Co verán achéganse a calor, os días longos, a manga curta, as ganas de praia e chiringuito que nos faga desfrutar dun bo ambiente. Pero, e se ese chiringuito se convirte nun “fenómeno”? . É o que lle ocorreu a un deles situado á beira da praia da Barrosa en San Vicente do Mar (O Grove).

Foto tomada de http://www.elnautico.org
Alá polos anos 90, caeron en mans de Miguel de la Cierva un espazo e unha posibilidade.
O espazo, inmellorable, un antigo fabriquín de salazón pseudoreformado, nunha praia onde a lúa emerxe deixando un mar de plata e o faro da illa de Ons alumea ao seu ton acompañando o ritmo das ondas na orela.
A posibilidade, facer dun chiringuito de praia de día, un local de concertos de noite no que se reunisen e tocasen músicos coma os que nestes anos puidéronse escoitar: Iván Ferreiro, Xoel López (Deluxe), pregoneiro este ano das festas da Coruña, Russian Red, Leiva (Pereza), Raimundo Amador, Nacho Vegas, Cristina Rosenvinge, Love of lesbian, Eladio y los seres queridos, Lori Meyers, Nawya Nimri, Sidonie, The New Raemon, Mastretta, The Cornelius, O’ Funkillo, Ariel Rot, The Ellas (con Luis Tosar ao frente) e outros que, como Rio Bravo que aterraron cun camión de bombeiros como medio de transporte dende as lonxanas terras saxonas, fan desfrutar da súa música a todos os que se achegan por alí.
Pero non só se poden atopar concertos, senón que actuacións de Luis Piedrahita, Eva Hache ou os antigos The Magical Brothers deron o toque cómico a algunha que outra noite.
Quizáis o que máis chama a atención, é que todos, ou case todos, voltan nos veráns seguintes, xa non como estrelas do panorama musical senón como individuos que desfrutan dun ambiente,dun local, dunha paisaxe que xera proximidade, intimidade e relax e porque Miguel fai que se sintan coma se estivesen na casa e como en moitas casas, este entorno invita a poñerse a tocar de forma improvisada.
Porque Miguel tamén é músico, pertence a esa xeración na que se comparte oficio con Los Limones e escenario e amizade con Antonio Vega e que non ten problema en coller os seus instrumentos, xuntarse nas actuacións e colaborar cos que, a gusto, suben ao seu pequeno e baixo esceario.
Antonio Vega en “El Naútico” nun dos seus últimos concertos, Agosto 2008
Esto conséguese porque tamén o público e os camareiros, todos xa coñecidos dende fai anos, axudan a que se manteña un equilibrio, coma se de un ecosistema case inalterable se tratase.
Este ano cúmpre 20 anos ós mandos desta nave que funciona ao 100% e inda que non virán os xa clásicos do verán en cartel, si preséntannos unha proposta moi rica en contidos, incluíndo o quinto ano do Laboratorio N onde durante catro días podémonos atopar grandes sorpresas, improvisacións ou jam sessions.
Este verán xa actuaron El Gran Wyoming, por dúas veces, e o sábado pasado actuou Coque Malla, pero inda quedan, entre outros, Depedro, Andrés Suárez ou Juan Perro.
Dende as Bibliotecas Municipais da Coruña animamos a que vos acheguedes a este recuncho especial e nós aportamos o noso gran de area co fondo musical de moitos destes autores e grupos e que atoparedes en calquera das bibliotecas do sistema.