Entrevista ao cantautor coruñés César de Centi

O pasado outubro César De Centi presentou o seu novo e terceiro disco baixo o título “Bailando el incendio”.Pasaron xa 18 anos dende que De Centi comezou a compoñer e tocar e dende aquela non parou. E é que o seu nome é un dos máis coñecidos no panorama de cantautores coruñeses. Se algo o define é ser músico dos directos porque escenarios ten ás súas costas, entre eles, xa hai anos, pasou pola Biblioteca do Fórum onde unha servidora tivo a sorte de poder escoitalo e desfrutar da delicia da súa voz e guitarra.

B. Antes de comezar é ineludible preguntar como estás a vivir esta situación de confinamento que nos tocou, e sobre todo, ¿en que momento profesional te colleu?

C. Pois, a verdade, con certa incertidume, xa que e difícil non pensar no traballo; o confinamento en si mesmo por agora non é duro, penso na xente que ten máis dificultades ca min e se me estremece o corazón, sobre todo nos grupos de risco. No que se refire o momento profesional, teño que dicir que foi no medio da xira de “Bailando el incendio”, un momento delicado, xa que trala inversión do disco teño a necesidade de movelo todo o posible e así poder seguir traballando e recuperar o esforzo. Por exemplo, é moi probable que ata finais de ano non poida recuperar certas datas importantes para min en cidades onde teño público. A meta deste disco é tratar de saír o máximo posible fóra de Galicia, para chegar ao máximo de xente posible.

B. Todo apunta a que aínda imos tardar en poder desfrutar dos directos pero a resposta de artistas e creadores nas redes non se fixo esperar, concertos en streaming dende os salóns das súas casas, sesións vermú e mesmo organizacións de festivais. A ti en concreto vémoste a través de Instagram e Facebook Live colgando cancións, ¿Que opinas de todo este fenómeno?

C. Eu fixen un os primeiros días, e ao mellor fago outro, non o teño moi claro. Penso que os músicos en xeral sempre estamos aí tratando de axudar e de compartir o noso traballo de moitas maneiras, incluso ás veces gratuitamente, pero eu non chamaría concerto ao que sucede en internet todos estes días: é unha mostra que ten pouco que ver cos concertos. Quizais os músicos nos estamos adaptando a esta nova situación sobre a marcha, pero creo que temos que ter coidado. É ben certo que cada un pode facer o que lle peta co seu traballo, pero as condicións dos streaming, para min, non son as mellores (conexión, son, gravacións desde os móbiles…), e creo que é importante que o público non cambie un concerto en directo, dos de toda a vida, cos streaming que estamos a facer estes días. Animo dende aquí á xente para que, cando poidamos volver a tocar en bares, auditorios…, axude ao tecido musical indo a ver música en directo. Por certo, coido que debemos aproveitar para tratar de activar os nosos medios sociais, xa que dispoñemos de máis tempo libre. No meu caso estou a gravar vídeos de temas propios e versións, para ter contido que amosar ao público.

B. ¿Como pensas que será a situación cando todo volva á normalidade? ¿A xente tomará conciencia? ¿Haberá realmente un antes e un despois?

C. Esta é unha pregunta difícil: noto que o impacto do virus está trocando a mentalidade da xente, a conciencia de que somos seres humanos con caducidade, algo que parecía que tiñamos esquecido. Oxalá saiamos desta crise aprendendo algunhas leccións importantes: . por exemplo, a importancia da nosa sanidade, dxs traballadorxs da mesma, que nos dan leccións diarias de compromiso. Daríame moita pena que dentro duns anos xa non recordemos esta situación extraordinaria que estamos vivindo, pero hai que ter esperanza e pensar que algo trocará.

B.  Aínda tocados pola recente perda a semana pasada do mestre Aute, sabemos que eras un gran admirador, ¿como te marcou a súa traxectoria?

C. Marcoume moito, Aute foi un visionario, un artista en maiúsculas. A primeira das súas obras que coñecín non foi un disco en solitario, senón Mano a Mano, o concerto en directo con Silvio Rodríguez. A partir de aí indaguei na obra dos dous, que se converteron en grandes referentes. “Anda” o “Las cuatro y diez” foron dúas das primeiras cancións que aprendín a tocar coa guitarra. A miña nai traballou nunha das poucas tendas de discos  que había na cidade hai anos, e nela soaban cancións de Aute, Serrat… Cando me decatei do seu falecemento tiven unha sensación de tristura moi grande. Os referentes acompáñante toda a vida, como a min Aute, e iso que soamente coincidín con el unha vez en Betanzos, pero levo toda a miña vida con el nos auriculares.

B. Falabamos ao comezo dos teus 18 anos xa no mundo da música. Imaxino que os comezos non tiveron nada que ver co momento actual e co anterior disco. Cóntanos, ¿como esa evolución? Para quen aínda non tivo a ocasión de escoitar este último disco, ¿que se vai atopar?

C. Os comezos marcaron o camiño, recordo que as primeiras veces cantaba para divertirme, era mais novo, no tiña a presión que ás veces me impoño na actualidade. Trataba de compaxinar a música coa socioloxía e sempre gañaba a música. A situación era diferente: era un pouco a novidade, e era máis sinxelo chegar a máis xente, ao público estudantil que recalaba nos concertos a pesar de que estaba empezando. Todo era máis amateur e se notaba no directo, pero hoxe en día cambiaron as tornas e fago un traballo profesional. Agora tamén é mais complicado chegar á miña xeración, que ten outras responsabilidades e lle resulta máis complicado ir aos concertos. Por outro lado, a música non ten clase media, e polo tanto un músico da miña clase ten que estar acostumado as dificultades do seu traballo.

Con respecto o anterior disco, La luz de los gigantes, foi un momento moi doce persoalmente, conseguín a financiación do disco gracias a un crowdfunding, o que me abriu algunhas portas e crecín como artista. É un traballo ao que lle teño moito cariño.

O novo disco, en cambio, ten a produción de Xabier Vizcaino, que cambia de forma coherente a miña obra, abríndoa a outros estilos. A idea era non perder a esencia de miña personalidade, pero tratar de ofrecer algo diferente. Neste disco hai máis guitarras acústicas e eléctricas, sen deixar de lado aos referentes inmediatos da miña obra (Silvio, Aute, Pedro Guerra, Ismael Serrano, Serrat) pero tratando de agregar outros máis novos como Damien Rice ou Glen Hansard, entre outros. No novo traballo conto coas colaboracións de dous grandes músicos: Fito Mansilla e o propio Xabier, que para min ten un dos proxectos mais interesantes que hai en Galicia na actualidade. 

B. ¿Que significou para ti ter a oportunidade de presentalo no Teatro Colón? De momento a situación está truncada pero cando volte a actividade, ¿poderemos desfrutar de novo do teu directo na cidade?

C. Tocar no Colón foi un dos regalos que me deu a música, e o sinto como parte dun proceso de traballo duro que partiu sempre da defensa das miñas cancións, da mellora continua, de tocar en practicamente tódolos espazos da cidade. Foi un día que pasou voando, aparte estiven acompañado da banda e de invitados, así que foi máis especial si cabe. É un día que quedará para sempre no meu recordo, a pesar de que espero seguir avanzando e poder repetir no Colón ou noutro dos fantásticos espazos que temos na cidade.

B. ¿Recoméndasnos un disco ou un artista co que pasar o confinamento da mellor maneira posible?

C. A verdade e que se me ocorre máis de un, e deixo moitos fóra. Todos eles me gustan, a orde dos factores non altera o produto. Por exemplo, Atlántico de Xoel López, Mis paisajes interiores de Marwan, Humo y Azar de Aute (pero tamén o Mano a Mano con Silvio Rodríguez, claro), Sur la route de Zaz, La paloma de Picasso de Luis Pastor ou calquera do grupo cubano Buena Fé.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s