A música 8D: o boom viral das redes que marabilla a todos durante a corentena

Seguro que a algún de vós chegouvos unha canción creada cunha suposta nova tecnoloxía chamada 8D que che permite escoitar a música “co cerebro e non cos oídos”. Un audio que empezou coma unha cadea máis, pero que xerou todo un fenómeno e agora internet encheuse de versións de todo tipo de cancións adaptadas a esta técnica.

Nestes días de confinamento viralizáronse novas versións de temas que, escoitados con auriculares, soan dunha maneira moi diferente á orixinal é a chamada “música 8D” e converteuse na última sensación en tódalas redes. Este tipo de música caracterízase porque ao darlle ao play sentes a melodía dar voltas arredor da túa cabeza.

Que é a música 8D da que fala todo o mundo?

“A música 8D” é un termo inventado, é só unha forma de márketing, pois este tipo de son que parece que veña de todas direccións aínda que semella unha técnica nova, o certo é que ten a súa orixe nos anos 80 e coñéceselle como ambisonic, binaural ou son en 3D.

O responsable deste movemento é o compositor e director indio A. R. Rahman, quen a través da tecnoloxía 8D creou un tipo de música que se escoita directamente co cerebro (ou polo menos esa é a descrición que dá todo aquel que a escoita).

Algúns definen a sensación como un partido de ping pong no interior da cabeza, pois notas como a música vai pasando dun lado a outro gradualmente.

Un elemento esencial para poder penetrar no mundo da música 8D son os auriculares, pois sen eles o son da canción é igual co da música  que estamos afeitos escoitar. Os auriculares son un elemento imprescindible.

Pero, aínda que todo isto nos soe a novo, a música 8D ten a súa orixe nos anos 80, o que en ciencia se coñece como holofonía. O retardo temporal, o efecto Hass, a lonxitude da onda e o enmascaramento son os elementos causantes deste efecto sonoro. Pero isto é moito máis sinxelo do que parece, trátase dun audio binaural que utiliza a técnica de cabeza de maniquí.

Este sistema consiste en posicionar micrófonos nos oídos dun maniquí, de maneira que a persoa que escoita a música sentirá que está na mesma habitación  cos músicos.

Como funciona a música 8D?

Todo comeza manipulando as ondas de son para que soe coma se viñesen de múltiples direccións. Así, quen fai este audio é capaz de editar de onde vén e mantelo en movemento. Por tanto, parece que vén de tódolos lados e que se move ao teu arredor, ofrecendo unha experiencia envolvente, algo parecido ao que ocorre coa realidade virtual.

De feito, o seu principal foco son, precisamente, os videoxogos e a realidade virtual. Sentirás que a música soa ó teu arredor e non directamente dos cascos; é coma se foses andando por un centro comercial e a canción chegáse de varios puntos, polo que unha das recomendacións  que se fan  para escoitar este tipo de música é pechar os ollos como algo necesario para este “falso engano ao cerebro”.

Aínda non escoitaches algún tema en 8D? Pon os auriculares e dálle play:

 

Ola, Spotify!

Nas Bibliotecas Municipais temos moito que ofrecer: lecturas a moreas, material audiovisual, iniciativas culturais, actividades de formación, espazos para a convivencia… Tamén coidamos a nosa presenza virtual en Facebook, Instagram, Twitter, Youtube e blogs con diversos contidos.

Este parécenos un bo momento para ofrecervos algo que aínda non formaba parte da Biblioteca 2.0. Sabendo que a música é unha compañeira imprescindible nestes días, estreamos perfil en Spotify!

perfil

Iniciamos a nosa andadura na plataforma cunha antoloxía que demostra que “as musas” poden estar en calquera lugar. Xa noutras ocasións temos falado neste blog da fermosa relación simbiótica que une música e literatura, e seguimos apostando por esta relación inaugurando a nosa conta con “Inspiración literaria”: unha lista de reprodución con cancións que tomaron como fonte de inspiración obras de diversos xéneros e estilos.

list

Sabías, por exemplo, que Juan Luís Guerra atopou a suxestión en Rayuela, a novela de Julio Cortázar, para compoñer Burbujas de amor? Un personaxe da obra, La Maga, toca textualmente o nariz contra a pecera, tal e como conta a canción.

Na letra de Sign of the cross, de Iron Maiden, fálase de “once homes santos con sudario” que “viñeron lavar os meus pecados“. Unha clara referencia á Santa Inquisición da Igrexa Católica. Para esta canción o grupo inspirouse na obra de Umberto Eco, El nombre de la rosa, título que mesmo forma parte da letra da canción.

Vladimir Nabokov “iluminou” á banda británica The Police coa súa novela Lolita. Só tés que escoitar Don’t stand so close to me para entendelo. O “prota” da canción é un profesor de colexio que recibe insinuacións sexuais por parte dunha alumna precoz. Sónache o argumento?

Quince anos despois da publicación de El Señor de los Anillos, Robert Plant (cantante de Led Zepellin) compuxo Ramble On en honor á saga épica, da que era un gran seguidor. Nela fai alusións a Mordor, Gollum e á Terra Media. Outros artistas como Enya ou Leonard Nimoy incluíron tamén nos seus discos cancións inspiradas na obra de Tolkien.

Fixándonos en temas máis actuais, un bo exemplo é o álbum Ultraviolence de Lana del Rey, inspirado en La naranja mecánica de Anthony Burgess. Bizarrismo cultural puro, o mires por onde o mires.

spoty1

En definitiva, as sensacións e reflexións que espertan moitas lecturas foron decisivas para poder concibir algunhas desas cancións que non paras de escoitar. Queres máis? Pois segue o noso perfil e dálle ao “play”! Continuaremos actualizando e xerando novas listas, demostrando que o vínculo entre música e literatura é infinito.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Xa falaron as miñas compañeiras en post anteriores da cantidade de movementos que xurdiron por parte da industria musical en torno á pandemia do COVID 19 para poder desfrutar da música en directo dende a casa. Ao longo dos próximos días seguiremos compartindo recursos convosco que de seguro non deixarán de medrar, mais hoxe queremos animarvos a xornada a bo ritmo aínda que non sexa en streaming.

Hoxe volta ao blog a Lista de Reprodución do Fórum máis necesaria ca nunca. A lista de reprodución pode ser unha boa forma de descubrir novos artistas ou simplemente deixarte levar polo son mentres vas facendo outras cousas… seguro que o confinamento che pasa a mellor ritmo!! Desta volta traemos novidades frescas chegadas á biblioteca e que poderedes levar en préstamo cando todo volte á normalidade. Namentras aí vos vai un petisco para ir abrindo boca.

Comezamos moi movidos a ritmo de pop e electrónica da man dos madrileños Miss Caffeina e o seu último traballo Oh Long Johnson, un curioso título que vén dun meme dun gato que parece pronunciar esas tres palabras e que no seu momento fíxose  viral na internet. Oh Long Johnson fálanos do poder que exercen os móbiles e internet sobre a xente hoxe en día. Alude a esa tendencia da vida dixital que leva ás persoas a tentar proxectar por todos os medios unha imaxe de felicidade constante e irreal. Unha temática moi acaída para o momento que estamos a vivir e que cando menos invita a pensar. Reflexións á marxe, o disco está plagado de grandes e moi pegadizos temas dende que arranca da man da canción homónima unha auténtica festa aínda que sexa nos peores momentos, así que a bailar!

Moi relacionado con internet está outra das nosas propostas, os neoiorquinos Vampire Weekend, banda de indie rock que se fixo coñecida por medio de blogs e a rede. Father of the bride (traducido como “O pai da noiva”) é o título do seu tan agardado cuarto álbum que chega despois de 6 anos de ausencia. Chega co seu selo de indentidade sempre recoñecible, un son ecléctico que desborda alegría e desprende luz. Abrimos pista coa espiritual Hold You Now.

Seguimos con  La Marabillosa Orquesta del Alcohol, tamén coñecidos como La M.O.D.A , unha das agrupacións que máis deron que falar durante estes últimos anos onde encandilaron co seu último  elepé Salvavidas (de las balas perdidas), e causaron furor ao longo da súa xira alá onde pisaron. Se algo define a esta agrupación burgalesa despois de pasar por varios discos en castelán e inglés é que acadaron un estilo propio moi marcado sobre todo polo timbre de voz do seu vocalista. La M.O.D.A. erixiuse como unha das bandas que dá voz ao que pensan miles de xóvenes do noso país, xa por iso merecen unha escoita.

Á lista sumamos tamén o xa coñecidísmo Astronauta da artista de Úbeda Zahara recente premio MIN ao mellor vídeo por “Hoy la Bestia Cena en Casa”. Zahara forma parte do elenco de artistas que comparten os seus directos a través de instagram. Nesa rede tamén se move coma peixa na auga David Martínez Álvarez, Rayden,  que no seu traballo Sinónimo conta coa colaboración de artistas coma Pablo López ou Andrés Suarez, entre otros.

Coma sempre aquí vos deixamos a lista ao completo para que a escoitedes con ansia e ganas de bailar. Agardamos que a próxima a compartamos dende a Biblioteca, namentras este é un bo xeito de achegarnos dende as nosas casas ás vosas porque non queremos despedirnos sen lembrarvos #quedanacasa somentes así podemos axudar a reducir a cadea de contaxios.

Lista Reprodución Fórum: #quedanacasa

Budiño – Fulgor,  Amaral – Salto al color, Miriam Rodríguez – Desperté, Two Door Cinema Club –  False Alarm, Vampire Weekend – Father of the Bride  , Taylor Swift – Lover,  Zahara –  Astronauta , Miss Caffeina – Oh long Johnson, Ángel Stanich – Camino Ácido, La M.O.D.A – Salvavida, Andrés Suárez  –  Pequeña Historia, Rosalía – Malamente,  Fredi Leis – Neón, Rayden – Sinónimo, Arce – Pedigrí,  Dios Ke Te Crew – O ciclo da serpe, Disco Las Palmeras – Cálida, León Benavente – Vamos a volvernos locos, Maren Ladson – Maren Ladson, Guadi Galego – O mundo está parado

Pandemia musical II

Se o que verdadeiramente che gusta é a música en directo, non te preocupes, porque Internet estase a converter nun gran escenario onde os artistas, de todos os caches e estilos, asómanse ás redes sociais para dar renda solta o seu talento e amenizar o noso confinamento.

Dende as Bibliotecas Municipais de A Coruña seguimos recompilando as iniciativas da industrial musical e as súas propostas en tempos de Coronavirus. Aquí tendes máis concertos de andar por casa para estes días de encerro:

Son da casa @sondacasa

“O campo da festa no teu Instagram”. Así se presenta este festival de música galega en streaming para pasar a corentena. Terá lugar os días 20 e 21 de marzo. Cada artista etiquetado no cartaz ofrecerá un concerto dende o seu propio perfil de Instagram respectando os horarios programados. Poderás moverte dun escenario a outro con só un click.

O Son da casa Fest: @osondacasafest

Festival de música electrónica galega. Celebrarase o venres 20 e o sábado 21 de marzo, de forma ininterrompida dende ás 16:00 ás 21:45, a razón de sesións de 45 minutos por parte de cada DJ. Poderás seguir os concertos a través das súas contas de Facebook e de Instagram

En Casa Se Baila Festival

Sen deixar de lado a música electrónica, achegámosvos este festival que se está levando a cabo, dende o día 18 de marzo, por un colectivo de DJ’s de todas as idades, xéneros e estilos. Entre ás 20:00 e 21:00 horas podedes entrar na súa web www.encasasebaila e desfrutar das sesións de baile. Hai un cartaz xeral con todos os artistas invitados, nos que aparecen DJ’s de renome como: DJ Amable, Ley DJ, Eli Kapowski …, pero non se especifica que día pinchará cada un, polo que cada día pode ser unha sorpresa.

Mariscal Rock

“Mariskal Rock: o portal de Rock máis heavy” ofrece 5 concertos de rock completos para ver dende casa. Iron Maiden no Rock in Rio de 2019;  Kiss nun concerto en Zúrich  do ano 2013; Black Sabbath no Ozzfest de 2005; Metallica en Berlín no ano 2019 e Slipknot no Resurrection Fest do ano pasado.

  #EuFicoEmCasa Festival

Dende o país veciño tamén atopamos iniciativas musicais en directo. Eu fico em casa é un festival que se celebra do 17 o 22 de marzo con máis de 70 artistas confirmados. É unha oportunidade única para descubrir os mellores artistas portugueses do momento.

Non deixes de desfrutar da axenda cultural que está presente nas redes sociais. Nun estado de alarma que limita o movemento da cidadanía, resulta máis necesario ca nunca manter o cerebro esperto, distraerse e afastar pensamentos negativos. Por esta razón, esperamos que estas iniciativas musicais, sen ánimo de lucro, poñan banda sonora os teus días de confinamento. Lembrade que música sempre está do noso lado.

Pandemia musical

Nestes tempos convulsos de coronavirus e ante a perspectiva de ter que pasar unha tempada de peche domiciliario, a industria musical non tardou en reaccionar, propoñendo iniciativas dispostas a entreter ao público e concienciar sobre a importancia que ten ficar na casa. Moitos artistas e plataformas uniron forzas, conxuntamente e por separado, para construír unha oferta de concertos online, que ao longo destes días vanse sucedendo gratuitamente a través da rede para que gocemos da música “en directo” sen movernos do noso fogar.

Neste post queremos achergavos algunhas das propostas streaming máis atractivas para amenizar o confinamento:

O pioneiro: #YoMeQuedoenCasaFestival

Nun comunicado emitido pola organización explicaron que os artistas están a vivir en primeira persoa a crise do coronavirus: “Os propios músicos están a sufrir a crise global nas súas propias carnes, dado que moitos tiveron que cancelar os seus concertos nas próximas datas, así que quixeron aproveitar a situación para, de forma altruista, ofrecer a súa música como antídoto contra o aburrimento”.

Tralo exitazo do pasado fin de semana (no que contou con artistas como Rozalén, Carlos Sadness, Rayden, Alfred García…), chega unha segunda edición para os días 20, 21 e 22 de marzo.

O funcionamento do Festival é moi sinxelo. Cada artista realizará un directo desde o seu propio perfil de Instagram a unha hora establecida (sinalada nos carteis oficiais e redes do evento) e terá media hora para tocar uns temas e compartir cos seguidores o que desexe. Os “festivaleiros” irán saltando de perfil en perfil para ir coñecendo as propostas que teñen preparadas para o público.

Cuarentena Fest

Na liña do anterior, este proxecto propón un cartel moi potente formado por artistas e selos da música independente do noso país. Participan na iniciativa diversos selos discográficos e artistas españois e arxentinos, entre os cales destacan Carlota, Papá Topo, El Petit de Cal Eril, Cuchillas, Lashormigas, Pixel de Stael, Valdivia ou The Crab Apples. Ata o 27 de marzo podes seguilo a través de cuarentenafest.tumblr.com ou nas canles de Youtube dos distintos artistas.

CuarentenaFest

#Coronafestival

A través deste hashtag atopamos en Twitter outra iniciativa de microconcertos caseiros que convocou o xornalista, musicólogo e pianista Pep Gorgori, o primeiro en ofrecer un pequeno recital de pezas clásicas. A clavecinista María José Anglés tomoulle o relevo, e seguen sumando intérpretes dispostos a que non nos esquezamos dun xénero tan beneficioso e estimulante como é a música de cámara.

Streaming Rock Fest: Como en casa, en ningún sitio

Que si, que tamén hai alternativas para os máis roqueiros! Varo Torres, de Rock 66 Radio, ca axuda de GarridoRock e Gaser Discos, capitanea esta iniciativa grazas aos seus contactos no mundo do rock. Este festival terá lugar os días 20, 21 e 22 de marzo dende as contas de Instagram das diferentes bandas participantes, pero tamén podes seguilos desde @manerasdevivircom, @elamplificadordelrock e Manerasdevivir.com.

Bandas como Gritando en Silencio, Fran Mariscal, Gato Ventura, La Desbandada, os coruñeses Tregua… demostrarán que o rock pode con todo!

streamingrock

Mantita Fest

Outra alternativa é o Mantita Fest, un festival de cantautores e cantautoras que xa comezou o martes 17 e rematará o sábado 21. Tamén neste caso a conexión faise dende os perfís de Instagram dos artistas. Nesta proposta, máis canalla e mestiza, poderemos escoitar a Miguel Campello, Chiki Lora, Capitán Cobarde, Astola, Arco, Gato Charro

MANTITA

E non como parte dun festival, pero co mesmo entusiasmo, moitos artistas e grupos do panorama nacional tamén están a ofrecer directos nas súas contas de Instagram e Facebook, que logo manteñen publicados nas stories para gozalos no momento que desexemos. Compartir salón con nomes tan potentes como Izal, La M.O.D.A., Ismael Serrano, Rozalén, Second… é, nesta situación extrema, un luxo ao alcance de moitos.

As salas de concertos coruñesas tampouco quedan atrás. A pesar de ter as portas pechadas, contas como a da Sala Mardi Gras ou a de Bembiú Jazz Bar andan a compartir vídeos dalgunhas actuacións en directo que tiveron recentemente nos seus locais.

Mentres isto pasa nas redes, outras tantas persoas anónimas non poden evitar saír ó balcón do seu domicilio para despregar o seu talento e creatividade. En diferentes países estanse sucedendo cánticos de cancións emblemáticas, así como a interacción dos veciños dispostos a facer máis pracenteira a vida no barrio:

Respostas optimistas, creativas e solidarias ante unha situación que hai semanas ninguén podería imaxinar. Unha adaptación á excepcionalidade que está a sacar momentos de gran humanidade, e que nos recorda que a música non entende de barreiras nin de virus. Desde as Bibliotecas Municipais insistimos na importancia de quedar na casa para asegurarnos de que o contaxio sexa exclusivamente de ritmos e melodías.

SÉS presenta “Liberar as arterias”

Recén chegada da súa primeira xira por América Latina, a cantante coruñesa de orixe bergantiñá María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, xa ten a axenda cargada de concertos para a presentación do seu novo disco  “Liberar as arterias” pola xeografía nacional.

En América actuou en Arxentina, Uruguai, Paraguai e El Salvador pero non só ofreceu concertos senon que tamén impartiu obradoiros sobre música tradicional galega.

De Sés podemos dicir que é o fenómeno dos últimos anos da música galega, cunha carreira que non parou de medrar desde que publicou o seu primeiro disco en 2011. Neste sétimo traballo que acaba de ver a luz o pasado 21 de febreiro, SÉS segue evolucionando co seu particular son que a consagrou no máis alto, e no que conflúen unha escolma de cancións, con letra e música compostas pola propia cantante.

Neste novo traballo non abandona a súa habitual mensaxe combativa que a caracteriza dende sempre, pero sí destacan as influencias dos ritmos latinos pasados eso sí, polo seu filtro de cantareira. O disco componse de 12 cancións e o eixe é a loita feminista que anima a erguerse, a romper as mordazas, a ser unha mesma. O título é unha homenaxe á poeta e activista Luz Fandiño, no que a compositora conclúe que non quere ser escrava da xenreira. Os seus versos están musicados no tema que dá nome ao álbum.

Mentras agardamos ansiosos poder incorporalo ao noso catálogo, máis que recomendada queda a cita o vindeiro 22 de marzo no Pazo da Ópera. O seu directo nunca defrauda, a súa seña un torrente de voz espontánea que tanto canta blues coma unha muiñeira.