#25N: Ti decides

Onte conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, un día que pon de manifesto unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual. Maltrato físico e psicolóxico, explotación sexual, insinuacións non desexadas, acoso cibernético… son moitas as formas de expresión dunha violencia que en ocasións chega a ser normalizada e mesmo aceptada como parte das dinámicas do día a día. Ante isto, a implicación de todos os axentes da sociedade é unha das obrigas que debemos marcarnos como cidadanía, pois será o único camiño cara a unha igualdade real e efectiva.

Baixo os lemas #TiDecides e #BibliotecasSTOPViolencia as Bibliotecas Municipais da Coruña presentamos unha campaña que aposta por visibilizar o papel das bibliotecas como espazos que impulsan a transformación social e promoven a igualdade de xénero.

A música tamén é permeable aos movementos que avogan por dita igualdade. Na playlist #TiDecides recollemos cancións comprometidas cunha sociedade libre de violencia de xénero, ben por ser berros de loita e rabia contra o sistema ou cantos cargados de esperanza e sororidade.

Precisamente un 25 de novembro, pero de 2017, Rozalén lanzaba o single “La puerta violeta”, un tema contra as agresións machistas que non tardou en liderar as listas dos máis escoitados en Spotify. A mensaxe é evidente: o feminismo como medio para poñer fin aos feminicidios e á desigualdade de xénero.

Gata Cattana foi unha das grandes impulsoras do rap feminista. Artista, politóloga e poeta, faleceu con tan só 26 anos, pero deixou un legado musical con moito peso reivindicativo. O seu tema “Lisístrata” tomou o nome da famosa comedia de Aristófanes, onde se expón a folga sexual das mulleres como medida de presión, e converteuse en todo un himno pola liberación e a emancipación.

“Paren de matarnos” é un contundente tema que nos trae a cantante, compositora e DJ arxentina Miss Bolivia. Un chamamento para frear a violencia de xénero e a dramática situación de feminicidios que se vive en Latinoamérica.

Manolo García recórdanos en “Sombra de la sombra de tu sombrero” que as relacións de parella non deben aprisionar, senón liberar. Unha canción que aposta polas relacións de parella saudables onde non se permite a violencia nin o xogo de poderes.

Nesta nova lista de reprodución atoparás cancións que sonan con especial forza nestes días, dispostas a espertar emocións e remover conciencias. Convidámosche a subir o volume e comprobar que a música tamén alberga un importante compromiso na loita contra a violencia e a desigualdade. Ti decides!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s