PerVersións: un tributo á tradución

A música é a linguaxe internacional que mellor comprendemos. Ten a capacidade de transportarnos, de facernos vibrar, de emocionarnos… sen que sexa necesario entender a súa letra. Non importa o país no que vivas ou cantos idiomas domines. Afortunadamente, tamén existen multitude de cancións que foron versionadas noutros idiomas, un traballo no que os tradutores e tradutoras deixaron o seu legado incuestionable.

O vindeiro 30 de setembro festexamos o Día Internacional da Tradución, data na que se conmemora o falecemento de Jerónimo de Estridón, tradutor da Biblia e patrón deste gremio. En 1991 a FIT (Federación Internacional de Tradutores) propuxo un día internacional oficialmente recoñecido para render tributo ao labor dos profesionais lingüísticos e ao importante papel que desempeñan en achegar ás nacións e facilitar o diálogo, o entendemento e a cooperación. Labor de indiscutible peso na industria musical: son moitas as cancións que permanecen no imaxinario global e foron traducidas ao idioma de cada lugar para, dese xeito, entrar a formar parte da súa propia cultura. A mesma melodía, as mesmas notas musicais, a mesma mensaxe, pero nun idioma distinto. E se ben algunhas versións orixinais son insuperables, existen versións traducidas que son tan boas ou como as xenuínas, e algunhas que ata entran no terreo do inclasificable.

Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos a este tributo á tradución con PerVersións, unha nova playlist que recompila tanto as cancións máis traducidas da historia como versións que destacan pola súa calidade pese a non ser concibidas nesa lingua.

“Mr. Rod Stewart: ¡gracias!”

A inconfundible “Bésame mucho” foi escrita pola compositora e pianista mexicana Consuelo Velázquez, e non tardou moito en converterse nunha das cancións máis populares do século XX. Co tempo, a canción foi pasando duns artistas a outros con diferentes adaptacións, sendo a versión inglesa dos Beatles unha das máis coñecidas.

A peza principal pola que se recoñece ao gran Frank Sinatra, “My Way”, ven dunha canción orixinal francesa, “Comme d’habitude” de Claude François e Jacques Revaux. O tempo converteuna en todo un símbolo musical e cultural, sendo interpretada por cantantes de todo o mundo. A primeira versión en español de “A mi manera” foi interpretada por Estela Raval nos anos 70.

A bossa nova “Garota de Ipanema” é outra canción mundialmente traducida. Escrita en 1953 por Vinícius de Moraes e composta por Antonio Carlos Jobim, quen a popularizou e xerou que a canción dese a volta ao mundo foi o magnífico Joao Gilberto. Foi versionada por famosos cantantes de todo o mundo e interpretada en ritmos tan diferentes como o jazz, blues, rock e pop.

Mención especial merece “Omega”, de Enrique Morente e Lagartija Nick. Considerado disco de culto, adapta poemas de García Lorca e cancións do canadense Leonard Cohen. A súa versión do “Pequeño vals vienés” é unha das grandes xoias dos anos noventa.

E para darlle un toque máis sorpresivo á escoita, PerVersións nútrese tamén de diversos artistas patrios que no seu día quixeron probar sorte no mercado internacional recreando os seus hits noutros idiomas.

Velaquí a nosa “perversa” homenaxe a unha profesión que se volveu fundamental, tanto por esixencias da globalización como por converterse nunha ponte entre as culturas. O calado musical é só unha das súas múltiples facetas: non esquezamos que grazas ao traballo dos tradutores e tradutoras podemos mergullarnos nunha película, emocionarnos coa literatura e explorar territorios que van máis alá das palabras.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s