Música para días azuis

Amigas e amigos do drama, estades de noraboa. Así como o luns adoita ser para moitas persoas o día máis difícil da semana, hoxe polo visto temos motivos para sumarlle traxedia ao asunto. Comezamos o Blue Monday, o día máis triste do ano segundo unha investigación sen ningún tipo de base científica.
Na cultura anglosaxoa a cor azul asóciase á tristeza e a episodios de depresión. Será por isto que Cliff Arnall, psicólogo británico e (aínda que sone a paradoxo) experto en motivación, tomouno prestado para designar esta cuestionable efeméride.
Arnall argallou a fórmula en base a unha serie de parámetros que, en conxunto, determinan o felices que seremos (ou non) durante este día. Inclúe variables como o clima, as débedas das compras do Nadal, o soldo de xaneiro, o tempo transcorrido desde as vacacións, os propósitos de abandonar malos hábitos ou a necesidade de cambios. Todos xuntos farían que o terceiro luns de xaneiro nos sintamos máis aflixidos e pesimistas que de costume.

Prevendo que nas redes sociais haberá bombardeo de mensaxes de ánimo para sobrevivir a esta deprimente xornada, nas Bibliotecas Municipais propuxémonos botarlle un pulso ao mesmísimo Mr. Wonderful e ofrecervos unha playlist repleta de melancolía. Porque entre os superpoderes da música está o de ser unha especie de autoterapia, capaz de axudarnos a identificar e liberar emocións. E escoitar cancións tristes cando estamos de baixón, por moi masoquista que pareza, outórganos unha sensación de calma e consolo realmente proveitosa.
Se tedes un bo día, mellor obviade esta lista. No Spotify das biblios atoparedes outras tantas moito máis afíns ao voso estado de ánimo. Pero se a frívola profecía deste profesor faise realidade e o voso luns está tinguido de azul, dádelle ao play e empapádevos de tristura. Fainos tan humanos como a alegría.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s