Escoita con Orgullo: as Municipais entenden

Pese a que sempre mantivo unha relación subversiva e enriquecedora coa sexualidade, a música non debería ser catalogada como gai ou hetero. Non hai necesidade de adxudicarlle máis etiquetas que as do propio xénero musical, xa sexa pop, rock, indie ou reguetón. Agora ben, é innegable que moitas cancións, ben por ser un canto á tolerancia, ó amor libre ou á diversidade, serviron para que a comunidade LGTBI puidera sentirse identificada ou empatizase coa súa mensaxe.

Avecíñase o Día Internacional do Orgullo LGTBI e nas Bibliotecas Municipais levamos a cabo diferentes accións que conmemoran, reivindican e festexan ese orgullo. A dignidade como resposta á exclusión, ás agresións ou a calquera tipo de discriminación que vulnere os dereitos das persoas que aman con liberdade. Unha destas iniciativas vén en formato musical: na playlist As Municipais Entenden facemos un percorrido por esas cancións orgullosas de manter algún vínculo co colectivo, desde grandes clásicos convertidos en himnos a temas máis actuais.

O 28 de xuño de 1969, a comunidade LGTB defendíase do reiterado acoso policial en Stonewall, un local de ambiente neoiorquino. A rumoroloxía afirma que cando comezaban as protestas sonaba de fondo Over the rainbow, de Judy Garland, convertíndose así na bandeira da comunidade, no símbolo dunha actitude de vida. Os “amigos de Dorothy” decidiron non tolerar máis humillacións e apostaron por ese mundo mellor, máis aló do arco da vella, no que reinan a liberdade e o respecto. Estes disturbios supuxeron un punto de inflexión na loita a favor dos dereitos civís das persoas homosexuais de todo o mundo.

En 1970 The Kinks lanzaba Lola, unha crónica sobre un encontro romántico entre un mozo e un travesti ao que coñece nun pub do Soho londiniense. A canción abordou a mobilidade de xénero (quen non se namorou da deliciosa ambigüidade de Lola?) e cuestionou a solidez da masculinidade. Nesta lista de reprodución atoparás tamén a estupenda versión en español que no ano 2004 publicou M Clan.

E se The Kinks expuxo a mobilidade de xénero, o excéntrico Prince encargouse de perpetrala. Sign ‘O’ The Times, álbum que contén If I was your girlfriend, é unha obra conceptual onde o compositor adoptou o personaxe e a voz dunha muller. Os rexistros vocais de Prince foron modificados ata alcanzar un agudo moi próximo á voz feminina: unha especie de “transexualismo musical” nun álbum tan barroco, erótico e psicodélico como o seu creador.

​En moitas ocasións a falta de liberdade e de equidade nos dereitos da comunidade LGTBI combatíase con imaxinación, carisma e performance descaradas. Un exemplo disto son os irreverentes Queen: nas nosas mentes quedou gravada para sempre a imaxe de Freddie Mercury vestido de muller e pasando o aspirador ao canto de I want to break free. Non podemos esquecer tampouco aos Village People e a súa canción máis famosa, YMCA, convertida en todo un himno. E convertidos tamén en himnos, aínda que escritos sen ese propósito, incluímos temas clásicos como I’m coming out, Believe, A quién le importa, Vogue ou Express yourself .

Achegámonos ao panorama máis recente cunha serie de cancións imprescindibles nesta lista: unha delas é Firework, de Katy Perry, cuxo vídeo foi dedicado ao movemento internacional It Gets Better, que loita contra o acoso á mocidade LGTB. Destacamos tamén Bisexual, do grupo madrileño Cariño, unha proclama pop sobre a bisexualidade na que o amor foxe de tópicos e imposicións: “Me gustan las chicas, ¿cómo pudo pasar? Me gustan las chicas, no me lo puedo explicar. Será por su pelo o por su forma de mirar, pero en ese chico yo no dejo de pensar”.

Na mesma liña anti-tópicos atopamos a Rodrigo Cuevas, que se autodefine como un “axitador folclórico”. Este cantante e compositor tira de humor e provocación para facer chegar unha mensaxe que, no fondo, ten moito de seria: a reivindicación da cultura local. A súa música é  “synth folk, cantiga glam e cabaret underprao”. Ou o que é o mesmo: canción tradicional travestida, sintetizadores e moita visibilidade queer.

Esta proposta musical tan diversa non é gai. Como cantaría Juan Valladares, “no decirle mariquita”. É inclusiva, sensibilizadora e combativa. Traza un camiño de baldosas amarelas que pon rumbo a un lugar no que a sexualidade é libre e a identidade nunca é cuestionada. Xa nolo advertiu a propia Dorothy: “se camiñamos o suficiente, algunha vez chegaremos a algunha parte”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s