Escoitas de regalo

Un ano máis, as bibliotecarias e os bibliotecarios das BMC queremos axudarvos a elixir os mellores regalos de Nadal. É por iso que tanto nas bibliotecas da rede como na nosa web descubrirás a selección Historias de regalo 2020, clasificada por tramos de idade e outras áreas de interese (LGTB e feminismos, cómic, Biblioteca Verde…) e con materiais publicados nos últimos dous anos. Recomendacións para todas as persoas e para todos os gustos nas que a música non podía faltar.

Si mi rayo te alcanzara é o cuarto álbum en solitario do artista coruñés Xoel López, publicado no pasado mes de novembro, e que exerce de fronteira musical cos anteriores. Abre un novo camiño no que o cantautor pasa a compartir a responsabilidade creativa, grazas á colaboración de David Quinzán. Os cambios móstranse tamén nas cancións, sendo estas máis corais e mesmo prescindindo en ocasións dos instrumentos clásicos como a guitarra. Unha liberación creativa para López, disposto a experimentar con sons alternativos. O deseño do disco tamén é sinal de metamorfose: das cores e figuras rechamantes de álbums anteriores pasamos a unha arte minimalista da man de Rebeca Losada, no que predominan dúas cores: o vermello e o azul.

A cantanteSés proponnos Liberar as arterias cun disco co que segue evolucionando o seu particular son, e que mantén a súa valente mensaxe, percorrendo América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira. O seu sétimo disco é un álbum con letras e músicas compostas por ela, que mestura con guitarras, baterías, pandeiretas… e que ten como eixo a loita feminista. O título do disco vén tomado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”.

Ultraligero congrega todos eses sons que foron calando co tempo no imaxinario de  Novedades Carminha, máis preto da pista de baile e a verbena de barrio que do rock con pretensións. Un disco moito máis libre e complexo do que parece, pola súa pluralidade de estilos: funk bailongo, pop vacilón, cumbia, música jamaicana, hip hop… Pese a esta miscelánea, hai conexión e discurso. Un álbum arriscado e diferente do que non hai impresión firme ata que rematas de escoitalo.

Chegamos ao Latexo de Xosé Lois Romero e Aliboria. Un álbum conceptual, variado e minimalista que percorre o esqueleto da tradición musical galega, na procura do pulso máis profundo da terra. Latexo mantén a forza do tribal e o ritual á vez que reinterpreta os códigos da música folk. Tan preto da tradición galega máis crúa como dos sons da África máis indixenista, o romanticismo harmónico e coral da música sacra, ou mesmo esa sensación de poder que impón a “haka” dos All Blacks de Nova Zelanda.

Os máis pequenos da casa tamén contan con banda sonora para estas festas. A familia María Fumaça propón unha nova viaxe en O veleiro verde, unha embarcación coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O capitán Rui vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.

A cousa vai de sons, pero isto non é todo. Bota un ollo á guía ou pásate pola túa biblioteca para descubrir todos os materiais que vos propoñemos. Bo Nadal!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s