Conversa con Grande Amore polo AgoraSón 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto. E dende Bibliosons falamos con él.

Moi bo día, Nuno!!

Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.

B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?

Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.

B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?

Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.

B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?

Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.

B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?

Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.

B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?

Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.

B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?

Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.

B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?

Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.

B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?

Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).

Moitas grazas polo teu tempo e moitos éxitos.

E vós lembrade que aínda estades a tempo de conseguir a vos entrada para o AgoraSón, o propio Nuno explícache como, atende ao vídeo!!

Nuno Pico convídate ao AgoraSón e diche como coseguir as entradas

Grande Amore en concerto (de balde) no AgoraSón do outono 2022

Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.

Esta edición do AgoraSón terá como protagonista o músico do Valadouro, na mariña lucense, Nuno Pico, coñecido no panorama musical como Grande Amore, que acaba de recibir este mes o premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica, e é unhas das revelacións máis recentes dentro do panorama musical galego.

    O Servizo de Normalización Lingüística, o 22 de outubro ás 21.00 h, volve organizar o concerto do AgoraSón outono (co gallo do Día da Biblioteca e para promover a lectura e o emprego de materiais audiovisuais en lingua galega), en colaboración coas Bibliotecas Municipais da Coruña.

    Grande Amore naceu coa idea de xogar co techno, o rock and roll e o pop dos 80 dende a óptica da música electrónica actual. Editou os seus primeiros singles “Todo ou nada” e “Esta cruz“, moi influenciados por correntes estilísticas como o Italo Disco ou o High Energy. A mediados de 2021, e logo de diversas colaboracións con artistas como Ortiga, Verto ou Mundo Prestigio, sae á luz o seu primeiro álbum, de título homónimo, no que se mostra máis cercano ao post-punk, o darkwave e os sons industriais. Amosa unha grande implicación e compromiso coa lingua galega e caracterízase polo seu estilo moderno e fresco. A web Hipersónica recoñeceuno como o mellor disco do ano en España, nunha lista na que figuraban nomes coma o de C. Tangana.

    O evento terá lugar no auditorio do Centro sociocultural Ágora o día 22 de outubro ás 21.00 horas.

    A asistencia será de balde, mais precisará a recollida previa de invitación nas Bibliotecas Municipais. 

    Lista Reprodución Fórum: Pensa global, actúa local

    Na Biblioteca Fórum Metropolitano vimos de poñer en marcha un novo ciclo temático baixo o título “Pensa global, actúa local”, que tedes dispoñibles dende o 26 de setembro ata o 11 de decembro.

    Este ciclo, feito en colaboración coa Asociación de veciños Oza, A Gaiteira, Os Castros, acompaña o seu proxecto “Barrios 2030: Fomento da participación cidadá a través dos ODS”. Pensa global, actúa local incita á poboación a ter en conta a saúde do planeta no seu conxunto e a realizar accións pequenas nas súas propias comunidades. 

    Cartaz do Ciclo Temático: Pensa global, actúa local

    Na Biblioteca temos dispoñible unha mostra bibliográfica con materiais para coñecer e ampliar información sobre o conxunto de obxectivos globais: erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable. 

    Dende a Lista de Reprodución deste mes non podemos menos que sumar o noso grao de area con cancións reivindicativas e de denuncia social que berran mensaxes que en moitas ocasións xa se converteron en lemas de vida en prol dun mundo mellor. 

    A canción “Girls Just Want To Have Fun” de Cindy Lauper sen dúbida fixo historia polos milleiros de visionados en youtube, polas múltiples versións  e por suposto pola historia que ten detrás. A propia cantante revelou nun comunicado:

    Mucha gente no se da cuenta de que Girls Just Want to Have Fun es una canción política. Cuando puse mis feministas manos sobre ella supe que quería convertirla en un himno para todas las mujeres,

    A canción, que data de 1979, estaba entón enfocada dende o punto de vista masculino e narraba a historia dun mozo que se escusa ante os seus pais pola súa promiscuidade sexual. Culpando do pecado ás mulleres que “só querían divertirse” con el. Cando lle ofreceron a Lauper a posibilidade de incluír a canción no seu álbum de debut, She’s So Unusual, a artista só aceptou a cambio de investir o xénero e reescribir varias estrofas para desposuíla de calquera subtexto machista.

    Michael Jackson é un dos artistas máis grandes de todos os tempos, e lonxe de polémicas, o certo é que creou cancións que invitan non soamente a ser bailables e excelentes para escoitar, senón que tamén teñan unha gran mensaxe polo medio. Neste caso resaltamos “Jam” incluída no seu álbum “Dangerous”, nesta canción fala do mundo e de que prácticamente o planeta enteiro se está convertendo nunha apocalipse

    Se falamos de lemas sen dúbida temos que citar “Imagine” canción composta e interpretada polo músico inglés John Lennon e escrita por Yoko Ono e máis a comezos de 1971. O tema foi producido por Phil Spector e apareceu no álbum do mesmo nome. Con esta canción Lennon quería difundir unha mensaxe de igualdade nun mundo gobernado pola paz. “Podes imaxinar un mundo sen países nin relixións?” reza a canción.

    Macaco no mundo da música, puxo as súas cancións ao servizo da conservación ambiental, é un frecuente activista pola causa e un dos seus exemplos máis destacados é o tema “Mama Tierra”. Do seu disco “Ingravitto” o propio Macaco declarou:

    Mi música es crítica y reivindicativa, pero no panfletaria” “Me gusta ser reivindicativo pero muy positivo. Este disco es positivo y tiene ideología, es crítico, pero no panfletario”, convencido de que “una canción no puede cambiar el mundo, pero muchas pueden concienciar a la gente.

    Tedes a lista ao completo dispoñible a través da nosa canle de spotify. Non esquezades que a música é un dos medios máis poderosos que temos para comunicarnos, para transmitir ideas e pensamentos, denunciar inxustizas, sacudir conciencias. Unha linguaxe universal que nin entende de xeracións nin de idiomas. Dadelle ao play!


    Macaco – Ingravitto. John Lennon – Imagine. Bebe  – Pafuera Telarañas. Amaral – Pájaros en la cabeza. Michael Jackson – Dangerous. Rozalén – Cuando el río suena. Linkin Park – A thousand suns.  Supersubmarina – Viento de cara. Cyndi Lauper – Time after time.  Vanesa Martín – Siete veces sí. Mago de Oz – The best of Oz (1988-2006). Carlos Núñez – Mayo Longo.  Sés –  Opoñerse á extinción. Guadi Galego – Costuras. Vetusta Morla – Mapas.  Héroes del Silencio – Senderos de traición. Manu Chao – La radiolina. Imagine Dragons – Night visions. Maná – Unplugged. Sabina –  Alivio de luto.