Este mes a temática predominante é a volta á rutina. Setembro é o noveno mes do ano e un dos que máis connotacións ten do noso calendario. Setembro supón a volta ao cole para os máis pequenos e o final das vacacións para a maioría. Con el despedimos o verán e recibimos o outono. Con todo, Setembro tamén conleva cambios e é o mes idóneo, xunto con xaneiro, para comezar novos proxectos e cumprir novos (e vellos) propósitos.
Musicalmente Setembro é tamén un mes moi recorrido e numerosos artistas usárono como pretexto para compoñer algunha das súas cancións. Xeralmente con toques nostálxicos e melancólicos, aínda que tamén de aires de esperanza ante novos comezos.
Artistas coma Frank Sinatra con September song (1965), Barry White con September When I First Met You (1978), Neil Diamond e o seu September morn (1979), Johnny Cash and Rosanne Cash co tema September When It Comes (2003) e mesmo Miguel Bosé se rendeu aos encantos deste mes con Septiembre (1983).
September morn é unha balada dun dos grandes da música norteamericana no século XX, o neoryorquino Neil Diamond. Unha canción tan triste como marabillosa, que Diamond escribiu a medias co cantautor francés Gilbert Becaud en 1979. September morn narra a historia do reencontro entre dous antigos amantes e de como os amenceres de setembro sempre evocaran aqueles tempos pasados en que estaban xuntos.
September song do gran Frank Sinatra, converteuse nun estándar da música norteamericana, case nun himno, venerado por músicos e oíntes e sendo versionada por case todos os grandes da música.
Estes son precisamente algúns dos artistas que podes escoitar na Lista coa que despedimos o verán e recibiremos con maís enerxía ca nunca o outono. Mais entre a selección deixamos espazo para grupos que van pasar por algún dos festivais que ainda quedan por celebrarse na nosa comunidade. Falamos do Festival de la Luz (6, 7 e 8 de setembro na localidade coruñesa de Boimorto) ou o Caudal Fest o 20 e 21 de setembro en Lugo que encherán os seus escenarios de boa música con artistas que están en pleno auxe e cos xa clásicos que nunca defraudan.
Poderemos ver a Mikel Erentxun o vindeiro domingo sobre o escenario da Luz en Boimorto. O donostiarra tamén está vivindo un gran momento co seu traballo máis recente, El último vuelo del hombre bala.
Ese mesmo día pero no Escenario Mans o turno será entre outros para os vallisoletanos Arizona Baby. Dende que se deron a coñecer aló polo ano 2009 levan unha carreira sen atrancos gañando numerosos premios e recoñecementos. E é que os xa coñecidos como barbudos pais do neofolk levaron a súa renovada música ao longo e ancho da nosa xeografía así coma polo resto de países como Grecia, USA, Reino Unido, Alemaña, etc.
Na cidade da muralla poderemos desfrutar de artistas da talla dos coñecidísimos Izal ou Xoel López por exemplo. Así que avisados quedades, ide endulzando o oído coa nosa lista namentras escolledes cita musical porque o verán acaba pero con boa música todo se leva mellor.
Aquí vola deixamos ao completo e non esquezades que os discos agárdanvos na Biblioteca Fórum para que os levedes en préstamo, podes consultar a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
Mikel Erentxun – El corredor de la suerte. Ramones – Greatest Hits. Joni Mitchell – Hejira. Luz Casal – Vida Tóxica. Frank Sinatra – The Platinum collectium. Neil Diamond – 20 Diamond Hits. Albert Hammond – Legend . Ainhoa Arteta – Don`t give up. Xoel López – Paramales. Fuel Fandango – Aurora. Izal – Magia & Efectos Especiales. Barry White – The ultimate Gold Collection. Miguel Bosé – Papiwo 2. Bunbuty & Vegas – El tiempo de las cerezas. Ara Malikian – Ara Malikian 15. Arizona Baby – It is called work. Holywater – The path to follow. Johnny Cash – At San Quentin. The Cure – Japanese Whispers. Banda Municipal de Música de A Coruña – Transcripciones s. XX