Dende Bibliosons estamos felices de volver falar de concertos, aínda que o de hoxe ten prácticamente todo vendido. Falamos do concerto de Escuchando Elefantes que terá lugar hoxe ás 20 da tarde no Teatro Colón. Recentemente veñen de dar un na sala Siroco de capital.
Imaxe tomada da súa conta de twitter @EscuchElefantes
Dende este pequeno recuncho fainos especial ilusión falar de Escuchando Elefantes. Son o dúo coruñés de folk-rock e pop formado por Silvia Rábade e Carlos Tajes. Son coñecidos por compaxinar as súas xiras con actuacións espontáneas na rúa. Na rúa é precisamente onde eu os escoitei por primeira vez, concretamente na praza de Lugo, onde son habituais, aló polo 2012, ano no que publicaron o seu primeiro disco, Show & Tell, de maneira totalmente independente e do que gardo un exemplar asinado por Silvia e Carlos coma ouro en pano. Con este traballo, que como era de agardar, contou con boa acollida por parte da crítica, xirarían máis tarde por diferentes países e festivais.
Nas Bibliotecas Municipais da Coruña podedes desfrutar dos seus discos: Show & tell, Happy Lonely PeopleeHope. Traballo este último no que se aprecia un certo cambio de formato na banda xa que comezan a intercambiar instrumentos no escenario tocando ambos os dous baterías e guitarras.
Desexando estamos de incorporar aos nosos fondos o seu ¿Por qué siempre cantáis en inglés? Que aínda que pareza unha pregunta con sorna que seguramente lle fixeron moitas veces, verdadeiramente é o título do seu último disco, o primeiro álbum en castelán do dúo. Na elección do mesmo supoño que terá moito que ver o seu sentido do humor do que sempre fan gala a través das súas redes sociais.
Para os máis rezagados bulide porque queda aínda algunha entrada. De seguro que o desfrutades porque coma ben dixo Silvia dos seus concertos:
“transmiten paz e calma pero á vez forza e enerxía, igual ca os elefantes”.
Se non o fixestes xa, botádelle unha escoita á nova Lista de Reprodución do mes de maio da Biblioteca Fórum. Desta volta ven cargada coas últimas incorporacións musicais que van dende o rock alternativo dos estadounidenses Nada Surf ata a mestura de pop, blues, folk, rock e sons tradicionais creando un estilo musical de seu de A Banda da Loba.
Fabrica de luz é o traballo que podes escoitar na lista de reprodución deste mes. Un canto á creación e á liberdade e toda unha declaración de intencións no que a banda xa se aproxima á obra da homenaxeada nas letras Xela Arias coa canción Tigres coma cabalos. Trátase dun bolero que tamén aparecerá no novo traballo recén publicado Hasme oír esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d’Abaixo. Hasme oír é unha homenaxe máis coidada e precisa. Contén catro cancións, unha por cada poemario: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.
A banda da Loba – Tigres coma cabalos (Folk Sessions)
Cun concerto en streaming para todo o seu público comezaba Passengero ano. Unha gran iniciativa por parte do artista para que todo o mundo poidera velo en directo, xa que o panorama actual impide aínda poder gozar dun concerto como os de antes. Un concerto onde interpretou todos os seus éxitos e todos os deste novo traballo, Songs For The Drunk And Broken Hearted que dende a biblioteca xa tedes dispoñible para levar en préstamo. Pero para os máis seareiros non perdades a esperanza aínda porque se as condicións da pandemia o permiten, Passenger, pasará por España na xira de presentación do seu álbum. Farao en dúas datas: o 12 de outubro na sala A Riviera de Madrid; e o día 13 na sala Razzmatazz de Barcelona.
Passenger | A Song For The Drunk And Broken Hearted (Official Video)
Seguimos cunha auténtica estrela do pop aos seus 25 anos. a cantante albano- kosovar Dua Lipa, leva desde os 14 anos adicándose ao mundo da música. Luz, cor e música disco son os elementos fundamentais que atoparás no seu último traballo Future Nostalgia.
Dua Lipa: Future Nostagia. Portada do disco
E voltamos á terra coa orixinal banda de Vigo Bifannah e o seu segundo traballo Danças líquidas. Son orixinais ata no nome en homenaxe a unha comida portuguesa, pan recheo de carne de porco, “bifana” moi típido de Porto, onde Guille (voz e guitarra) vivíu cinco anos. Na súa música podemos atopar combinación de rock sesenteiro, latín soul e tropicalia.
Bifannah-Capri
Na lista podes escoitar tamén ao madrileño Depedro en xira co seu novo espectáculo Érase una vez Depedro no que busca a interacción coa audiencia. Un gran espectáculo, tanto para nenos como para adultos, a non perder. Sidonie son un clásico xa nas nosas listas, e desta volta veñen con El regreso de ABBA. Son 23 cancións inspiradas na novela homónima publicada polo cantante Marc Ros. Sen dúbida un completo e ambicioso traballo do trío catalán.
Sidonie con Kimberley Tell – Me Llamo Abba
A lista segue con nomes da talla de Nathy Peluso, Saint Etienne ou Travis. Aquí vola deixamos ao completo para que a desfrutedes con calma e se gustades, xa sabedes, podedes levar os discos en préstamo, consulta antes a súa dispoñibilidade no noso catálogo.
Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo. Passenger – Songs for the drunk and broken hearted. Fiona Apple – Fetch the bolt cutters. Dua Lipa – Future Nostalgia. Depedro – Érase una vez. Bifannah – Danças Líquidas. Nada Surf – Never not together. Sidonie – El regreso de Abba. A banda da loba – Fábrica de luz. Guadi Galego – Costuras. Carolina Durante – Carolina Durante. Vanesa Martín – Siete veces sí. Travis – 10 songs. Rammstein – Live aus Berlín. Austra – Hirudin. Saint etienne – Tales from turnpike house. Teenage Fanclub – Howdy!.Rozalén – Cuando el río suena. Iván Ferreiro – Cena recalentada. Nathy Peluso – Calambre.