Baixo o lema “Letras Galegas 2023: Sinte en galego“, as Bibliotecas Municipais da Coruña convidamos á veciñanza a sentir en galego, organizando diversas actividades durante toda esta semana onde o galego é o epicentro da festa.
As bibliotecas visibilizamos o compromiso coa lingua e a literatura, non só nos libros. Este ano na Biblioteca Fórum as mostras bibliográficas que conmemoran este día fan especial fincapé na música en galego.
Ademais de poder levar os discos en préstamo podedes botar unha escoita a parte desa selección de música en galego a través da nosa canle de spotify.
Na escolma podes atopar música de raíz, como é o caso de “Levantarse e caer” o traballo en solitario de Xabier Díaz, paralelo ao seu traballo xunto a Adufeiras de Salitre, no que afonda nos conceptos de resiliencia, os impactos sociais que recibimos como individuos na infancia e a súa importancia na posterior construción individual e colectiva. Reflexiona sobre o paradigma do éxito, etc. Todo desde unha perspectiva intimista e personalísima, mirando á infancia sen perder de vista o presente.
“Diluvio” co que as Tanxugueiras recén veñen de gañar os premios ‘Mellor Album de Música de Raíz’ e ‘Mellor Album en Galego’ nos premios españois da música independente Os Premios MIN son un recoñecemento á música independente en España. O seu nome provén das siglas de “Música Independente”. Estes premios celébranse anualmente e buscan destacar o talento e a calidade dos artistas e proxectos musicais independentes en diferentes categorías.
Tanxugueiras – Fame de Odio (Videoclip Oficia)
Baixo o selo da Editorial Galaxia e co título de Rapoemas podedes escoitar textos da poesía galega clásica levados pola voz e ritmo hip hop da cantante viguesa Aid.
Dentro da selección incluímos tamén a, unha das bandas máis emblemáticas do hip hop galego, os Dios Ke Te Crew que están de xira para celebrar o seu vixésimo aniversario e o pasado 18 de marzo pasaron pola Coruña. Na nova xira que leva por título “Tremendos Anos 20”, os de Ordes revisan as súas últimas creacións e, moi especialmente, os grandes éxitos da súa traxectoria. Desta banda destacamos dous puntos clave na súa carreira: por unha banda a publicación de Xénese no 2006, que vos fixo coñecidos en todo o país e que se converteu no primeiro disco da historia do rap en galego, e pola outra gañar o Premio Martín Códax da Música na súa primeira edición no 2013 na categoría de Hip-Hop e músicas urbanas.
Aquí podedes escoitala ao completo e somos todo “orellas” se queredes facernos as vosas recomendacións para ir ampliándoa!!!