Escoitas de regalo

Un ano máis, as bibliotecarias e os bibliotecarios das BMC queremos axudarvos a elixir os mellores regalos de Nadal. É por iso que tanto nas bibliotecas da rede como na nosa web descubrirás a selección Historias de regalo 2020, clasificada por tramos de idade e outras áreas de interese (LGTB e feminismos, cómic, Biblioteca Verde…) e con materiais publicados nos últimos dous anos. Recomendacións para todas as persoas e para todos os gustos nas que a música non podía faltar.

Si mi rayo te alcanzara é o cuarto álbum en solitario do artista coruñés Xoel López, publicado no pasado mes de novembro, e que exerce de fronteira musical cos anteriores. Abre un novo camiño no que o cantautor pasa a compartir a responsabilidade creativa, grazas á colaboración de David Quinzán. Os cambios móstranse tamén nas cancións, sendo estas máis corais e mesmo prescindindo en ocasións dos instrumentos clásicos como a guitarra. Unha liberación creativa para López, disposto a experimentar con sons alternativos. O deseño do disco tamén é sinal de metamorfose: das cores e figuras rechamantes de álbums anteriores pasamos a unha arte minimalista da man de Rebeca Losada, no que predominan dúas cores: o vermello e o azul.

A cantanteSés proponnos Liberar as arterias cun disco co que segue evolucionando o seu particular son, e que mantén a súa valente mensaxe, percorrendo América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira. O seu sétimo disco é un álbum con letras e músicas compostas por ela, que mestura con guitarras, baterías, pandeiretas… e que ten como eixo a loita feminista. O título do disco vén tomado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”.

Ultraligero congrega todos eses sons que foron calando co tempo no imaxinario de  Novedades Carminha, máis preto da pista de baile e a verbena de barrio que do rock con pretensións. Un disco moito máis libre e complexo do que parece, pola súa pluralidade de estilos: funk bailongo, pop vacilón, cumbia, música jamaicana, hip hop… Pese a esta miscelánea, hai conexión e discurso. Un álbum arriscado e diferente do que non hai impresión firme ata que rematas de escoitalo.

Chegamos ao Latexo de Xosé Lois Romero e Aliboria. Un álbum conceptual, variado e minimalista que percorre o esqueleto da tradición musical galega, na procura do pulso máis profundo da terra. Latexo mantén a forza do tribal e o ritual á vez que reinterpreta os códigos da música folk. Tan preto da tradición galega máis crúa como dos sons da África máis indixenista, o romanticismo harmónico e coral da música sacra, ou mesmo esa sensación de poder que impón a “haka” dos All Blacks de Nova Zelanda.

Os máis pequenos da casa tamén contan con banda sonora para estas festas. A familia María Fumaça propón unha nova viaxe en O veleiro verde, unha embarcación coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O capitán Rui vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.

A cousa vai de sons, pero isto non é todo. Bota un ollo á guía ou pásate pola túa biblioteca para descubrir todos os materiais que vos propoñemos. Bo Nadal!

Lista Reprodución Fórum: polo Nadal voltan os clásicos

De seguro que somos moitos os que estamos desexando que remate este 2020 tan atípico e dé comezo un novo ano máis cheo de esperanza ca nunca. Sexa como for o certo é que a conta atrás xa está en marcha e o Nadal á voltiña mesmo da esquina. Nas bibliotecas municipais xa están listas a mostras de nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional “Guía de Nadal” chea de ideas para aos que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos.

A lista de reprodución deste mes quedou do máis ecléctica en canto a sons e artistas pero ten un claro fío condutor, o da nostalxia. E é que polo nadal sempre voltan os clásicos.

Resulta inevitable non comezar a ritmo dos Beatles coa efeméride do aniversario da morte de John Lennon. O 8 de decembro de 1980 John Lennon foi asasinado na porta da súa casa en Nova York. No 40º aniversario deste suceso que sacudiu ao planeta enteiro, as homenaxes sucédense polas miles de emisoras do planeta. En Bibliosons abrimos a nosa lista con el.

O momento nostálixico segue co cantautor e multinstrumentista irlandés, Van Morrison, que leva triunfando desde os anos sesenta e con máis de 30 discos ás súas costas é un dos máis grandes da música ao que, sempre que a ocasión o merece, lle facemos un sitiño na lista. E dun dos grandes a outro dos grandes, o cantautor Leonard Cohen coa súa especial sensibilidade para as letras. Cohen foi máis popular como cantautor que como poeta, pero, paradoxalmente, recoñecéuselle máis esta última faceta que a primeira. Como cantante recibiu o Crystal Globe en 1988 por vender cinco millóns de discos fóra de Estados Unidos. Con todo, en literatura, a lista de galardóns cultivados é case interminable; mereceu dous títulos Honoris causa polas universidades de Dalhousie (1970) e McGill (1992), e en 2011 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.

Incluímos tamén a Michael Jackson, Rod Stewart, Adele, Björk, Norah Jones ao gran Barry White e non nos esquecemos da polifacética Barbra Streisand, a muller que triunfuou pese a todo e a todos. Actriz, cantante, compositora, produtora e directora estadounidense. Ao longo da súa extensa carreira de máis de seis décadas, os seus logros na música, o cinema e o teatro convertérona nunha icona da cultura estadounidense.

A lista como xa adiantabamos é acaída para todos os gustos e desexamos que a escoitedes ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2021 que está a piques de comezar. Deixámosvola ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify pero non sen antes despedirnos coa icónica canción “Viva la vida” porque diso, máis ca nunca vai a cousa. E lembrade que tedes todos os discos ao voso dispor na Biblioteca Fórum Metropolitano.

The Beatles – Sgt. Pepper’s Lonely Hearts Club Band, Imagine Dragons – Night Visions, Van Morrison – You’re Driving Me Crazy, Björk – Homogenic, Niño Josele – Paz, Coldplay – Viva la Vida, Rod Stewart – The Complete Great American Songbook, Michael Jackson – Blood On the Dance Floor – Mumford & Sons – Babel, Diana Krall – Wallflower, Norah Jones – Day Breaks, Adele – 19, Carla Bruni – No promises, Leonard Cohen – Songs from the road, Barbra Streisand – The concert, Vanesa Martín – Munay, U2 – No line on the horizon, Robbie Williams – She’s Madonna, Barry White – The ultimate gold collection, Simply Chillout – Simply Chillout.