Conversa con Xurxo Fernandes

A Biblioteca Fórum ven de poñer en marcha un novo ciclo temático: “De meu, de teu, de seu: a importancia da convivencia interxeracional na sociedade” para dar visibilidade e tomar conciencia da importancia das relacións interxeracionais tanto dende un punto de vista teórico, a través de charlas de expertos, coma práctico coa realización de obradoiros nos que prime a convivencia e interacción de persoas de diferentes idades.

O mércores 27 de abril ás 19 h. a sala de adultos da biblioteca acolle un faladoiro da man do músico e investigador Xurxo Fernandes no que nos achegaremos precisamente á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore: pasado, presente e futuro das ruadas nas que desaparece a división etaria. Descubriremos cales son as claves para afianzar estes espazos e como contribuír desde o ensino a fornecer códigos que permitan o funcionamento actual e futuro deste fenómeno de lecer.

Imaxe de Xurxo Fernandes para Bibliosons

Dende Bibliosons conversamos un anaquiño, para coñecer máis polo miúdo ao creador e artista coruñés, Xurxo Fernandes, que ten un merecido recoñecemento como etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como ‘Radio Cos’, e tamén destaca como intérprete da música urbana dos xudeus do imperio Otomán, no que está baseado o seu personaxe de Jako o Muzikante.

B. En Levaino! o teu último e exquisito traballo pódese dicir que conflúen a túa vertente investigadora e a interpretativa e exploras a conexión existente entre a tradición oral de Galicia coa do Mediterráneo Oriental. Eu persoalmente no primeiro no que reparo é no título, paréceme que transmite forza e moita mensaxe atrás del. Cal é o verdadeiro significado de Levaino!?

X. “Levaino!” é unha exhortación a levar connosco a nosa identidade alá onde vaiamos. Nun mundo no que vivimos en minoría impregnados pola globalización é un grande reto manter a nosa esencia e ao mesmo tempo estar abertos e ser permeábeis ao universo que nos rodea. Un traballo ben dificil: non habitar guetos mentais nin diluírse na corrente que arrastra as masas.

B. Levaino! ofrece doce temas que recolleches en Coristanco (A Coruña), Samakov (Bulgaria), A Mezquita (Ourense), Salihli (Turquía), Tordoia (A Coruña), Larache (Marrocos) e Tel Aviv (Israel). Entendo que entre a música da terra e a da vertente Mediterránea a diferenza é notable, pero, que características diferenciadoras sinalarías entre as cantigas da Mezquita e as de Tordoia por exemplo? E os toques de pandeireta?

X. A música tradicional ,igual que a língua, é un contínuo ao que nós lle asignamos unhas divisións para poder encaixalas nos nosos esquemas mentais. De modo que as diferenzas que pode haber entre as cántigas de Tordoia e as da Mezquita dependen do lugar onde se sitúe o interlocutor. A min persoalmente quédame máis próximo Tordoia, un concello que explorei moito grazas ás gravacións de campo e co que tiven un vínculo laboral moi estreito, de modo que as músicas da Mezquita – e non é polo nome- parécenme máis exóticas. Seguro que á xente da Mezquita Tordoia sóalle a grego…hahaha. Galicia é moi grande! No plano musical a dispersión populacional que hai na Galiza favorece a diversidade e a riqueza de melodías e toques de pandeireta, sen dúbida. O feito de que haxa diferenzas no toque entre aldeas que teñen dous quilómetros de distancia dános unha idea da magnitude do tesouro que temos entre mans.

B. Por certo, esa conexión entre a tradición galega e a de todos eses países que mencionamos na pregunta anterior, que curiosa non? É que a música de raíz ten estas similitudes en xeral entre países ou hai algún vínculo especial nestas para cadralo todo nun disco?

X. Como ben dis as músicas de raíz teñen algo en común. Alén da súa xénese estritamente musical, pasaron por varias peneiras: o tempo, a memoria e a aprobación popular. Pero ademais disto eu vexo que a tradición oral de Galiza está vencellada á oralidade norteafricana e mediterránea: comparten o mesmo modo de entender a voz e as percusións de man. Un vínculo que non está moi explorado e que me interesa pór enriba da mesa aproveitando a miña experiencia na investigación de dúas realidades músicais: a galega e a da comunidade sefardí de oriente.

B. Parece que na actualidade estamos a vivir un auxe do folclore e da música de raíz galega, o exemplo máis evidente recén o acabamos de vivir co fenómeno Tanxugueiras, pero pensas que veu para quedar ou que pode ser unha moda pasaxeira?

X. Cal é a moda pasaxeira? O auxe do folclore ou a música das Tanxugueiras? Espero que ningunha. O folclore en Galicia pasou varias veces por este punto álxido. Nos anos 60 a empresa Butano S.A. organizaba un concurso itinerante de muiñeira que reunía en Compostela a máis de 35000 persoas para asisitir á súa final. Sen redes sociais. Nos anos 90 o concurso de pandeireteiras de Xacarandaina tiña ocupado o teatro Colón da Coruña durante tres fins de semana seguidas con fileiras quilométricas que daban a volta aos xardíns de Méndez Núñez para asistir ao evento. O fenómeno non é novo pero temos unha memoria moi fráxil, o pé coxo do folclore.

B. No faladoiro da Biblioteca Fórum achegaremos á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore, practicamente o único ou un dos poucos fenómenos de ocio no que conviven diferentes xeracións. Quixera que nos contaras que situación están a vivir na actualidade as ruadas, imaxino que coma a todos os fenómenos sociais e de lecer se viron afectados pola pandemia, pero hai recuperación actualmente?

X. Parece que si, a xente está participando moi activamente nas propostas que van aparecendo. Penso que levan bo camiño. Pero tamén hai que redefinilas. Para saber que é unha ruada hai primeiro que destilala e pór enriba da mesa os elementos importantes que non poden faltar para evitar que se convirtan, por exemplo, en sinónimos de festival onde a participación espontánea brilla pola súa ausencia ou festa convocada pola “comisión de festas”con grupos que tocan de balde.

B. Que papel xogan realmente as ruadas e as foliadas na trasmisión e conservación do patrimonio cultural oral galego?

X. Por agora o papel na conservación e na transmisión é escaso, sendo que ese papel hoxe en día xógano as asociacións culturais en exclusiva. Ademais disto, as ruadas de hoxe en día están carentes duns códigos que permitan esa transmisión dun modo voluntario e natural, como pasaba antigamente. Hoxe o escenario mudou totalmente pero os códigos non se actualizaron, senón que desapareceron. Un traballo pendente.

B. Sabemos que comezaches dende moi noviño a túa andaina percorrendo Galiza e realizando un traballo de campo valiosísimo que precisamente é o que agora se reflexa nos teus discos, pero quen foi realmente para ti esa persoa “interxeracional” que che transmitiu o amor e interese pola música tradicional?

X. O meu interese na música tradicional veu pola língua, polo tanto as primeiras persoas que me fascinaron eran meus avós. A outra referencia é a xente maior que me ensinou tan xenerosamente.

B. E como cres que será a transmisión interxeracional de agora en diante? Cando sexa a nosa xeración a que teña que transmitir a tradición galega sen tela vivido como a viviron as nosas avoas e avós.

X. Nós temos que contarlles como era o mundo sen internet e sen teléfono móbil, a música xa escoitan por Spotify… hahahahaha…

Moitas grazas Xurxo e moitos éxitos!

Unha opinión sobre “Conversa con Xurxo Fernandes

  1. Pingback: Ciclo Temático: «De meu, de teu, de seu: a importancia da convivencia interxeracional na sociedade» | Corto y Cambio

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s