e para promover a lectura en lingua galega, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o AgoraSón 2019, coas Tanxugueiras en concerto. O acto terá lugar este venres no Centro Ágora e os convites repártense (até esgotárense) ao coller libros en galego nas Bibliotecas Municipais da Coruña para os levar en préstamo. Non quedes sen o teu!!

Dende Bibliosons tivemos a sorte de poder falar coas integrantes de Tanxugueiras para coñecelas máis de preto.

 

 

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música.

 

 

 

Antes que nada, moitos parabéns por ese Premio MIN ao mellor álbum en galego. Gañastes nunha categoría na que tamén se presentaba Mercedes Peón, ¿Cómo se recibe isto?

Gañar os Premios MIN coa importancia e o renome que teñen foi algo moi bonito. O xeito de estar nomeadas con Ezetaerre, Mercedes Peón, Chicharrón, Xoana Veiga e levar o premio ao carón dunhas artistas desa talla foi algo inesperado, calquera podería ser elixido. Pero estamos super contentas e agradecidas de que o xurado valorase tanto esforzo e dedicación.

Tres rapazas novas que fan música tradicional. Este pode ser un titular tipo para definir a Tanxugueiras á par que moi básico. ¿Que matices habería que engadir para describirvos mellor e profundizar máis na música que facedes?

Se temos que definir a nosa música, as primeiras palabras que nos veñen á cabeza son, sen complexos. Escollemos pezas tradicionais e dámoslle o noso punto de vista, facémolo dende o corazón, respecto e disfrutamos moito facendo ese traballo. Somos tres mulleres orgullosas de selo, que disfrutamos ao cantar e contar a nosa tradición e, sendo moi conscientes de que somos capaces de levar un proxecto desta magnitude adiante.

A alusión que facedes a “darlle unha volta” á música tradicional é constante. ¿Que volta hai que darlle exactamente?

Cando decimos que hai que darlle unha volta, referímonos á necesidade de achegar a música tradicional aos nosos tempos, perder o medo a xogar con ela facéndoa nosa.

¿Engancha a música popular?

A música popular engancha. Pouquiño a pouco estase a conseguir que chegue a máis xente, incluso a aquela que nunca escoitara este tipo de música… é un traballo lento pero non imposible. Necesitamos que haxa moitos máis grupos profesionais que arrisquen pola nosa música, para loitar entre todas.

¿Que lle diriades a esa xente nova que aínda non vos coñece porque cre que –en principio- que non lles gusta a música popular senón outros estilos como pode ser o trap, tan de moda agora?

En primero lugar convidamos a asistir a un dos nosos concertos, e despois que decidan. A nós tamén nos gustan outros xéneros e cremos que iso non exclúe á música tradicional.

Estivestes tocando no festival Celtic Connections en Escocia, en Cuba, Suiza e ata na India. ¿Cal foi o concerto que máis vos marcou de toda a vosa traxectoria?

Todos os concertos foron importantes dun xeito ou doutro, pero si temos que quedarnos con algún sería o da India, foi impresionante escoitar a súa música e convivir coas súas costumes. Esa viaxe marcounos moito e decatámonos do valorada que é a música tradicional Galega fora das nosas fronteiras.

Os directos teñen o seu punto, pero gravar un disco –máis cando falamos de música tradicional- é un subidón, ¿non?

O subidón máis grande é poder mirar á cara a xente e ver como disfrutan coa nosa música. Gravar un disco é moito mais frío, utilizámolo para darnos visibilidade, a pesar diso tamén é un proceso moi bonito.

¿Que supuxo para vós colaborar con artistas do talle de Xabier Díaz e Sés ademais de contar coa dirección artística de Pedro Pascual?

Máis ben colaboraron eles con nós! Foi algo moi enriquecedor, puxéronos moitas facilidades, levan anos no mundo da música e polo tanto sempre aprendes moito delas. Compre comentar que Guadi Galego tamén puxo o seu grao de area nunha das nosas pezas. Traballar con Pedro foi moi doado, el deulle vida co seu estilo ás pezas que nun primeiro momento nós escollemos e arranxamos vocalmente.

¿É necesario rodearse destes nomes para poder ir abrindo portas?

Non é necesario para nada, quixemos que colaborasen porque son uns referentes para nós, pero en ningún momento decidimos esa opción para abrir portas.

En tempos de feminismo e fake news. ¿Ser mulleres foi algunha vez un atranco para vós?

Ser muller xa implica un atranco na sociedade na que vivimos, en calquera profesión… polo tanto nós non íamos ser menos, pero aquí estamos a traballar forte para demostrar que a muller ocupa un papel super importante e necesario no mundo da música.

Moitas das letras do disco falan de amor ou do desamor, pero non precisamente no sentido melancólico. ¿Como vedes este sentimento na cultura popular galega?

Na cultura popular hai coplas para todo, eliximos as que máis nos representan,non vemos o desamor coma unha traxedia ou como algo melancólico, o contrario, vémolo coma unha experiencia de vida da que sempre quedas con algo aprendido.

Por certo, ¿como de importante é no voso espectáculo a posta en escena con esas fotos e estilismos tan coidados?

Para nós unha boa posta en escena e un espectáculo coidado en tódolos aspectos e importante , vestímonos como nos sentimos cómodas, somos mulleres dos nosos tempos e polo tanto iso  reflíctese no escenario. A pesar disto, para nós o máis importante nun concerto é a calidade musical.

¿É importante que os pais apunten aos cativos a actividades de música dende pequenos?

Claro que é super importante, posto que a música xoga un papel moi grande no desenrollo dunha nena e dun neno, e si os apuntan a actividades onde está presente música tradicional, estaríamos axudando a manter a nosa cultura viva.

Moitísimas grazas e moitos éxitos na vosa carreira!!!

2 opinións sobre “Tanxugueiras no AgoraSón da primavera 2019

  1. Pingback: A música tamén é un medio para #DesconfinarALingua | Bibliosons

  2. Pingback: Novidades musicais na Biblioteca Fórum | Bibliosons

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s