Xa entrados no mes de febreiro, pasado o día dos namorados e chegando o entroido mais antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum non nos esquecemos que aínda tiñamos pendente a selección dos máis prestados do 2021.
Botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.
A cousa comeza animada ao ritmo da raíña da rancheira, a grande Rocío Dúrcal e o seu inesquecible “Me gustas mucho”. A canción do nome homónimo, converteuse no primeiro sinxelo do disco, e no gran éxito deste álbum, alcanzando importantes vendas tanto en España como en Latinoamérica. Tal foi o éxito que conta con numerosas versións, entre elas a do grupo infantil Parchís ou a da Década Prodigiosa entre outros. Un tema moi acaído para os amantes da verbena que por fin este ano parece que van poder desfrutar.

E para ir de festa tamén podemos facelo a ritmo dos santiagueses Malandrómena e o seu “Cada can que lamba o seu carallo” que conxugan vangarda e poesía urbana para ofrecer unha mestura de estilos capaz de animar ao máis parado.
Non hai que esquecer que xunto con “Os corenta e oito nomes do inimigo’, ‘Cada can que lamba ou seu carallo’ publicados á vez en 2016, foron elixidos discos nacionais do ano ex aequo na tradicional lista que publica a revista especializada en música Rockdelux.
Pero como non todo vai ser festa, na lista tamén hai oco para a música máis tradicional e o folk de Luar na Lubre e os cantos tradicionais e místicos do cantautor leonés Amancio Prada. Sen palabras nos deixa o seu “Campanas de Bastabales”.
Que entre os máis prestados figuren nomes como Rosa Cedrón, Guadi Galego e por suposto as de sobra coñecidas e admiradas Tanxugueiras non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz. Pero por suposto a lista segue, e non estabamos de chance cando deciamos que era do máis ecléctica posto que se suman nomes como Nathy Peluso, Dua Lipa ou Sidonie.
Aquí cha deixamos ao completo, bótalle unha escoita, desfrútaa e compartea. Os discos coma sempre telos a túa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.
Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Nada Surf – Never not together, La M.O.D.A – Ninguna ola, Sidonie – El regreso de abba, Guadi Galego – Costuras, Fiona Apple – Fetch the bolt cutters, Bruce Springsteen – Letter to you, Dua Lipa – Future Nostalgia , Tanxugueiras – Contra [punto], Nathy Peluso – Calambre, Sinéad O’Connor – So far_the best of Sinéad O’Connor , Iván Ferreiro – Cena Recalentada, Luar na Lubre – Extra Mundi, Soleá Morente – Lo que te falta, Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos, Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo, Rosa Cedrón – Entre dous mares, Siniestro Total – Trabajar para el enemigo, Amaral –Amaral,Andrés Suárez – Mi pequeña historia