Xa entrados no mes de febreiro e antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum gustanos de cando en vez volver a vista atrás e facer valoracións,desta que volta imos dos máis prestados do 2022.
Parécenos que botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.
O que comeza a ser xa un clásico tamén é algún dos discos que logra meterse na selección ano tras ano, como é o caso de “Me gustas mucho” unha reliquia da grande Rocío Durcal que acada o número dous da lista só superada esta vez polo fenómeno Tanxugueiras das que pouco queda por dicir que non se dixera xa. Quedámonos coas súas propias palabras:
“O grupo naceu sen pretensión de nada e mira onde estamos agora”
Que entre os máis prestados figuren tamén nomes como o do coruñés Xabier Díaze o seu último traballo “Levantarse e caer: arrolos e abrente” ou Sésco seu traballo do 2015 “Tronzar os valos” non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz.
Por suposto tamén hai oco para o pop rock tanto nacional coma internacional, atopamos así a The Killers co seu álbum “Pressure machine”, un traballo conceptual baseado na infancia do cantante Brandon Flowers na cidade de Nephi, Utah ou ao recente triunfador nos Grammy o británico Harry Styles que recolleu os premios ao ao mellor disco do ano e ao mellor disco pop.
E para o remate deixamos a sorpresa final, na lista incluímos un disco que nos fai especial ilusión por dous motivos, unha porque unha das súas cancións está incluída na recén premiada película de animación “Unicorn Wars” e dúas porque un dos integrantes da banda é un compañeiro noso, falamos como non de Hongo.
Seguro que a estas alturas xa todos sabedes que o artista coruñésAlberto Vázquez acaba de gañar un Goya pola película de animación “Unicorn Wars” pero o que posiblemente non saibades é que outros coruñeses, en concreto os músicos do grupo Hongo, participaron coa súa canción “Respirando Odio” nos créditos da mesma. Con esta canción, que pertencente ao “Split con Aguirre” e se pode escoitar en directo no seu álbum “Live to ruin”, péchase un círculo que comezou hai dez anos co corto que iniciou esta aventura conxunta: Sangre de Unicornio. Un corto que comeza coa mesma canción e que como o propio filme e a música de Hongo, é tremendamente nihilista, persoal e crítico coa sociedade occidental.
A lista segue eaquí vola deixamos ao completo, para que lle botedes unha escoita, a desfrutedes e por suposto a compartades. Os discos coma sempre tédelos á vosa disposición para o préstamo na Biblioteca Fórum.
Lista Reprodución Fórum: os máis prestados do 2022
Tanxugueiras – Tanxugueiras, Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Arcade Fire – We,The Killers – Pressure machine, Diana Ross – Baby love the essential, Amaral – Salto al calor, Harry Styles – Harry´s house, Kings of Convenience – Peace or love – Tanxugueiras – Contra [punto], Xabier Díaz – Levantarse e caer, Lana del Rey – Blue Banisters, Fredi Leis – Temas privados, Michel Camilo & Tomatito – Spain again, Lori Meyers – Espacios infinitos, Ginebras – Ya dormiré cuando me muera, Fredi Leis – Neón, Rozalén – Quién me ha visto y quién me ve, M80 Radio – Movie Hits, Sés – Tronzar os valos, Dúa Lipa – Future Nostalgia, Hongo – Live to ruin.
Coa conta atrás botada a andar para o remate do ano, nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa están preparadas as mostras de Nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional guía “Historias de Regalo 2022” chea de propostas das bibliotecarias e bibliotecarios para os que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos para desfrutar con todos os sentidos.
Na Biblioteca Fórum Metropolitano tedes tamén ao voso dispor unha selección de materiais que conforman o mellor do ano 2022. Libros, cómis, películas e por suposto música. Todos foron publicados e/ou incorporados ao longo deste ano ao noso fondo pero que de seguro, entre tanta oferta moitos deles aínda non pasaron polas vosas mans. E diso mesmo vai a derradeira lista de reprodución do ano, do mellor que chegou aos nosos ouvidos este 2022.
Falamos por exemplo de Levantarse e caer, o novo traballo discográfico en solitario de Xabier Díaz. O proxecto discográfico inclúe 10 cancións que navegan entre o son tradicional galego, a música melódica e as cancións de berce. O primeiro sinxelo do disco, «Levantarse e Caer», nada máis saír á luz converteuse inmediatamente nunha das cancións en galego máis escoitadas en todas as plataformas.
En Tinta y tiempo do uruguaio Jorge Drexler poderedes desfrutar de dez cancións diversas que conforman un álbum reflexivo e luminoso. No disco Jorge conta con colaboracións dalgúns dos seus amigos como C. Tangana, Rubén Blades o Martín Buscaglia. Un disco para desfrutar pero do que non fiarse de todo, segundo o propio Drexler no se fíen de todo lo que van a escuchar y a sentir. Porque no es toda la verdad.
Jorge Drexler – Cinturón Blanco (Video Oficial)
Tamén chegou ás nosas mans Romances, un proxecto de Fuel Fandango que se divide en diferentes capítulos, cada un cun artista e un concepto distinto, pero todos forman parte dun romance.
Fuel Fandango: “Para nosotros ‘Romances’ ha sido el regalo de poder unirnos y compartir experiencias junto a artistas que admiramos desde hace años. Meternos en sus universos sonoros, aprender y seguir encontrando nuevos caminos en la música. Una simbiosis de universos sonoros que enriquecen nuestro mundo y lo llenan de Libertad”.
A lista coma sempre intentamos que sexa apta para todos os gustos, e segue con temas moi acaídos para o Nadal coma o Concerto de Aranjuez, unha sonata de Schumann ou Música para Navidad do proxecto Agaritmo. Aquí vola deixamos ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify e desexamos que o fagades ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2023 que está a piques de comezar.
Joaquín Rodrigo – Concierto de Aranjuez, Carl Orff – Carmina Burana, Fredi Lesi – Temas privados, Harry Styles – Harry´s House, Schumann – Sonata en la menor para violín y piano, Diana Ross & The Supremes – Baby Love the essential, Corelli – Concerti Grossi núms. 2,5,8 y 8, Mozart – Pequeña música nocturna, Nicolò Paganini – Violin concertos Nos. 1 & 2, Agaritmo – Proyecto vocal a cappella, Pergolesi – Caldara, Fuel Fandango – Romances, The Arcade Fire – We, Beyoncé – Renaissance, Xabier Díaz – Levantarse e caer, Harry Styles – Harry Styles, Rosalía – Motomami, Sidecars – Trece, Jorge Drexler – Tinta y tiempo, Agaritmo – Música para Navidad.
Con motivo do Día da Biblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coas Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña, organiza o AgoraSón 2022, con Grande Amore en concerto.E dende Bibliosons falamos con él.
Moi bo día, Nuno!!
Aínda a sabendas de que estás ata os topes de traballo, aproveitando o teu paso polo AgoraSón 2022, dende Bibliosons, o blog de música das Bibliotecas Municipais da Coruña, non podiamos desaproveitar a ocasión de falar un anaquiño contigo.
B. Antes de nada os nosos parabéns polo recente premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de música electrónica. Que significa para ti ese recoñecemento?
Obviamente, é unha honra moi grande para min e faime sentir moi realizado en tanto que músico. Tamén teño que dicir, para non faltarlle á verdade, que polo que máis ilusión me fai este premio é polo moito que se alegrou miña nai cando mo deron. Dígoo totalmente en serio. Eu sempre fun así moi… non sei como dicilo, moi desapegado de todo o que ten que ver cos premios. Agradézoos moito, claro, pero vexo que moita xente do meu entorno lles dá moita máis importancia. E, xa digo, en concreto, miña nai. Para unha alegría que lle podo dar co meu traballo, benvida sexa.
B. Este verán non paraches, de feito hai quen dixo por aí que quen non oíu falar de Grande Amore é que non está na onda dos festivais. Supoño que influíu moito esta nova volta á realidade post pandemia e había ganas por parte do público, e por parte dos artistas… Como o viviches ti? Contabas con esta apoteose de concertos ou foi sorpresa?
Si, totalmente. Eu creo que foi decisivo, polo menos no meu caso, a volta á realidade post pandémica. Non se terían feito tantísimos concertos e festivais, nin de broma, de non ter sido por iso, porque a xente estaba doente por volver xuntarse e ir a todo canto evento houbese na contorna. Eu… non, non contaba con tal cantidade de actuacións este ano. Tamén é que eu son moi pesimista, sempre penso que o próximo ano vai haber un baixón no proxecto por calquera motivo. Entón, claro, non son eu a mellor vara de medir á hora de falar de expectativas.
B. Nunha entrevista dicías “Non todos temos que afinar como se fósemos Mariah Carey” polo que entendemos que o cante non é o teu “forte”, ha, ha!! Ou si? E por outra banda mesturas rock, punk con electrónica, daquela, como definirías o teu estilo?
Non lembraba ter dito iso, vaia vergonza. Non hai que facerme moito caso ao que digo nas entrevistas, eh. Mirade, houbo unha época que, por algún motivo que aínda non descubrín a día de hoxe, antes de cada entrevista que me facían (nunha época, ademais, na que me facían bastantes) tomaba un café. A min a cafeína vólveme tolo. Literalmente tolo. Parezo o demo de Tasmania cando bebo un café. E claro, así acababa dando titulares que, ao lelos tempo despois, dicía eu para min: “A xente vai pensar que son tonto”. O da mestura de rock e punk con electrónica si que me parece moi acertado. Ao menos, é o que intento facer coas miñas cancións, mesturar esa tradición do punk e o rock dos 80 cos elementos compositivos da música electrónica.
B. Es un músico con formación profesional que levas tocando dende os 13 anos e o teu primeiro grupo en serio foi Oh! Ayatollah pero, aínda así, imaxino que hai quen non te coñece, que lle dirías á xente que acode ao teu concerto por primeira vez? Que pode atopar?
Honestamente, eu penso que os concertos de Grande Amore son moi divertidos. Moita xente que, a priori, pode ter uns gustos musicais que están moi lonxe do que eu fago, acaba bailando e dándoo todo xa a partir da terceira canción. Unha cousa que me gusta moito dos nosos concertos (especialmente agora que vén de DJ a miña amiga María) é que involucramos moito ao público e hai momentos nos que se produce unha especie de “comunión” parecida ao ambiente que pode haber nunha verbena, pero tocando unha música moi escura, case industrial. A min, persoalmente, esa combinación encántame.
B. Es natural de Burela pero a túa época universitaria e polo tanto onde te formaches e bebiches do seu ambiente musical foi en Compostela, pensas que hai diferenzas en canto a estilos entre os grupos que están a xurdir nas diferentes capitais galegas? Como ves o panorama musical galego en xeral?
Isto dígoo sempre, pero non por moito repetilo creo que perda valor de verdade: a música galega (en xeral, sen centrarnos en ningún estilo en particular) está vivindo, de lonxe, o mellor momento que eu recorde. Hai moitos proxectos que están conectando co público a un nivel que eu, xa digo, nunca vira. Si que é certo que estaría moi ben que se lle dese máis visibilidade a proxectos que nacen fóra do eixo da AP-9, por dicilo dalgunha forma. Por exemplo, a xente como The Brosas, que son unha banda de Burela que levan dez anos facendo un rock and roll incrible.
B. Polo AgoraSon xa pasaron grupos como Susana Seivane, Luar na Lubre, A banda da loba, ou as Tanxugueiras. Estas últimas cun éxito máis ca consolidado fóra do país coas que dis que vos une certa afinidade á hora de relacionarvos co público. Que papel xogan as redes sociais e as canles de estreaming na túa música e no teu traballo diario?
Boa pregunta… Gústenos máis ou menos, todo o que ten que ver coas redes sociais e Internet, a día de hoxe, é prácticamente a metade de traballo dun grupo. Eu, moitos días, doume conta ás cinco ou seis da tarde de que levo toda a xornada adicándolle todo o meu tempo a contestar mensaxes de Instagram, anunciar concertos en Twitter, mandar mails… e cero minutos a facer música. Iso é un pouco triste, a verdade, pero é o mundo no que nos tocou vivir. Tamén me daría pena ter descoidadas as redes e ter a sensación nalgún momento de que estou perdendo de chegarlle máis ao meu público por non comunicar ben. Non sei… agora que leo isto, doume conta de que teño o que se podería considerar unha relación tóxica con todo o tema de Internet. Nin con el nin sin el estou ben. Eche unha desgracia.
B. A temporada festivaleira parece que vai tocando á súa fin, persoalmente, ti precisas volver xa ao formato de sala pequena? Onde te sentes máis cómodo?
Dende sempre, eu estou afeito a ir a concertos en salas. É onde me criei musicalmente, e tamén o tipo de espazo no que eu creo que funciona mellor a música como a miña, así oscura e rápida. Pero unha cousa non quita a outra. Nos festivais, cando hai bo ambiente, xérase unha enerxía que é incrible. Por exemplo, no Revenidas deste ano… aí hai unha maxia en tocar entre SFDK e Talco e ver que a xente está entregadísima cantando todas as túas cancións. Xa digo, eu son animal de sala pequena, pero hai cousas boas dos festivais que son dificilmente replicables nestes espazos.
B. O AgoraSón, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, celébrase con motivo do #DíadaBiblioteca e para promover a lectura en lingua galega e o préstamo de material audiovisual. Este ano o Ministerio de Cultura celebra a efeméride baixo o lema “BiblioTEcuida”, que se centra en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos. Así que nos gustaría rematar coa pregunta de, que é a biblioteca para ti, Nuno?
Non creo que ninguén se sorprenda se digo que tiven unha adolescencia un pouco peculiar. Por unha banda, era unha persoa moi extrovertida (o “gracioso” da clase, por falar claro) e por outra, alguén terriblemente introvertido e inseguro. Entón, aínda que isto sone a tópico, o certo é que pasei bastante tempo da miña primeirísima xuventude na biblioteca pública de Burela. Gustábame moito estar alí, sentíame illado e seguro. Lembro que había unha enciclopedia da historia da música, e eu pillaba continuamente o tomo que falaba do século XX, e lía a parte que trataba do rock. Había unha foto de Robert Plant, o cantante de Led Zeppelin, que me chamaba moitísimo a atención. Entre esa enciclopedia, un libro de Bukowski que se traduciu ao galego como “Pan con xamón” e a colección completa de cómics de Tintín, pasaba eu o meu tempo. Teño un recordo moi bonito daquilo, e penso que foi unha etapa moi importante na miña formación como persoa (que pedante soa dicir isto, pero é certo).
Na Biblioteca Fórum Metropolitano vimos de poñer en marcha un novo ciclo temático baixo o título “Pensa global, actúa local”, que tedes dispoñibles dende o 26 de setembro ata o 11 de decembro.
Este ciclo, feito en colaboración coaAsociación de veciños Oza, A Gaiteira, Os Castros,acompaña o seu proxecto “Barrios 2030: Fomento da participación cidadá a través dos ODS”. Pensa global, actúa local incita á poboación a ter en conta a saúde do planeta no seu conxunto e a realizar accións pequenas nas súas propias comunidades.
Cartaz do Ciclo Temático: Pensa global, actúa local
Na Biblioteca temos dispoñible unha mostra bibliográfica con materiais para coñecer e ampliar información sobre o conxunto de obxectivos globais: erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable.
Dende a Lista de Reprodución deste mes non podemos menos que sumar o noso grao de area con cancións reivindicativas e de denuncia social que berran mensaxes que en moitas ocasións xa se converteron en lemas de vida en prol dun mundo mellor.
A canción “Girls Just Want To Have Fun” de Cindy Lauper sen dúbida fixo historia polos milleiros de visionados en youtube, polas múltiples versións e por suposto pola historia que ten detrás. A propia cantante revelou nun comunicado:
Mucha gente no se da cuenta de que Girls Just Want to Have Fun es una canción política. Cuando puse mis feministas manos sobre ella supe que quería convertirla en un himno para todas las mujeres,
A canción, que data de 1979, estaba entón enfocada dende o punto de vista masculino e narraba a historia dun mozo que se escusa ante os seus pais pola súa promiscuidade sexual. Culpando do pecado ás mulleres que “só querían divertirse” con el. Cando lle ofreceron a Lauper a posibilidade de incluír a canción no seu álbum de debut, She’s So Unusual, a artista só aceptou a cambio de investir o xénero e reescribir varias estrofas para desposuíla de calquera subtexto machista.
Michael Jackson é un dos artistas máis grandes de todos os tempos, e lonxe de polémicas, o certo é que creou cancións que invitan non soamente a ser bailables e excelentes para escoitar, senón que tamén teñan unha gran mensaxe polo medio. Neste caso resaltamos “Jam” incluída no seu álbum “Dangerous”, nesta canción fala do mundo e de que prácticamente o planeta enteiro se está convertendo nunha apocalipse
Se falamos de lemas sen dúbida temos que citar “Imagine” canción composta e interpretada polo músico inglés John Lennon e escrita por Yoko Ono e máis a comezos de 1971. O tema foi producido por Phil Spector e apareceu no álbum do mesmo nome. Con esta canción Lennon quería difundir unha mensaxe de igualdade nun mundo gobernado pola paz. “Podes imaxinar un mundo sen países nin relixións?” reza a canción.
Macaco no mundo da música, puxo as súas cancións ao servizo da conservación ambiental, é un frecuente activista pola causa e un dos seus exemplos máis destacados é o tema “Mama Tierra”. Do seu disco “Ingravitto” o propio Macaco declarou:
Mi música es crítica y reivindicativa, pero no panfletaria” “Me gusta ser reivindicativo pero muy positivo. Este disco es positivo y tiene ideología, es crítico, pero no panfletario”, convencido de que “una canción no puede cambiar el mundo, pero muchas pueden concienciar a la gente.
Tedes a lista ao completo dispoñible a través da nosa canle de spotify. Non esquezades que a música é un dos medios máis poderosos que temos para comunicarnos, para transmitir ideas e pensamentos, denunciar inxustizas, sacudir conciencias. Unha linguaxe universal que nin entende de xeracións nin de idiomas. Dadelle ao play!
Macaco – Ingravitto. John Lennon – Imagine. Bebe – Pafuera Telarañas. Amaral – Pájaros en la cabeza. Michael Jackson – Dangerous. Rozalén – Cuando el río suena. Linkin Park – A thousand suns. Supersubmarina – Viento de cara. Cyndi Lauper – Time after time. Vanesa Martín – Siete veces sí. Mago de Oz – The best of Oz (1988-2006). Carlos Núñez – Mayo Longo. Sés – Opoñerse á extinción. Guadi Galego – Costuras. Vetusta Morla – Mapas. Héroes del Silencio – Senderos de traición. Manu Chao – La radiolina. Imagine Dragons – Night visions. Maná – Unplugged. Sabina – Alivio de luto.
Mañá mércores 10 de agosto dá comezo a 35 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia que encherá de música a cidade durante 5 días da man de 49 artistas que estarán repartidos en 10 escenarios por toda a cidade. O Noroeste conta coma todos os anos cunha variada programación de concertos gratuítos ao aire libre e está considerado coma un dos eventos musicais máis relevantes do verán no norte da península.
Un ano máis, o Noroeste Estrella Galicia aposta non só polos mellores nomes internacionais, senón tamén polas novas promesas que veñen con forza e polas formacións locais e galegas. Este ano en concreto destacan as voces femininas: Tanxugueiras, Zahara, Luna Ki, Valeria Castro, Delaporte, Maika Maikovski, Toccororo, Amparanoia, Maruja Limón ou A Pedreira entre outras.
Entre os artistas da terra poderemos desfrutar das actuacións en directo de Baiuca, Néstor Pardo, Alicia Carrera, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno ou Miguel Costas entre outros.
O festival regresa nesta edición ao seu escenario máis emblemático na praia de Riazor e presenta unha nova programación no peirao de transatlánticos. Esta edición recupera tamén a presenza doMercado da Colleitaque se instalará durante as 5 xornadas do festival no Campo da Leña e que contará coa presenza dos produtores que participan neste proxecto de impacto social de Corporación Hijos de Rivera.
Na Lista de Reprodución Fórum facemos un “remember” con artistas desta e das últimas edicións do festival. Tela ao teu dispor para botarlle unha escoita a través da nosa canle de sopotify á que podes subscribirte e suxerirnos novas cancións e os discos dispoñibles na Biblioteca Fórum paralevalos en préstamo.
Dorian– La velocidad de la luz. Holywater – The path to follow. Joe Crepúsculo – Chill out. Agoraphobia – Incoming noise. Hongo – Live to ruin. Escuchando elefantes – ¿Por qué siempre cantáis en inglés?. Silvia Penide – Los días de plomo. UB40 – Cover up. Belle and Sebastian – Write about love. César de Centi – Bailando el incendio. Aviador Dro – Ultimatum a la Tierra. Miguel Costas – Condenado a costa. Dios Ke Te Crew – Humanose. Tanxugueiras – Tanxugueiras. Triángulo de Amor Bizarro – #AñoSanto. Corizonas – The news today. Os amigos dos músicos – Segundo fogar. Zahara – Puta. Soleá Morente – Lo que te falta. Ángel Stanich – Camino ácido.
Chegados a este punto e despois de dous anos de continuas cancelacións, os amantes dos festivais xa teñen todo listo para o pistoletazo de saída. Dende onte día 2 e ata mañá día 4 de xuño a cita é na antiga ” Azucreira de Caldas de Reis” que acolle este ano unha nova edición do festival PortAmérica. Xoel López, Mikel Erentxun, Rozalén ou Lori Meyers son algún dos artistas que figuran en cartel e tamén na nosa Lista de Reprodución deste mes.
Imaxe tomada de pixabay
Outro dos eventos máis agardados éO Son do Camiño que este ano confirma a súa III edición e recupera o seu formato tradicional con tres días completos de actuacións e presume de contar co cartel máis grande da historia do festival. Máis de 40 artistas de talla internacional que en moitos casos visitarán Galicia por primeira. Os días 16,17 e 18 de xuño o Monte do Gozo de Santiago de Compostela volverá reunir a miles de persoas para gozar dos concertos de artistas e bandas como The Chemical Brothers, Carolina Durante, Miss Caffeina, Dani Martín ou a multidisciplinar artista arxentina Nathy Peluso.
E para os coruñeses chega a segunda edición doMorriña Fest. Poderemos gozar en Riazor dos británicos Crystal Fighters, unha das bandas máis queridas polo público do noso país, sen dúbida o seu directo é un aliciente a non perder. O cartel complétase con outros nomes de tirón comercial e estilos moi variados entre os que atopamos ao icono do indie-rock Franz Ferdinand ou á cantante española Vega de quen na Lista de Reprodución recordamos o seu álbum ‘A Conta Atrás’. Publicado en 2011 deulle o seu primeiro recoñecemento internacional como artista xa que estivo nomeada aos premios Grammy Latinos en 2012 na categoría de Mellor Álbum de Pop/Rock.
Este é só un exemplo para ir abrindo boca pero ao longo do verán as citas musicais non dan tregua, así que escolle a túa e para ir collendo ritmo pásate pola biblioteca e leva en préstamo os traballos dos teus artistas favoritos, ou se o prefires podes botarlle unha escoita na nosa canle de spotify.
Mikel Erentxun – El corredor de la suerte. Depedro – Nubes de papel. Rozalén – Quién me ha visto …..Carolina Durante – Carolina Durante. Lori Meyers – Espacios infinitos. La M.O.D.A. – Salvavida. Cora Velasco – Sortilegios. Nathy Peluso – Calambre. Vega – La cuenta atrás. Escuchando Elefantes – Hope. Miss Caffeína – Oh Long John Son. Guadi Galego – Inmersion. Xoel López – Atlántico. Triángulo de Amor Bizarro – Victoria Mística. Tanxugueiras – Contra[punto]. Dani Martín – Dani Martín. Muchachito Bombo Infierno – Muchachito Bombo Infierno. Franz Ferdinand –Tonight. The Chemical Brothers – Come with us. El Columpio Asesino – Diamantes.
A Biblioteca Fórum ven de poñer en marcha un novo ciclo temático:“De meu, de teu, de seu: a importancia da convivencia interxeracional na sociedade”para dar visibilidade e tomar conciencia da importancia das relacións interxeracionais tanto dende un punto de vista teórico, a través de charlas de expertos, coma práctico coa realización de obradoiros nos que prime a convivencia e interacción de persoas de diferentes idades.
O mércores 27 de abril ás 19 h. a sala de adultos da biblioteca acolle un faladoiro da man do músico e investigadorXurxo Fernandes no que nos achegaremos precisamente á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore: pasado, presente e futuro das ruadas nas que desaparece a división etaria. Descubriremos cales son as claves para afianzar estes espazos e como contribuír desde o ensino a fornecer códigos que permitan o funcionamento actual e futuro deste fenómeno de lecer.
Imaxe de Xurxo Fernandes para Bibliosons
Dende Bibliosons conversamos un anaquiño, para coñecer máis polo miúdo ao creador e artista coruñés, Xurxo Fernandes, que ten un merecido recoñecemento como etnógrafo da música de tradición oral galega, da que beben proxectos artísticos como ‘Radio Cos’, e tamén destaca como intérprete da música urbana dos xudeus do imperio Otomán, no que está baseado o seu personaxe de Jako o Muzikante.
B. En Levaino! o teu último e exquisito traballo pódese dicir que conflúen a túa vertente investigadora e a interpretativa e exploras a conexión existente entre a tradición oral de Galicia coa do Mediterráneo Oriental. Eu persoalmente no primeiro no que reparo é no título, paréceme que transmite forza e moita mensaxe atrás del. Cal é o verdadeiro significado de Levaino!?
X. “Levaino!” é unha exhortación a levar connosco a nosa identidade alá onde vaiamos. Nun mundo no que vivimos en minoría impregnados pola globalización é un grande reto manter a nosa esencia e ao mesmo tempo estar abertos e ser permeábeis ao universo que nos rodea. Un traballo ben dificil: non habitar guetos mentais nin diluírse na corrente que arrastra as masas.
B. Levaino! ofrece doce temas que recolleches en Coristanco (A Coruña), Samakov (Bulgaria), A Mezquita (Ourense), Salihli (Turquía), Tordoia (A Coruña), Larache (Marrocos) e Tel Aviv (Israel). Entendo que entre a música da terra e a da vertente Mediterránea a diferenza é notable, pero, que características diferenciadoras sinalarías entre as cantigas da Mezquita e as de Tordoia por exemplo? E os toques de pandeireta?
X. A música tradicional ,igual que a língua, é un contínuo ao que nós lle asignamos unhas divisións para poder encaixalas nos nosos esquemas mentais. De modo que as diferenzas que pode haber entre as cántigas de Tordoia e as da Mezquita dependen do lugar onde se sitúe o interlocutor. A min persoalmente quédame máis próximo Tordoia, un concello que explorei moito grazas ás gravacións de campo e co que tiven un vínculo laboral moi estreito, de modo que as músicas da Mezquita – e non é polo nome- parécenme máis exóticas. Seguro que á xente da Mezquita Tordoia sóalle a grego…hahaha. Galicia é moi grande! No plano musical a dispersión populacional que hai na Galiza favorece a diversidade e a riqueza de melodías e toques de pandeireta, sen dúbida. O feito de que haxa diferenzas no toque entre aldeas que teñen dous quilómetros de distancia dános unha idea da magnitude do tesouro que temos entre mans.
B. Por certo, esa conexión entre a tradición galega e a de todos eses países que mencionamos na pregunta anterior, que curiosa non? É que a música de raíz ten estas similitudes en xeral entre países ou hai algún vínculo especial nestas para cadralo todo nun disco?
X. Como ben dis as músicas de raíz teñen algo en común. Alén da súa xénese estritamente musical, pasaron por varias peneiras: o tempo, a memoria e a aprobación popular. Pero ademais disto eu vexo que a tradición oral de Galiza está vencellada á oralidade norteafricana e mediterránea: comparten o mesmo modo de entender a voz e as percusións de man. Un vínculo que non está moi explorado e que me interesa pór enriba da mesa aproveitando a miña experiencia na investigación de dúas realidades músicais: a galega e a da comunidade sefardí de oriente.
B. Parece que na actualidade estamos a vivir un auxe do folclore e da música de raíz galega, o exemplo máis evidente recén o acabamos de vivir co fenómeno Tanxugueiras, pero pensas que veu para quedar ou que pode ser unha moda pasaxeira?
X. Cal é a moda pasaxeira? O auxe do folclore ou a música das Tanxugueiras? Espero que ningunha. O folclore en Galicia pasou varias veces por este punto álxido. Nos anos 60 a empresa Butano S.A. organizaba un concurso itinerante de muiñeira que reunía en Compostela a máis de 35000 persoas para asisitir á súa final. Sen redes sociais. Nos anos 90 o concurso de pandeireteiras de Xacarandaina tiña ocupado o teatro Colón da Coruña durante tres fins de semana seguidas con fileiras quilométricas que daban a volta aos xardíns de Méndez Núñez para asistir ao evento. O fenómeno non é novo pero temos unha memoria moi fráxil, o pé coxo do folclore.
B. No faladoiro da Biblioteca Fórum achegaremos á interxeracionalidade como elemento singular dentro do folclore, practicamente o único ou un dos poucos fenómenos de ocio no que conviven diferentes xeracións. Quixera que nos contaras que situación están a vivir na actualidade as ruadas, imaxino que coma a todos os fenómenos sociais e de lecer se viron afectados pola pandemia, pero hai recuperación actualmente?
X. Parece que si, a xente está participando moi activamente nas propostas que van aparecendo. Penso que levan bo camiño. Pero tamén hai que redefinilas. Para saber que é unha ruada hai primeiro que destilala e pór enriba da mesa os elementos importantes que non poden faltar para evitar que se convirtan, por exemplo, en sinónimos de festival onde a participación espontánea brilla pola súa ausencia ou festa convocada pola “comisión de festas”con grupos que tocan de balde.
B. Que papel xogan realmente as ruadas e as foliadas na trasmisión e conservación do patrimonio cultural oral galego?
X. Por agora o papel na conservación e na transmisión é escaso, sendo que ese papel hoxe en día xógano as asociacións culturais en exclusiva. Ademais disto, as ruadas de hoxe en día están carentes duns códigos que permitan esa transmisión dun modo voluntario e natural, como pasaba antigamente. Hoxe o escenario mudou totalmente pero os códigos non se actualizaron, senón que desapareceron. Un traballo pendente.
B. Sabemos que comezaches dende moi noviño a túa andaina percorrendo Galiza e realizando un traballo de campo valiosísimo que precisamente é o que agora se reflexa nos teus discos, pero quen foi realmente para ti esa persoa “interxeracional” que che transmitiu o amor e interese pola música tradicional?
X. O meu interese na música tradicional veu pola língua, polo tanto as primeiras persoas que me fascinaron eran meus avós. A outra referencia é a xente maior que me ensinou tan xenerosamente.
B. E como cres que será a transmisión interxeracional de agora en diante? Cando sexa a nosa xeración a que teña que transmitir a tradición galega sen tela vivido como a viviron as nosas avoas e avós.
X. Nós temos que contarlles como era o mundo sen internet e sen teléfono móbil, a música xa escoitan por Spotify… hahahahaha…
Cartaz do ciclo temático vixente de abril a xuño 2022 na Biblioteca Fórum
Interxeracional é un termo que se refire á relación entre distintas xeracións. Para que unha sociedade exista necesítase, entre outras cousas, unha conexión entre as sucesivas xeracións. Existen ademáis, evidencias produto da investigación que demostran que o bo contacto interxeracional mellora as actitudes que as xeracións máis novas teñen cara ás persoas maiores, diminúe os estereotipos negativos asociados coa idade e tamén o sentimento de certa ansiedade que a algunhas persoas lles produce o seu propio avellentamento.
A música é, sen dúbida, un bo exemplo no que existe a convivencia interxeracional sobre todo no folclore tradicional onde o son, o cante e a tradición oral pasan de xeración en xeración a través das ruadas, foliadas e xuntanzas. A música é utilizada moitas veces no folclore como axente socializador e de mellora de calidade de vida de persoas maiores e tamén onde ao mesmo tempo se agasalla un tempo mutuo tan importante para todos.
Así que na Lista de Reprodución desta volta hai moita tradición, moito cante e moito folclore. Aquí vola deixamos ao completo, coma sempre podedes botarlle unha escoita a través do noso blog e da nosa canle en spotify. Os traballo discográficos están ao voso dipor para o préstamo na Biblioteca Fórum.
Ialma – Camiño de Santiago a Bruxelas, Carlos Núñez – A irmandade das estrelas, Paco de Lucía – Luzía, Raimundo Amador – Noche de flamenco y blues, Luar na Lubre – Torre de Breogán, Miguel Poveda – Poemas del exilio, Estrella Morente – Autorretrato, Michel Camilo y Tomatito – Spain again , José Mercé – El flamenco es, Silvio Rodríguez – Rodríguez, Silvia Pérez Cruz – Vestida de Nit , Rosa Cedrón – Nada que perder, Sés – Tronzar os valos, Xabier Díaz – The tambourine man, Soleá Morente – Lo que te falta, Miguel Poveda – Coplas del querer, Coplas de España – Coplas de España, Diana Navarro – Camino Verde, Chavela Vargas – Amaral, Leilía– Consentimento
Xa entrados no mes de febreiro, pasado o día dos namorados e chegando o entroido mais antes de meternos noutros mesteres, na Lista de Reprodución Fórum non nos esquecemos que aínda tiñamos pendente a selección dos máis prestados do 2021.
Botar un ollo aos datos sempre é bo para coñecer un pouco máis de preto os gustos das nosas usuarias e usuarios, algo que dende hai un tempo na Lista de Reprodución Fórum xa é todo un referente. O resultado sen embargo non deixa de sorprendernos e emocionarnos a partes iguais, unha composición do máis ecléctica onde caben infinidade de sons que, confesamos, conseguen arrincarnos algunha que outra brincadeira á hora de confeccionala.
A cousa comeza animada ao ritmo da raíña da rancheira, a grande Rocío Dúrcale o seu inesquecible “Me gustas mucho”. A canción do nome homónimo, converteuse no primeiro sinxelo do disco, e no gran éxito deste álbum, alcanzando importantes vendas tanto en España como en Latinoamérica. Tal foi o éxito que conta con numerosas versións, entre elas a do grupo infantil Parchís ou a da Década Prodigiosa entre outros. Un tema moi acaído para os amantes da verbena que por fin este ano parece que van poder desfrutar.
Imaxe da portada do disco Me gustas mucho: todos los grandes éxitos
E para ir de festa tamén podemos facelo a ritmo dos santiagueses Malandrómena e o seu “Cada can que lamba o seu carallo” que conxugan vangarda e poesía urbana para ofrecer unha mestura de estilos capaz de animar ao máis parado.
Non hai que esquecer que xunto con “Os corenta e oito nomes do inimigo’, ‘Cada can que lamba ou seu carallo’ publicados á vez en 2016, foron elixidos discos nacionais do ano ex aequo na tradicional lista que publica a revista especializada en música Rockdelux.
Pero como non todo vai ser festa, na lista tamén hai oco para a música máis tradicional e o folk deLuar na Lubree os cantos tradicionais e místicos do cantautor leonés Amancio Prada. Sen palabras nos deixa o seu “Campanas de Bastabales”.
Que entre os máis prestados figuren nomes como Rosa Cedrón, Guadi Galego e por suposto as de sobra coñecidas e admiradas Tanxugueiras non fai máis que confirmar o bo momento que está a travesar a música popular e de raíz. Pero por suposto a lista segue, e non estabamos de chance cando deciamos que era do máis ecléctica posto que se suman nomes como Nathy Peluso, Dua Lipa ou Sidonie.
Rocío Dúrcal – Me gustas mucho, Nada Surf – Never not together, La M.O.D.A – Ninguna ola, Sidonie – El regreso de abba, Guadi Galego – Costuras, Fiona Apple – Fetch the bolt cutters, Bruce Springsteen – Letter to you, Dua Lipa – Future Nostalgia , Tanxugueiras – Contra [punto], Nathy Peluso – Calambre, Sinéad O’Connor – So far_the best of Sinéad O’Connor , Iván Ferreiro – Cena Recalentada, Luar na Lubre – Extra Mundi, Soleá Morente – Lo que te falta, Amancio Prada – Trovadores, místicos y románticos, Malandrómena – Cada can que lamba o seu carallo, Rosa Cedrón – Entre dous mares, Siniestro Total – Trabajar para el enemigo, Amaral –Amaral,Andrés Suárez – Mi pequeña historia
Coa conta atrás botada a andar para o remate do ano, nas Bibliotecas Municipais da Coruña xa están preparadas as mostras de Nadal cunha estupenda selección de fondo bibliográfico para que desfrutedes nas vosas casas ademáis da xa tradicional guía “Historias de Regalo 2021” chea de propostas das bibliotecarias e bibliotecarios para os que vos gusta agasallar cultura, porque un libro, unha película e por suposto un bo disco son o mellor dos agasallos para desfrutar con todos os sentidos.
Historias de Regalo 2021
Na Biblioteca Fórum Metropolitano tedes tamén ao voso dispor unha selección de materiais que conforman o mellor do ano 2021. Libros, cómis, películas e por suposto música. Todos foron publicados e/ou incorporados ao longo deste ano ao noso fondo pero que de seguro, entre tanta oferta moitos deles aínda non pasaron polas vosas mans. E diso mesmo vai a derradeira lista de reprodución do ano, do mellor que chegou aos nosos ouvidos este 2021.
Falamos por exemplo de Crossroads, unha caixa recompilatoria do músico británico Eric Clapton. O álbum recompila o seu traballo en solitario xunto á súa carreira dentro dos grupos The Yardbirds, John Mayall’ s Blues Breakers, Cream, Blind Faith, Delaney & Bonnie e Derek and the Dominos. Crossroads inclúe tamén varias actuacións en directo e gravacións de estudo inéditas.
Tamén chegou ás nosas mans Love álbum gañador do premio Grammy na categoría de mellor recompilación para banda sonora para película, televisión ou outro medio visual, que contén un remix dos temas máis coñecidos de The Beatles e é a banda sonora do show do Cirque du Soleil co mesmo nome.
Recordamos que como apertura do 2021 o británico Mike Rosenberg ou o que é o mesmo Pasenger estreou Songs for the Drunk and Broken Hearted, o seu décimo terceiro disco de estudo, o seu duodécimo en solitario desde a disolución da banda que dá nome ao artista. E digo eu queda alguén que non tarareara o seu famoso hit Let Her Go? Pois non vos perdades o último que conta con todas as papeletas para converterse na banda sonora perfecta dunha tarde nostálxica de inverno.
A lista coma sempre intentamos que sexa apta para todos os gustos, recopilamos dende a intensidade emocional de The Killers en Pressure Machine, a mellor das armas, Future Nostalgia da nova diva do pop actul Dua Lipa, o incrible talento que disco a disco demostra a catalana María Rodés, neste caso falamos de Lilith.
Aquí vola deixamos ao completo para que a escoitedes tamén na nosa canle de spotify e desexamos que o fagades ao ritmo dos mellores desexos para este ano 2022 que está a piques de comezar.
The Strokes– Room fire, Passenger – Songs for the drunk and broken hearted, Foo Fighters– Medicine at midnight, Dua Lipa – Future Nostalgia, Eric Clapton – Crossroads, The Beatles – Love, Fiona Apple– Fetch the bolt cutters, María Rodés– Lilith – Malandrómeda– Cada can que lamba o seu carallo, La M.O.D.A.– Ninguna ola, Lina Rodrigues– Lina_Raul Refree, Ginebras – Ya dormiré cuando me muera, The Killers– Pressure machine, Little Simz– Sometimes i might be introvert, Coro Infantil Xuvenil Cantabile – Palabras de luz, Bifannah – Danças líquidas, All & Always – Just plug into the rock, Superfuzz – Superfuzz, Escuchando Elefantes– ¿Por que siempre cantáis en inglés?, Silvia Penide – Los días de plomo.