Día da Música 2020

Iniciada en Francia en 1982 como “Festa da Música” e instituida como celebración europea en 1985 (Ano Europeo da Música), cada solsticio de verán, o 21 de xuño, a Unión Europea celebra unha xornada destinada a promover o intercambio cultural entre os pobos. O seu obxectivo é promocionar a música de dúas maneiras: a primeira, que os músicos afeccionados voluntariamente saian a tocar á rúa. A segunda, a organización de concertos gratuítos, nos que o público teña a oportunidade de presenciar directos dos seus artistas preferidos sen importar estilo nin orixe.

Este ano a situación é ben distinta e os efectos da COVID-19 na música aínda perduran impedindo que se poidan celebrar macro festivais e espectáculos musicais polos diversos escencarios do noso país. Na cidade o novo encontro coa música é  no teatro Colón da man do director convidado José Trigueros ás 12:30. Dentro da comunidade temos que viaxar ata Compostela para atopar concertos que festexen o Día da Música. A Cidade da Cultura organiza tres de pequeno formato a cargo de: El afecto ilustradoFAIA e Chisme, que se celebrarán ao longo de toda a xornada. Trátase da primeira programación cultural do Gaiás que contará con público, tras a cancelación deste tipo de actividades pola alerta sanitaria.

Cartel oficial do Día da Música no Gaiás

Pasado o día da música, a pesar de que a crise do coronavirus paralizou case por completo a industria musical, tres meses despois do inicio do confinamento, moitos músicos galegos xa empezan a programar os seus primeiros concertos aínda que con certas limitacións e as medidas sanitarias correspondentes. Axendas das que queremos facernos eco.

O 4 de xullo no Auditorio Pazo da Cultura de Pontevedra a cita é con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre xunto a Guadi Galego. Aínda que a Guadi doulle tempo de facer a xira de “Immersion”, editado en outubro do 2019, non lle aconteceu o mesmo a Xabier Díaz. O seu traballo “As catedrais silenciadas” apareceu en escena no arranque da crise do coronavirus polo que a xira viuse truncada.

Pola súa banda, a artista coruñesa María Jesús Cabana, Astrogirl, estará en concerto en Ferrol o 17 de xullo presentando o seu disco TORO. Para quen aínda non a coñeza, no 2018 formou banda e quedou semifinalista no concurso Proyecto Demo de Radio 3, tocou no Festival Noroeste EG e no Festival da Luz, ademais de pisar escenarios de salas como Capitol (SDC), Mardi Gras ou Baba Bar (A Coruña).  Ademais colaborou con Nacho Vegas en directo en varias ocasións e no 2019 quedou finalista no concurso Sonidos Mans.

Triángulo de Amor Bizarro confirmou tamén actuación o 17 de xullo pero en Barcelona dentro de en Nits del Primavera, un ciclo organizado polo festival Primavera Sound, cancelado este ano e no que o grupo de Boiro era habitual no seu cartel. O coruñés Xoel López fixo o propio e confirmou que formará parte da Crew Nation, unha serie de directos na sala Riviera de Madrid.

No ciclo de actuacións especiais que acollerá no verán a terraza do Auditorio Mar de Vigo, o Festival TerraCeo, do que Los Secretos serán os encargados de  inaugurar o 3 de xullo, poderemos desfrutar, entre outras,  das voces do ferrolán Andrés Suárez e outros músicos como Pablo López, Ariel Rot, Álex Ubago, Coque Malla ou Don Patricio. Neste caso, os atardeceres con música e vistas ás Cíes estarán adaptados ás condicións sanitarias da nova normalidade e prolongaranse ata finais de setembro.

E non nos esquecemos da nosa aprezada Silvia Penide que recentemente foi noticia por ofrecer concertos nas ‘leiras’ dos seus seguidores no verán. A cantautora anunciaba a través das súas redes sociais, onde foi moi activa durante o confinamento, esta particular forma de facer chegar a súa música ás casas dos seus fans, ás que pode ir “soa ou acompañada polos músicos da banda” dicía.

Así que, a pesar de todo o vivido nestes meses, xa sabedes, opcións musicais hai e oxalá poidamos moi pronto desfrutar da música ao vivo sen restriccións de ningún tipo. Mentres tanto, dende Bibliosons propoñemos desfrutar da música sexa no formato que sexa durante este día da música e todos os días como unha canle que nos axuda a conectar coas nosas emocións e en moitas ocasións pode chegar a ser a mellor terapia. Estedes onde estedes, dádelle ao “play” e desfrutade da nova lista de reprodución especialmente preparada para o Día da Música. Podédela atopar na nosa canle de Spotify.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s