As Bibliotecas Municipais sumámonos á campaña impulsada polo Concello Coruna baixo o lema “A por todas. Mulleres sen límites” cun obxectivo claro: #VisibilizarOinvisible poñendo o foco na perspectiva feminista das bibliotecas.

A través da visibilización da música galega feita por mulleres queremos trasladar o contexto xustificativo da existencia do Día da Muller. E é que a case ninguén se lle escapa xa que o panorama musical galego vive nos últimos anos un auténtico espertar en feminino. Isto supón un elemento fundamental na sociedade galega contemporánea (entre outros moitos) para a construcción da súa identidade nacional. E se por bo camiño imos, a meta non debe ser outra ca de deixar de ser anecdótico ou curioso que haxa un grupo de rock composto por só rapazas e mesmo que tamén canten en galego.
Elaboramos unha nova lista de distribución na nosa canle de spotity composta por música feita por mulleres da terra, mulleres mediáticas con compromiso feminista coma Sés, Guadi Galego ou Mercedes Peón e que tiveron moito que ver neste rexurdir dos últimos tempos de grupos e artistas galegas coma as Tanxugueiras, A Banda da Loba, Wöyza ou MJ Pérez entre outras.
Podedes escoitar o último traballo da de Cedeira “Costuras” publicado nun fermoso e orixinal DIGIPACK , a portada contén unha obra do pintor Ricardo de Barreiro que cada persoa descobre rascando a superficie gris. Un bo xogo que invita ao comprador do álbum a crear a súa propia versión da mesma. Supón o quinto disco en solitario e segundo a crítica un dos mellores.10 cancións de Guadi Galego e Carlos Abal que viaxan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e á vez esperanzador, onde a autora amósase tal como é.
“Fábrica de luz” está firmado por cinco mulleres que mesturan pop, blues, folk, rock e sons tradicionais creando un estilo musical de seu, son A Banda da Loba. “Fábrica de Luz” é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. A lingua e a terra, son as primeiras nais, fábricas de luz. As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz.A Banda da loba recén acaba de presentar “Intempériome”, o primeiro adianto dun EP titulado “Hasme oír” que sairá á rúa a comezos de abril para homenaxear a Xela Arias, a quen se lle adican este ano as Letras Galegas.
“Contrapunto” é o segundo traballo de Tanxugueiras co que dan un gran paso cara unha maior madurez tanto musical como persoal e grupal. O disco está composto por dez temas nos que priman a transmisión dun sentimento concreto a través das letras e música.
“Efecto boomerang” está asinado por unha das representantes máis destacadas da canción de autor en Galicia, Silvia Penide, que nos últimos traballos achégase ao pop intimista, co que logra emocionar e cautivar a un público cada vez máis numeroso. Neste disco atopamos unha nova colección de temas sensibles e reflexivos, que nos achegarán, grazas ao boomerang, a recoñecidas pezas pop desta galardoada autora. Segundo a crítica, un dos discos imprescindibles do 2019.
“Toro” é o título do disco de debut de Astrogirl, o proxecto de María Jesús Cabana que encantou aos fans do indie-pop. Un traballo que representa para a cantante coruñesa a forza interior que atravesa calquera barreira para expresar a verdadeira natureza de cada un. Toro é o símbolo de forza deste animal que, neste caso, representa á creatividade, que “está en todas as cousas e ábrese paso sexa como sexa aínda que lle poñas trabas porque é natural” segundo afirma a propia María Jesús.
Rematamos con Marem Ladson, un proxecto moi persoal e íntimo da artista ourensá de raíces estado unidenses. Combina letras introspectivas con elementos rock, pop e folk. Estamos ante unha especie de diario no que Marem inclúe moitos aspectos persoais e autobiográficos, un diario sobre o descubrimento dun mesmo, sobre as relacións persoais, sobre os acertos e os fracasos. Naturalidade, sinceridade e emoción son os ingredientes principais.
Aquí vos deixamos a lista ao completo para que lle botedes unha escoita tanto dende aquí coma dende a nosa canle de spotify e convidámosvos a que nos enviedes as vosas músicas galegas imprescindibles e ampliar a lista. Coma sempre, todos os traballos recomendados na lista podedes atopalos dentro do fondo das nosas bibliotecas, podedes consultar a súa dispoñibilidade a través do catálogo.
Guadi Galego – Costuras. A Banda da Loba – Fábrica de Luz. Tanxugueiras – Contrapunto. Silvia Penide – El Efecto Boomerang. Astrogirl – Toro. Sés – Liberar as arterias. Mercedes Peón – Isue. Marful – Marful. Susana Seivane – Dende o meu balcón. Ialma – Camiño. Alba María – Aínda. Leilía – Consentimento. Jane Joyd – Shy Little Jane Presents. Uxía – Meu Canto. Nastasia Zürcher – Beat. Paula Parker – Live. MJ Pérez – A luz prendida. Cristina Pato – Mens. Rosa Cedrón – Entre dous mares.
Ogallá pronto poidamos voltar a desfrutar da música ao vivo porque a importancia das redes sociais á hora de facer visibles os milleiros de proxectos foron e son unha ferramenta fundamental, a visualización do traballo das mulleres en festivais e eventos culturais xoga un papel clave á hora de normalizar a súa presenza na música galega.