Se onte era o día da danza, hoxe toca o turno ao Día Internacional do Jazz. A celebración desta xornada decretada pola UNESCO, ten como obxectivo sensibilizar ao público en xeral sobre as virtudes da música jazz como ferramenta educativa e como motor para a paz.
En Bibliosons non queremos deixar pasar por alto a efeméride e facémonos eco das palabras de Herbie Hancock, embaixador de Boa Vontade da UNESCO
“Agora máis que nunca, unámonos e difundamos a ética do movemento global do Día do Jazz ao redor do planeta e usemos isto como unha oportunidade de ouro para que a humanidade se reconecte especialmente no medio de todo este illamento e incerteza.”
Por iso aproveitamos a ocasión do día sinalado para resaltar e dar a coñecer a artistas galegos que se moven en torno a esta corrente musical.
Falamos deSon Trío, tres músicas: Katerina Linke (piano, composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello), que se xuntan no 2017 e por separado teñen unha gran formación artística. Veñen de crear o seu proxecto Miña almiña con música orixinal e letra de Rosalía de Castro, que soa moi orgánico e fresco, conseguindo emocionar ao público. Segundo reza a súa propia biografía fan
“música intimista e contemporánea nunha viaxe entre estilos dende o clásico até o jazz”
Ao percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (27 anos) o da música venlle de familia e con escasos catro aniños xa comezou a tocar a batería. Traballou con multitude de artistas internacionais como: Raimundo Amador, Miguel Ríos, Amaia Montero, Miriam Rodriguez, Abraham Mateo, Andrés Suárez, David Bustamante, Tamara, O’Funk’Illo, Tomasito pero agora pasouse ao lado máis solitario e underground e segue acumulando gran cantidade de logros na súa afamada carreira. Aínda que o seu último disco “My Expression Way” ten un aire máis rock e punk, os seus dous primeiros traballos están moi relacionados co mundo do jazz e da música instrumental.
E con artistas xoves seguimos porque queremos destacar tamén o traballo de Xoanaque está inmersa nun proxecto musical que ten como principal aliada a lingua galega, promocionando o seu uso coa axuda de ritmos como o pop, o rock, o jazz, o funky e mesmo o reggae. Así nace “Dardos”, o disco co que irrompe no mundo da música. Ela mesma di
Cos meus 20 anos estou a dar os primeiros pasos neste longo camiño, mais sempre coa mesma idea presente: achegar variedade musical na nosa lingua cun pequeno gran de area. Non teño moito que contar dos meus inicios, mais si que espero que sexan o comezo dunha longa experiencia musical na que todos e todas esteades presentes”
E eu non podo máis que compartir o desexo desa longa e prometedora carreira musical para Xoana porque o galego precisa máis artistas compremetidos coma ela.
De máis longa traxectoria son Sumrrá o trío de jazz formado polos músicos Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo) e LAR Legido (batería). Cunha carreira de 20 anos e seis discos editados, ademais de centos de concertos convertéronse nunha formación de referencia na escena jazzística española contemporánea. Desde os seus comezos Sumrrá cautivou a público e crítica cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, a calidade dos seus integrantes e a frescura dos seus directos.
No seu sexto álbum, 6 Mulleres, Sumrrá rende tributo a seis mulleres poderosas que foron e seguen sendo fonte de inspiración para a loita por un futuro mellor para toda a humanidade: Frida Kahlo de México, Rosa Parks de América, Rosalía de Castro de España, Quin Jin de China, Malala Yousafsai de Paquistán e Nawal O- Saadawi de Exipto. 6 Mulleres é unha achega á loita feminista desde a música contemporánea do século XXI.
E non podemos rematar sen facer mención ao nome en maiúsculas do jazz en Galicia, o gran Abe Rábadeque conta no seu haber cunha ducia de discos como líder. É autor dunhas 200 composicións orixinais (moitas de corte jazzístico, pero tamén varias próximas á música experimental, á tradicional galega, ao flamenco ou á clásica). O pinista e compositor compostelán é licenciado Cum Laude en Jazz Composition e Piano Performance por Berklee College of Music (Boston, EEUU) en el 1999. Dirixe o seu trío de jazz acústico desde 1996, formado na actualidade por Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.
Agardo desfrutarades desta velada a ritmo de jazz, que segundo a propia UNESCO non é só un estilo de música, senón que tamén contribúe á construción de sociedades máis inclusivas e dende as Bibliotecas Municipais por iso apostamos tamén!
Cada 29 de abril desde o ano 1982 celébrase o Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento de Jean-Georges Noverre (1727-1810), un innovador bailarín e coreógrafo que deu un xiro a esta disciplina. Como moitos pioneiros, nos seus tempos non foi moi comprendido, pero a día de hoxe considéraselle como o pai do ballet moderno.
Un día para que todas aquelas persoas que elixiron a danza como medio de expresión, traspasando barreiras culturais, políticas e étnicas, celebren a súa diversidade. Tamén unha data para lembrar que, como a música, a danza é unha arte completamente universal na que non existen discriminacións por raza, idade, aspecto, relixión ou clase social.
“A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredándonos xuntos, convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando a curación que é tan desesperadamente necesaria. E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. Todo o que precisamos agora é bailar un pouco máis!”
O uso do corpo como unha linguaxe universal que todo o mundo pode entender. Iso é a danza. Unha disciplina que en ocasións non se libera de estereotipos, pois hai quen pensa que para ver danza hai que ser entendido na materia. Non é certo. Para ver danza hai que deixarse levar por ela e desfrutar do que nos provoca. Iso é todo.
Desde as Bibliotecas Municipais apostamos por poñer en valor e difundir esta arte a través da iniciativa “Ao paso dos versos“, que dá nome á playlist que vos propoñemos esta semana no noso perfil de Spotify: unha selección das músicas elixidas por compañías de todo o mundo para as súas representacións escénicas.
Unha lista de reprodución para deleitarse coa mestría das pezas clásicas de Bach, elixidas por compañías tan notables como o Ballet alla Scala de Milán ou o Tulsa Ballet. Destacamos deste último a exuberante obra A million kisses to my skin, na que a música abstracta e escura do compositor e os movementos expansivos dos corpos conducían ao público a unha experiencia sensorial única.
Tamén hai espazo para o rock and roll dos Rolling Stones, que cobra vida en Rooster, a electrizante celebración dos anos sesenta do coreógrafo Christopher Bruce. Homes con traxe de serpe e mulleres fortes e atrevidas realizan danzas de cortexo virtuosas con algunhas das melodías máis famosas das Satánicas Maxestades, como Paint it Black, Sympathy for the Devil e a versión do clásico do blues Little Red Rooster. A Rambert Dance Company, compañía de danza nacional de Gran Bretaña, combinou bailaríns de clase mundial e unha orquestra en vivo para crear unha experiencia realmente estimulante.
Contamos tamén co flamenco impecable de Enrique Morente, homenaxeado fai poucos anos polo Ballet de Víctor Ullate en El Sur, un espectáculo de fondas raíces andaluzas cunha fusión de universos diferentes: a danza, como forma de expresión, e o sentimento andaluz, como unha forma de entender a vida.
Música de cámara, rock, blues, flamenco… “Ao paso dos versos” é un reflexo da pluralidade de estilos que nutren e dan vida a esta marabillosa manifestación artística.
Se co “fío musical” non tedes suficiente, nos nosos blogs atoparedes diversidade de contidos en torno a este festexo: recomendacións lectoras para adultos no Blog dos Clubs de Lectura, e para a cativada no Blog das Salas Infantís. Tamén vos ofrecemos unha escolla de frases e reflexións de profesionais da danza no Blog Corto e Cambio, así como este podcast coa lectura dun fragmento da autobiografía da bailarina moscovita Maya Mijáilovna Plisetskaya:
E moita atención ás nosas redes! Ademais dunha fermosa felicitación audiovisual composta para a ocasión, haberá #Biblioretos “en movemento” da man do bailarín profesional José Antonio Checa e unha nova sesión de #asbibliotecariascontan, na que gozaremos da historia Un tigre con tutú. Como comprobaredes, unha especial e completísima proposta para celebrar, tomando as palabras do bailarín Sidi Larbi Cherkaoui: “a interminable coreografía da vida“.
Wanderlust é un termo moi popularizado a día de hoxe, pero non por iso menos máxico. Non ten tradución exacta na nosa lingua. Provén do alemán; orixinouse das palabras wandern, que significa “deambular”, e lust, que quere dicir “desexo”. Ven a ser “un forte desexo ou impulso de percorrer e explorar o mundo”. Paixón por viaxar, resumindo. Para moitas persoas é máis. É un modo de vida, de facer que a rutina se converta nunha sucesión de destinos, caras novas e experiencias diferentes. Porque viaxar sempre foi unha maneira de romper coa monotonía, unha das válvulas de escape máis eficientes que existen.
Pero… ante as circunstancias actuais, nas que certos impulsos e desexos están reprimidos, o de explorar o mundo soaravos como algo bastante improbable. Pois ben, desde as Bibliotecas Municipais respondemos a isto cun tópico galego: depende. Nestas novas condicións, habemos de seguir mantendo o noso espírito nómade como sexa. Ademais das fotografías, os relatos e as boas historias, a música eríxese como un medio absolutamente inspirador para vivir unha viaxe. Existen cancións capaces de invocar os nosos instintos viaxeiros máis primarios. Chegan a materializar o desexo de poder evadirnos e trasladarnos por un momento a eses destinos xa coñecidos ou pendentes de visita.
Cidades, rúas, paisaxes, recordos, aventuras… Iso é o que propón Wanderlust, a playlist desta semana: transportarnos a outros lugares do planeta sen movernos do sitio, sen facer a maleta. Cada canción é un billete a un novo destino. Non só por lucir o nome no seu título, senón por transmitir parte do encanto deses enclaves mediante a melodía e as letras. Porque a esencia máis real dos lugares atópase nas historias que se contan (e se cantan) sobre eles.
Máis tarde ou máis cedo, volveremos a saír e poderemos planear esa escapada “real”. Pero, de momento, vale a pena pechar os ollos e viaxar onde nos leve o poder da música. Dálle ao play. Bon voyage!
Fai click na imaxe para ampliar información sobre a campaña.
Baixo o lema #Mollamonospololibrodesde as bibliotecas apostamos por dar visibilidade e reivindicar o traballo de todos os axentes do sector do libro, así como tamén poñemos de manifesto a necesidade de crear rede e tercer comunidade entre todas as persoas que formamos parte do mesmo: libreirxs, escritorxs, editorxs, ilustradorxs, narradorxs, bibliotecarixs e lectorxs. E ti, móllaste polo libro?
Lemos para ti nace co obxectivo de acompañar a través da voz e achegar lecturas á cidadanía, especialmente a todas aquelas persoas non conectadas a través da Internet e/ou das redes sociais. E ve a luz nestes momentos de confinamento por mor da crise sanitaria Covid-19 para acercarnos a toda a comunidade de usuarios e usuarias das nosas bibliotecas. Coa voz transmitimos emocións, coa voz trasladamos ideas, coa voz recitamos poemas, coa voz contamos historias!!
Cunha periodicidade bisemanal, compartiremos en audio lecturas en voz alta de textos breves e/ou fragmentos de distintos xéneros (novela, poesía, relato, etcétera), que estarán dispoñibles tamén en formato podcast -de aproximadamente 3 minutos de duración cada un- no noso perfil de Ivoox para quen estea familiarizado coas redes sociais e desexe subscribirse ao canal.
A pesares da distancia física, as lecturas gravadas están realizadas coa mesma proximidade, agarimo e coidado co que facemos as sesións a viva voz nos espazos presenciais, e por suposto coa mesma vontade de encontro e convocatoria. Porque como dixo Juan Mata Anaya, presidente da Asociación Entrelibros…
“a lectura en voz alta pode ser unha actividade hospitalaria, confortante, alentadora. Fronte á lectura solitaria e illada, a lectura en voz alta é unha forma de encontro, de convocatoria. A lectura en voz alta require a presenza doutros, crea comunidade. E iso produce pracer…”.
E inauguramos a proposta coas seguintes lecturas, que xa poden escoitarse e compartirse por diversas canles:
Fragmento da novela de intriga “El sueño eterno”, do escritor estadounidense Raymond Chandler (Chicago, 1888 – California, 1959) e publicada orixinalmente no ano 1939.
Fragmento de “Válido para unha viaxe”, do escritor, poeta e intérprete interdisciplinar Pau Gener (Sant Celoni, 1977). Traducido ao galego por Brais Estévez Vilariño e publicado en Estaleiro Editora.
Fragmento da novela “Señora de rojo sobre fondo gris”, considerada como unha declaración pública de amor de Miguel Delibes (Valladolid, 1920 – Valladolid, 2010), referente da literatura española, á súa muller.
Para finalizar, recordámosvos que iremos nutrindo semanalmente o catálogo de lecturas en voz alta con novos podcast. Agardamos desfrutedes escoitando estes fragmentos e convidámosvos a compartilos para construír entre todos este espazo de encontro que é #LemosParaTi.
A interpretación dun tema é algo moi subxectivo e persoal. Tendemos a adaptar as mensaxes das cancións segundo as circunstancias persoais de cada un, pero as circunstancias agora son as mesmas para todas as persoas e por esta razón, moitas cancións adquiren a mesma lectura e a mesma carga emocional. Esta idea axudounos a pensar en clave de música e elaborar unha playlist, que atoparedes na conta de Spotify das Bibliotecas Minicipais de A Coruña , con “cancións de andar por casa” para desfrutar nestes días de confinamento.
Hai cancións que volven a estar de actualidade, It’s the End of the World as We Know it, a icónica canción de R.E.M., vólvese a escoitar masivamente. Michael Stipe, o autor da letra e vocalista do grupo, expresaba a súa ansiedade ante as catástrofes naturais que axexaban o planeta. No mundo anglosaxón, as cancións: Don’t stand so close to mede Police (o trío británico con Sting á cabeza) e You’ll never walk alone,de Gerry and The Peacemakers, tamén incrementaron a súa escoita. No caso español, tras os primeiros casos de infectados polo Covid-19, que sobre todo azoutaron a capital, a canción do coruñés Xoel López, Madrid,foi a máis recorrida.
Outras cancións alcanzaron a categoría de himno, como Resistiré,do Dúo Dinámico. Entoado cada día por miles de gargantas dende os balcóns, cousa que molestou o experto en Propiedade Intelectual Pablo Velasco Quintana, quen advertiu que cantar cancións nos balcóns durante a crise do coronavirus pode vulnerar os dereitos de autor. Ante tal comunicado, o Dúo Dinámico cedeu os dereitos desta canción converténdose no himno de resistencia dos españois contra o Covid-19. Pola contra, a SGAE apuntou que cantar nas terrazas “non ten ningún custo” deixando a Pablo Velasco só, ca man alzada e preguntándose quen choca?. Este auxe do Dúo dinámico desbancou a Mónica Naranjo e o seu Sobreviviré, que quedou relegado a un segundo plano. No mundo anglosaxón, recupéranse outros himnos que tamén desafían o coronavirus: I will survive, de Gloria Reynolds, ou Stayin’ alive, dos Bee Gees, son os máis escoitados. En Italia, aínda que depende moito da rexión, é o propio himno nacional do país, Il Canto degli Italiani (Goffredo Mameli e Michele Novaro), o tema que esperta maior orgullo e sentimento na poboación.
Dende que a OMS declarou o coronavirus como unha pandemia mundial a canción do grupo Slayer, Epidemic, fíxose realidade. Nese preciso instante, vímonos sumidos nunha paranoia con ganas destruír todo o que tocábamos como di o retrouso do tema Destroy everything you touch, Destrúe todo o que toques, do grupo de electropop británico Ladytron; vivimos con medo a contraer o Covid-19, que logre entrar nas nosas células apropiándose de nós e o noso sangue tórnese Bad blood, tema interpretado por la anxelical Taylor Swift; pánico de ser nós, ou algún ser querido, os protagonista da canción My iron lungde Radiohead, “O meu cerebro di que estou a recibir dor/ unha ausencia de osixeno/ do meu soporte vital / O meu pulmón de ferro”; e por esta razón, esgotáronse os termómetros no mercado, queremos comprobar (aínda que non teñamos síntomas) se temos Fiebre,como canta Bad Gyal, ou non. Este relato que estamos a protagonizar achéganos máis a ciencia-ficción que a unha realidade científica, pero o certo é que non hai cura, Remedy, e iso nos preocupa tanto como os The Black Crowes.
Tras esta alerta sanitaria tivemos que adoptar novas medida, New Rules, que cantaba Dua Lipa, no seu álbum debut homónimo: “Teño novas regras, as enumero / Teño que dicirmas a min mesma”. Entre estas novas medidas a de lavar as mans con frecuencia mentres tarareas Hans cleande Alanis Morissette e sobre todo, non tocar a cara, Can’t feel my face, do cantante, compositor e produtor canadense, The Weeknd. Pero sen ningunha dúbida, o que realmente cambiou a nosa vida cotiá foi o confinamento, o feito de permanecer na casa para combater a expansión do virus. Casa, ahora vivo aquí, é o tema de Iván Ferreiro que poderiamos cantar con toda a nosa forza. Outra canción moi recorrente neste encerro é a de Mecano, Perdido en mi habitación, ou tamén, o tema do grupo León Benavente, Como la piedra que flota, esa que di que“imos volvernos tolos!”; frase que recuperan para pórlle título o seu último disco (Vamos a volvernos locos).
Nestes Días raros, tema de Vetusta Morla, o grupo santiagués, Novedades Carminha, publicou no seu perfil de Instagram, que o tema Non quito o chándal, do disco Juventud infinita , “quizais sexa a canción que mellor retrata a un país, e mesmo ao globo terráqueo”. Outro tema que define os nosos días de hibernación é a do exlíder do lendario grupo The Smith, Morrissey, co tema Everyday is like Sunday: “Todos os días son coma se fose domingo,/ todos os días son silenciosos e grises”; ese silencio do que tanto desfrutou o grupo británico Depeche Mode en Enjoy the silence.
É unha situación nova para todos e para todas, onde o importante xa non é o que nos pasa, senón que pensamos sobre o que nos pasa. As persoas estanse a preguntar, Quién me ha robado el mes de abril, como o facía Sabina, e pasamos de estar enfadados e enfadadas co mundo como se fóramos Evaristo (o cantante da Polla Record) interpretando No somos nada, a móstranos máis resignados ca nova situación e ensinarnos máis sensibles como Stuart Murdoch cantando I’m not living in the real world, do grupo escocés Belle and Sebastian. Esta bipolaridade que afecta o noso confinamento é a que os músicos de Hidrogenesse saben plasmar como ninguén no seu tema Lloreírque define ese estado de ánimo no que choras e ris á vez.
“Ver á xente enfadarse/ Non está ben, dígocho./ Camiñar pola cidade é un pouco horrible./ Tampouco é moi sensato”. Son versos da canción I predict a riotde Kaiser Chiefs, que parecen coetáneos o noso tempo. O estado de alarma limitou as nosas saídas a rúa, salvo para o estritamente necesario, como saír a comprar produtos de primeira necesidade ou pasear o can. Con tan só saír o portal xa nos atopamos na Ciudad vampirica que Nacho Vegas describiu no disco Resituación: “vivo na cidade máis triste que xamais / un triste urbanista puido proxectar”. Cando nos adentarmos a comprar no supermercado do lado, a canción de Alaska e os Pegamoides, Horror en el hipermercado, vénsenos á cabeza de seguido. Pero se a nosa saída é para pasear o can, a canción idónea para esta actividade é a do grupo The Sonics, Walking the dog“Pasear o can / Só pasear o can./ Se non sabes como facelo / Eu ensinareite a pasear o can”.
A moita xente o estado de alerta pillounos fóra do seu fogar; e nós, os galegos e as galegas, sufrimos dun sentimento ao que Baiuca dedica unha canción, Morriña“Eu só quero saber, cando te vou ver / Terriña que anhelo choro por volver/ Non podo vivir tan lonxe de eiquí/ Escuma das praias onde eu crecín”. Ademais, esta situación vaise alargando con cada comunicado do Estado e non lles queda máis remedio que resistir e esperar como o facía nos noventa Jon Secada na canción Otro día más sin verte. Mentres, os seus seres queridos esperan tamén a súa volta sabendo que aínda que estean lonxe están presentes. Estáis aquíde Sidonie é o canto o anhelo das persoas queridas que están lonxe: “Agora mesmo estades aquí / Non podo vervos pero se que estades aquí/ Estades aquí, estades aquí/ En Buenos Aires e en Berlín/ Estades calados pero se que estades aquí”.
Esteamos onde esteamos, fagamos o que fagamos, hai un momento no día no que todo o mundo facemos o mesmo (o único momento do día no que baixa o consumo de Internet). Ás 19:58 temos a cita máis especial, rendemos unha homenaxe colectiva a xente que traballa sen descanso: os sanitarios, supermercados, transporte, farmacias, centros de maiores, servicios sociais, limpeza… en definitiva, os nosos Heroescomo cataba o camaleónico David Bowie. Todos e todas saímos as xanelas a aplaudir, Clap your hands: “Aplaude! / Pero síntome tan só /Aplaude! / Pero non se fará nada/ Aplaude!/ Pero non teño diñeiro / Aplaude! / Estás a facer algo? / Aplaude!”. Canción da banda estadounidense de indie-rock Clap your hands and said Yeah!!, que nos motiva a saír a fiestra non só para animar aos que están na primeira liña, senón tamén a nós mesmos. Estes aplausos de Ánimo valiente “A salvación e a esperanza/ Máis que Quijote, Sancho Panza/ Máis que un Deus… un peso na balanza/ Ánimo/ Ánimo, valente/ Ánimo” (León Benavente).
O poeta Antonio Colinas, Premio Reina Sofía de Poesía, afirmou que “nestes días é máis útil reflexionar que sentir, porque os sentimentos tenden o pesimismo”. Temos que reflexionar sobre o que nos está acontecer porque desta sairemos fortalecidos e fortalecidas. Lembra que o mellor dos malos días é que tamén rematan e que Siempre brilla el sol, sintonía positiva do grupo Lori Meyers, “É tan fráxil/ Como existir/ E sobrevivir/ Ata que chega o final/ É tan fácil/ Como dividir/ Como suprimir/ Todo o que nos dá/ Pero sempre brilla o sol/ Non o decidimos/ Pero sempre dá calor”. Volveremos a saír a rúa, sentiremos esa liberdade que The Vines describe na canción Get free, porque a tormenta pasará, e desfrutaremos moito máis de todo. Cada reencontro será como estar no campo da festa que Malandrómeda, o grupo santiagués, describe no seu tema Bótalle caldo e faremos Churrasco con Juanito Broders de fondo… ou polo menos, Algunos tenemos fe disto, como di a canción do grupo Viva Suecia.
O pasado outubro César De Centi presentou o seu novo e terceiro disco baixo o título “Bailando el incendio”.Pasaron xa 18 anos dende que De Centi comezou a compoñer e tocar e dende aquela non parou. E é que o seu nome é un dos máis coñecidos no panorama de cantautores coruñeses. Se algo o define é ser músico dos directos porque escenarios ten ás súas costas, entre eles, xa hai anos, pasou pola Biblioteca do Fórum onde unha servidora tivo a sorte de poder escoitalo e desfrutar da delicia da súa voz e guitarra.
B. Antes de comezar é ineludible preguntar como estás a vivir esta situación de confinamento que nos tocou, e sobre todo, ¿en que momento profesional te colleu?
C. Pois, a verdade, con certa incertidume, xa que e difícil non pensar no traballo; o confinamento en si mesmo por agora non é duro, penso na xente que ten máis dificultades ca min e se me estremece o corazón, sobre todo nos grupos de risco. No que se refire o momento profesional, teño que dicir que foi no medio da xira de “Bailando el incendio”, un momento delicado, xa que trala inversión do disco teño a necesidade de movelo todo o posible e así poder seguir traballando e recuperar o esforzo. Por exemplo, é moi probable que ata finais de ano non poida recuperar certas datas importantes para min en cidades onde teño público. A meta deste disco é tratar de saír o máximo posible fóra de Galicia, para chegar ao máximo de xente posible.
B. Todo apunta a que aínda imos tardar en poder desfrutar dos directos pero a resposta de artistas e creadores nas redes non se fixo esperar, concertos en streaming dende os salóns das súas casas, sesións vermú e mesmo organizacións de festivais. A ti en concreto vémoste a través de Instagram e Facebook Live colgando cancións, ¿Que opinas de todo este fenómeno?
C. Eu fixen un os primeiros días, e ao mellor fago outro, non o teño moi claro. Penso que os músicos en xeral sempre estamos aí tratando de axudar e de compartir o noso traballo de moitas maneiras, incluso ás veces gratuitamente, pero eu non chamaría concerto ao que sucede en internet todos estes días: é unha mostra que ten pouco que ver cos concertos. Quizais os músicos nos estamos adaptando a esta nova situación sobre a marcha, pero creo que temos que ter coidado. É ben certo que cada un pode facer o que lle peta co seu traballo, pero as condicións dos streaming, para min, non son as mellores (conexión, son, gravacións desde os móbiles…), e creo que é importante que o público non cambie un concerto en directo, dos de toda a vida, cos streaming que estamos a facer estes días. Animo dende aquí á xente para que, cando poidamos volver a tocar en bares, auditorios…, axude ao tecido musical indo a ver música en directo. Por certo, coido que debemos aproveitar para tratar de activar os nosos medios sociais, xa que dispoñemos de máis tempo libre. No meu caso estou a gravar vídeos de temas propios e versións, para ter contido que amosar ao público.
B. ¿Como pensas que será a situación cando todo volva á normalidade? ¿A xente tomará conciencia? ¿Haberá realmente un antes e un despois?
C. Esta é unha pregunta difícil: noto que o impacto do virus está trocando a mentalidade da xente, a conciencia de que somos seres humanos con caducidade, algo que parecía que tiñamos esquecido. Oxalá saiamos desta crise aprendendo algunhas leccións importantes: . por exemplo, a importancia da nosa sanidade, dxs traballadorxs da mesma, que nos dan leccións diarias de compromiso. Daríame moita pena que dentro duns anos xa non recordemos esta situación extraordinaria que estamos vivindo, pero hai que ter esperanza e pensar que algo trocará.
B. Aínda tocados pola recente perda a semana pasada do mestre Aute, sabemos que eras un gran admirador, ¿como te marcou a súa traxectoria?
C. Marcoume moito, Aute foi un visionario, un artista en maiúsculas. A primeira das súas obras que coñecín non foi un disco en solitario, senón Mano a Mano, o concerto en directo con Silvio Rodríguez. A partir de aí indaguei na obra dos dous, que se converteron en grandes referentes. “Anda” o “Las cuatro y diez” foron dúas das primeiras cancións que aprendín a tocar coa guitarra. A miña nai traballou nunha das poucas tendas de discos que había na cidade hai anos, e nela soaban cancións de Aute, Serrat… Cando me decatei do seu falecemento tiven unha sensación de tristura moi grande. Os referentes acompáñante toda a vida, como a min Aute, e iso que soamente coincidín con el unha vez en Betanzos, pero levo toda a miña vida con el nos auriculares.
B. Falabamos ao comezo dos teus 18 anos xa no mundo da música. Imaxino que os comezos non tiveron nada que ver co momento actual e co anterior disco. Cóntanos, ¿como esa evolución? Para quen aínda non tivo a ocasión de escoitar este último disco, ¿que se vai atopar?
C. Os comezos marcaron o camiño, recordo que as primeiras veces cantaba para divertirme, era mais novo, no tiña a presión que ás veces me impoño na actualidade. Trataba de compaxinar a música coa socioloxía e sempre gañaba a música. A situación era diferente: era un pouco a novidade, e era máis sinxelo chegar a máis xente, ao público estudantil que recalaba nos concertos a pesar de que estaba empezando. Todo era máis amateur e se notaba no directo, pero hoxe en día cambiaron as tornas e fago un traballo profesional. Agora tamén é mais complicado chegar á miña xeración, que ten outras responsabilidades e lle resulta máis complicado ir aos concertos. Por outro lado, a música non ten clase media, e polo tanto un músico da miña clase ten que estar acostumado as dificultades do seu traballo.
Con respecto o anterior disco, La luz de los gigantes, foi un momento moi doce persoalmente, conseguín a financiación do disco gracias a un crowdfunding, o que me abriu algunhas portas e crecín como artista. É un traballo ao que lle teño moito cariño.
O novo disco, en cambio, ten a produción de Xabier Vizcaino, que cambia de forma coherente a miña obra, abríndoa a outros estilos. A idea era non perder a esencia de miña personalidade, pero tratar de ofrecer algo diferente. Neste disco hai máis guitarras acústicas e eléctricas, sen deixar de lado aos referentes inmediatos da miña obra (Silvio, Aute, Pedro Guerra, Ismael Serrano, Serrat) pero tratando de agregar outros máis novos como Damien Rice ou Glen Hansard, entre outros. No novo traballo conto coas colaboracións de dous grandes músicos: Fito Mansilla e o propio Xabier, que para min ten un dos proxectos mais interesantes que hai en Galicia na actualidade.
B. ¿Que significou para ti ter a oportunidade de presentalo no Teatro Colón? De momento a situación está truncada pero cando volte a actividade, ¿poderemos desfrutar de novo do teu directo na cidade?
C. Tocar no Colón foi un dos regalos que me deu a música, e o sinto como parte dun proceso de traballo duro que partiu sempre da defensa das miñas cancións, da mellora continua, de tocar en practicamente tódolos espazos da cidade. Foi un día que pasou voando, aparte estiven acompañado da banda e de invitados, así que foi máis especial si cabe. É un día que quedará para sempre no meu recordo, a pesar de que espero seguir avanzando e poder repetir no Colón ou noutro dos fantásticos espazos que temos na cidade.
B. ¿Recoméndasnos un disco ou un artista co que pasar o confinamento da mellor maneira posible?
C. A verdade e que se me ocorre máis de un, e deixo moitos fóra. Todos eles me gustan, a orde dos factores non altera o produto. Por exemplo, Atlántico de Xoel López, Mis paisajes interiores de Marwan, Humo y Azar de Aute (pero tamén o Mano a Mano con Silvio Rodríguez, claro), Sur la route de Zaz, La paloma de Picasso de Luis Pastor ou calquera do grupo cubano Buena Fé.
Toda canción ten algo de poesía e case toda poesía podería facerse canción.
O poeta Joan Margarit, Premio Cervantes 2019, afirmou rotundo cando soubo do galardón que “as únicas ferramentas que consolan de verdade ao ser humano son a música e a poesía”.
Eternamente unidas, imprescindibles, son unha forma de transmisión da nosa historia, cultura e sentimentos. A poesía representa a música das palabras, a beleza estética e espiritual, a forma máis elevada da linguaxe. Os sons dos poemas son un retrato de vida e morte, de amor, de nostalxia, de homenaxe, de crítica… Temas universais que dan forma a moitas das emocións que xorden no medio desta “situación distópica” que vivimos, situación que está a mudar en moitos casos a nosa forma de afrontar a realidade.
Coa playlist desta semana poñémonos intensas, vaia. E destacamos eses poemas que se converteron en canción da man de artistas e grupos variados, pasando a formar parte do universo musical. Adaptacións que, ademais de brindar consolo, poden contribuír a que a nosa conciencia e sentimentos non se acartonen nin sexan vítimas do confinamento.
Poesía Sonora non é unha lista de reprodución. É unha válvula de escape. Un butrón na parede. Como dicían na película El cartero y Pablo Neruda, “a poesía non é de quen a escribe, se non de quen a necesita”. Quedámonos con iso. Dálle ao play. Toda túa.
O confinamento por mor do coronavirus segue e, desgraciadamente, os concertos en directo son algo que tardaremos aínda días en poder presenciar. Pero dende Bibliosons queremos seguir compartindo con vós opcións para poder desfrutar da música. Falamos de concertos dende a casa, de listas de reprodución e por suposto non queremos deixar de lado as bandas emerxentes da cidade que tamén están sufrindo o parón. Hoxe presentámosvos, para quen aínda non os coñeza a Inland Valley, a quen a pandemia do COVID-19 pillou no estudo preparando o seu EP.
Inland Valley son un grupo formado por Sandra Guedev e Robin Sar, que pode definirse como unha mestura de Dream Pop/ Indie con toques de Post Rock. Iso é o que reza a bio dos seus perfís en redes sociais. O estilo do grupo pode asentar as súas bases nunha mestura de Dream Pop, Indie e Alternativo, no que teñen cabida diferentes elementos doutros xéneros.
“O estilo do grupo pode asentar as súas bases nunha mestura de Dream Pop, Indie e Alternativo, no que teñen cabida diferentes elementos doutros xéneros.”
Sandra (@sandraguedev) cantante e letrista, nada na Costa da Morte, pero que xa leva 8 anos vivindo na Coruña, compaxina a súa faceta musical coa de productora. Robin (@robin_rsar) é o guitarrista. Naceu e medrou na Coruña e destaca por tocar a guitarra dende os 13 anos, comezando de maneira autodidacta. Pasou por distintos grupos e diferentes xéneros (rock,metal) pero sempre como guitarrista. Dende o 2016 forma parte do AdHoc, grupo de Metal/Hardcore.
Foto da súa actuación na Sala Malatesta na final do concurso de bandas emerxentes
Sexa como fora esta recente banda creada no 2018 asegúrovos que non deixa indiferente a quen a escoita. Queredes probas?
O pasado mes de novembro foron finalistas no concurso de bandas emerxentes #outramaisoutra organizado polos coruñeses Estudios Mans. Daquela tocaron en directo na sala Malatesta de Compostela.
Estiveron tamén entre os candidatos aos Premios MIN da música independente deste ano nas categorías de “Mellor artista emerxente” e “Mellor canción do ano”.
E o pasado 15 de febreiro uns poucos foron os privilexiados en velos por primeira vez en concerto na sala Baba Bar da Coruña presentando temas que formarán parte do que será o seu primeiro EP.
Recentemente formaron parte da segunda edición do #FicaNaCasaFest, unha fantástica inciativa de música para o confinamento levada a cabo por @galicia_molonae que este fin de semana celebrará unha nova edición por terceira semana consecutiva.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña desexámosvos moita sorte e moitos azos!! En nada vémonos nos escenarios porque namentras todo isto pasa #euficonacasa