Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022

Xa entrados no mes de febreiro e antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum gustanos de cando en vez volver a vista atrás e facer valoracións,desta que volta imos dos máis prestados do 2022.

Parécenos que botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.

O que comeza a ser xa un clásico tamén é algún dos discos que logra meterse na selección ano tras ano, como é o caso de “Me gustas mucho” unha reliquia da grande Rocío Durcal que acada o número dous da lista só superada esta vez polo fenómeno Tanxugueiras das que pouco queda por dicir que non se dixera xa. Quedámonos coas súas propias palabras:

“O grupo naceu sen pretensión de nada e mira onde estamos agora”

Que entre os máis prestados figuren tamén nomes como o do coruñés Xabier Díaz e o seu último traballo “Levantarse e caer: arrolos e abrente” ou  Sés co seu traballo do 2015 “Tronzar os valos”  non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz.

Por suposto tamén hai oco para o pop rock tanto nacional coma internacional, atopamos así a The Killers  co seu álbum “Pressure machine”, un traballo conceptual baseado na infancia do cantante Brandon Flowers na cidade de Nephi, Utah ou ao recente triunfador nos Grammy o británico Harry Styles que recolleu os premios ao ao mellor disco do ano e ao mellor disco pop.

E para o remate deixamos a sorpresa final, na lista incluímos un disco que nos fai especial ilusión por dous motivos, unha porque unha das súas cancións está incluída na recén premiada película de animación “Unicorn Wars” e dúas porque un dos integrantes da banda  é un compañeiro noso, falamos como non de Hongo.

Seguro que a estas alturas xa todos sabedes que o artista coruñés Alberto Vázquez acaba de gañar un Goya pola película de animación “Unicorn Wars” pero o que posiblemente non saibades é que outros coruñeses, en concreto os músicos do grupo Hongo, participaron coa súa canción “Respirando Odio” nos créditos da mesma. Con esta canción, que pertencente ao “Split con Aguirre” e se pode escoitar en directo no seu álbum “Live to ruin”, péchase un círculo que comezou hai dez anos co corto que iniciou esta aventura conxunta: Sangre de Unicornio. Un corto que comeza coa mesma canción e que como o propio filme e a música de Hongo, é tremendamente nihilista, persoal e crítico coa sociedade occidental. 

A lista segue e aquí vola deixamos ao completo, para que lle botedes unha escoita, a desfrutedes e por suposto a compartades. Os discos coma sempre tédelos á vosa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.

Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022

Tanxugueiras – Tanxugueiras, Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Arcade Fire – We,The Killers – Pressure machine, Diana Ross – Baby love the essential, Amaral – Salto al calor, Harry Styles – Harry´s house, Kings of Convenience – Peace or love – Tanxugueiras – Contra [punto], Xabier Díaz – Levantarse e caer, Lana del Rey – Blue Banisters, Fredi Leis – Temas privados, Michel Camilo & Tomatito – Spain again, Lori Meyers – Espacios infinitos, Ginebras – Ya dormiré cuando me muera, Fredi Leis – Neón, Rozalén – Quién me ha visto y quién me ve, M80 Radio – Movie Hits, Sés – Tronzar os valos, Dúa Lipa – Future Nostalgia, Hongo – Live to ruin.

Ciclo de concertos: En clave de Á

Mañá xoves 2 de febreiro arrinca unha nova edición do ciclo de concertos En Clave de Á, unha proposta que naceu no ano 2018 como unha colaboración entre a Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (CSM) e a Biblioteca Ágora para ofrecer música de solistas e grupos de cámara do CSM nun espazo diferente.

Con este proxecto musical queremos dar oportunidade ao alumnado do CSM de que ensaien o seu repertorio con público real e ás nosas usuarias e usuarios de que gocen do espectáculo da música en directo, apostando deste xeito tamén desde a biblioteca pola educación e a cultura musical da cidade.

Fai click na imaxe para ampliar información da proposta na web das Bibliotecas Municipais da Coruña.

Un xoves ao mes, teremos ocasión de descubrir e gozar do talento musical das rapazas e rapaces do Conservatorio de Música nun concerto para tódolos públicos na sala de adultos da Biblioteca Ágora.

Neste primeiro evento que inaugura o ciclo, escoitaremos a Sabela Albariño González ao piano, a Carla López López ao violín e ao Quinteto CAOS -integrado por Sara Piñeiro Rivas (trompeta), Xavier Vázquez Gutiérrez (trompeta), Pablo Pazos Rial (trompa), Antía Pardo López (trombón) e Daniel Varela (tuba). Velaquí o programa completo da velada:

Achégate á Biblioteca Ágora a escoitar música en directo entre libros e aproveita para botarlle unha ollada á nosa sección de música!