Os gregos, ignorantes do influxo da posición da órbita terrestre en relación co Sol, crearon un mito para explicar as diferentes estacións climáticas do ano. Segundo o mesmo, no principio dos tempos os seres vivos gozaban dunha eterna primavera. Pero o rapto de Perséfone polo seu tío Hades, namorado dela, deu orixe ás diferentes estacións.
Nas Bibliotecas Municipais desexaríamos facer do mito unha realidade e prolongar no tempo esta primavera tan especial, na que festexamos todas e cada unha das efemérides relacionadas co libro e a lectura no marco do Festival Primaletras. Pero sendo conscientes de que xogar a ser deuses é só unha absurda ilusión, argallamos un fin de festa que ata no Olimpo sería un exitazo. Celebraremos o Día das Letras Galegas co grupo de folk coruñés Luar na lubre, que ofrecerá un concerto no auditorio do Centro Ágora o vindeiro 21 de maio, ás 21 h, para as persoas socias das Bibliotecas Municipais.
Con máis de 30 anos de historia profesional e con dous discos de ouro ao longo da súa traxectoria, teremos o privilexio de escoitar a unha das bandas de música celta máis importantes de toda Europa. Recoñecida con galardóns como Mellor Álbum Tradicional por “Camiños da fin da terra” (Premios da Música, 2008) ou “Ao vivo” (Premios da Música, 2010), é un referente da música folk que participou nos principais festivais de World Music xunto a artistas como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. O seu último traballo, “Vieiras e vieiros” (Warner Music, 2020), pon banda sonora ao Camiño de Santiago a través de 27 temas.
Os convites para o concerto repartiranse (ata acabar existencias) co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs…) dende o luns 16 de maio nas Bibliotecas Municipais, no horario de apertura de cada unha delas, ofrecendo dous convites por carné.
Faranse dúas quendas de reparto: en horario de mañá e horario de tarde. O horario de mañá será a partir das 9.00 h, salvo na Biblioteca de Durán Loriga, que será a partir das 12.00 horas. O horario de tarde será a partir das 16.00 h, agás no Punto de Servizo de Mesoiro, que será a partir das 17.30 horas. Bulide por eles!
Amigas e amigos do drama, estades de noraboa. Así como o luns adoita ser para moitas persoas o día máis difícil da semana, hoxe polo visto temos motivos para sumarlle traxedia ao asunto. Comezamos o Blue Monday, o día máis triste do ano segundo unha investigación sen ningún tipo de base científica. Na cultura anglosaxoa a cor azul asóciase á tristeza e a episodios de depresión. Será por isto que Cliff Arnall, psicólogo británico e (aínda que sone a paradoxo) experto en motivación, tomouno prestado para designar esta cuestionable efeméride. Arnall argallou a fórmula en base a unha serie de parámetros que, en conxunto, determinan o felices que seremos (ou non) durante este día. Inclúe variables como o clima, as débedas das compras do Nadal, o soldo de xaneiro, o tempo transcorrido desde as vacacións, os propósitos de abandonar malos hábitos ou a necesidade de cambios. Todos xuntos farían que o terceiro luns de xaneiro nos sintamos máis aflixidos e pesimistas que de costume.
Prevendo que nas redes sociais haberá bombardeo de mensaxes de ánimo para sobrevivir a esta deprimente xornada, nas Bibliotecas Municipais propuxémonos botarlle un pulso ao mesmísimo Mr. Wonderful e ofrecervos unha playlist repleta de melancolía. Porque entre os superpoderes da música está o de ser unha especie de autoterapia, capaz de axudarnos a identificar e liberar emocións. E escoitar cancións tristes cando estamos de baixón, por moi masoquista que pareza, outórganos unha sensación de calma e consolo realmente proveitosa. Se tedes un bo día, mellor obviade esta lista. No Spotify das biblios atoparedes outras tantas moito máis afíns ao voso estado de ánimo. Pero se a frívola profecía deste profesor faise realidade e o voso luns está tinguido de azul, dádelle ao play e empapádevos de tristura. Fainos tan humanos como a alegría.
Desde 1997, cada 24 de outubro conmemoramos o Día da Biblioteca. A celebración deste día naceu por iniciativa da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor do persoal bibliotecario. Elixiuse tal día en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo durante o conflito dos Balcáns en 1992.
As Biblioteca Municipais festexaremos o noso día cun concerto gratuíto da artista coruñesa Sés. A cantautora actuará no auditorio do Centro Ágora coa banda completa o domingo 24 de outubro ás 19.00 h, exclusivamente para socias e socios das Bibliotecas Municipais.
Sés é unha artista comprometida coa protección do patrimonio cultural local. Considerada como a revolución da escena musical galega, conta cunha traxectoria ascendente motivada non só polo seu discurso valente e contundente, senón sobre todo por unha proposta musical xenuína e orixinal na que conflúen rock and roll, tradición oral galega, canción de autor e unha actitude punk e reivindicativa.
Ademais de gozar da súa música, tivemos a oportunidade de charlar con ela no ciclo de conversas Ofalarnonten#, unha nova iniciativa posta en marcha na Biblioteca Ágora que xorde co fin de reforzar a función dos axentes culturais e reivindicar, ou máis ben lembrar, o potencial que teñen as bibliotecas como espazos de diálogo.
“Para ser punk non fai falla unha camiseta dos Ramones, fai falta un carné da biblioteca”.
Partindo deste lema, que atopamos do seu puño e letra no disco “Admirando a condición”, Sés falounos da súa relación coas bibliotecas, das súas lecturas favoritas, da súa produción musical… E unha vez máis demostrou que o falar non ten cancelas (nin cancelos). Velaquí o vídeo coa conversa! Feliz día da Biblioteca!
Un ano máis, as bibliotecarias e os bibliotecarios das BMC queremos axudarvos a elixir os mellores regalos de Nadal. É por iso que tanto nas bibliotecas da rede como na nosa web descubrirás a selección Historias de regalo 2020, clasificada por tramos de idade e outras áreas de interese (LGTB e feminismos, cómic, Biblioteca Verde…) e con materiais publicados nos últimos dous anos. Recomendacións para todas as persoas e para todos os gustos nas que a música non podía faltar.
Si mi rayo te alcanzara é o cuarto álbum en solitario do artista coruñés Xoel López, publicado no pasado mes de novembro, e que exerce de fronteira musical cos anteriores. Abre un novo camiño no que o cantautor pasa a compartir a responsabilidade creativa, grazas á colaboración de David Quinzán. Os cambios móstranse tamén nas cancións, sendo estas máis corais e mesmo prescindindo en ocasións dos instrumentos clásicos como a guitarra. Unha liberación creativa para López, disposto a experimentar con sons alternativos. O deseño do disco tamén é sinal de metamorfose: das cores e figuras rechamantes de álbums anteriores pasamos a unha arte minimalista da man de Rebeca Losada, no que predominan dúas cores: o vermello e o azul.
A cantanteSés proponnos Liberar as arteriascun disco co que segue evolucionando o seu particular son, e que mantén a súa valente mensaxe, percorrendo América de norte a sur, todo filtrado pola súa alma de cantareira. O seu sétimo disco é un álbum con letras e músicas compostas por ela, que mestura con guitarras, baterías, pandeiretas… e que ten como eixo a loita feminista. O título do disco vén tomado dun poema da escritora e activista Luz Fandiño, cun verso que a artista leva tatuado no seu brazo e que reza: “Quero sangrar as miñas feridas para liberar as arterias”.
Ultraligerocongrega todos eses sons que foron calando co tempo no imaxinario de Novedades Carminha, máis preto da pista de baile e a verbena de barrio que do rock con pretensións. Un disco moito máis libre e complexo do que parece, pola súa pluralidade de estilos: funk bailongo, pop vacilón, cumbia, música jamaicana, hip hop… Pese a esta miscelánea, hai conexión e discurso. Un álbum arriscado e diferente do que non hai impresión firme ata que rematas de escoitalo.
Chegamos aoLatexode Xosé Lois Romero e Aliboria. Un álbum conceptual, variado e minimalista que percorre o esqueleto da tradición musical galega, na procura do pulso máis profundo da terra. Latexo mantén a forza do tribal e o ritual á vez que reinterpreta os códigos da música folk. Tan preto da tradición galega máis crúa como dos sons da África máis indixenista, o romanticismo harmónico e coral da música sacra, ou mesmo esa sensación de poder que impón a “haka” dos All Blacks de Nova Zelanda.
Os máis pequenos da casa tamén contan con banda sonora para estas festas. A familia María Fumaça propón unha nova viaxe en O veleiro verde, unha embarcación coas bodegas ateigadas de amizade, cariño e cancións para compartir de xeito inclusivo. O capitán Rui vai medrando, e con el a nosa ollada do mundo e da música: integradora, variada e intercultural.
A cousa vai de sons, pero isto non é todo. Bota un ollo á guía ou pásate pola túa biblioteca para descubrir todos os materiais que vos propoñemos. Bo Nadal!
Onte conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, un día que pon de manifesto unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas, persistentes e devastadoras do mundo actual. Maltrato físico e psicolóxico, explotación sexual, insinuacións non desexadas, acoso cibernético… son moitas as formas de expresión dunha violencia que en ocasións chega a ser normalizada e mesmo aceptada como parte das dinámicas do día a día. Ante isto, a implicación de todos os axentes da sociedade é unha das obrigas que debemos marcarnos como cidadanía, pois será o único camiño cara a unha igualdade real e efectiva.
Baixo os lemas #TiDecides e #BibliotecasSTOPViolencia as Bibliotecas Municipais da Coruña presentamos unha campaña que aposta por visibilizar o papel das bibliotecas como espazos que impulsan a transformación social e promoven a igualdade de xénero.
A música tamén é permeable aos movementos que avogan por dita igualdade. Na playlist #TiDecides recollemos cancións comprometidas cunha sociedade libre de violencia de xénero, ben por ser berros de loita e rabia contra o sistema ou cantos cargados de esperanza e sororidade.
Precisamente un 25 de novembro, pero de 2017, Rozalén lanzaba o single “La puerta violeta”, un tema contra as agresións machistas que non tardou en liderar as listas dos máis escoitados en Spotify. A mensaxe é evidente: o feminismo como medio para poñer fin aos feminicidios e á desigualdade de xénero.
Gata Cattana foi unha das grandes impulsoras do rap feminista. Artista, politóloga e poeta, faleceu con tan só 26 anos, pero deixou un legado musical con moito peso reivindicativo. O seu tema “Lisístrata” tomou o nome da famosa comedia de Aristófanes, onde se expón a folga sexual das mulleres como medida de presión, e converteuse en todo un himno pola liberación e a emancipación.
“Paren de matarnos” é un contundente tema que nos trae a cantante, compositora e DJ arxentina Miss Bolivia. Un chamamento para frear a violencia de xénero e a dramática situación de feminicidios que se vive en Latinoamérica.
Manolo García recórdanos en “Sombra de la sombra de tu sombrero” que as relacións de parella non deben aprisionar, senón liberar. Unha canción que aposta polas relacións de parella saudables onde non se permite a violencia nin o xogo de poderes.
Nesta nova lista de reprodución atoparás cancións que sonan con especial forza nestes días, dispostas a espertar emocións e remover conciencias. Convidámosche a subir o volume e comprobar que a música tamén alberga un importante compromiso na loita contra a violencia e a desigualdade. Ti decides!
A música é a linguaxe internacional que mellor comprendemos. Ten a capacidade de transportarnos, de facernos vibrar, de emocionarnos… sen que sexa necesario entender a súa letra. Non importa o país no que vivas ou cantos idiomas domines. Afortunadamente, tamén existen multitude de cancións que foron versionadas noutros idiomas, un traballo no que os tradutores e tradutoras deixaron o seu legado incuestionable.
O vindeiro 30 de setembro festexamos o Día Internacional da Tradución, data na que se conmemora o falecemento de Jerónimo de Estridón, tradutor da Biblia e patrón deste gremio. En 1991 a FIT (Federación Internacional de Tradutores) propuxo un día internacional oficialmente recoñecido para render tributo ao labor dos profesionais lingüísticos e ao importante papel que desempeñan en achegar ás nacións e facilitar o diálogo, o entendemento e a cooperación. Labor de indiscutible peso na industria musical: son moitas as cancións que permanecen no imaxinario global e foron traducidas ao idioma de cada lugar para, dese xeito, entrar a formar parte da súa propia cultura. A mesma melodía, as mesmas notas musicais, a mesma mensaxe, pero nun idioma distinto. E se ben algunhas versións orixinais son insuperables, existen versións traducidas que son tan boas ou como as xenuínas, e algunhas que ata entran no terreo do inclasificable.
Desde as Bibliotecas Municipais sumámonos a este tributo á tradución con PerVersións, unha nova playlist que recompila tanto as cancións máis traducidas da historia como versións que destacan pola súa calidade pese a non ser concibidas nesa lingua.
“Mr. Rod Stewart: ¡gracias!”
A inconfundible “Bésame mucho” foi escrita pola compositora e pianista mexicana Consuelo Velázquez, e non tardou moito en converterse nunha das cancións máis populares do século XX. Co tempo, a canción foi pasando duns artistas a outros con diferentes adaptacións, sendo a versión inglesa dos Beatles unha das máis coñecidas.
A peza principal pola que se recoñece ao gran Frank Sinatra, “My Way”, ven dunha canción orixinal francesa, “Comme d’habitude” de Claude François e Jacques Revaux. O tempo converteuna en todo un símbolo musical e cultural, sendo interpretada por cantantes de todo o mundo. A primeira versión en español de “A mi manera” foi interpretada por Estela Raval nos anos 70.
A bossa nova “Garota de Ipanema” é outra canción mundialmente traducida. Escrita en 1953 por Vinícius de Moraes e composta por Antonio Carlos Jobim, quen a popularizou e xerou que a canción dese a volta ao mundo foi o magnífico Joao Gilberto. Foi versionada por famosos cantantes de todo o mundo e interpretada en ritmos tan diferentes como o jazz, blues, rock e pop.
Mención especial merece “Omega”, de Enrique Morente e Lagartija Nick. Considerado disco de culto, adapta poemas de García Lorca e cancións do canadense Leonard Cohen. A súa versión do “Pequeño vals vienés” é unha das grandes xoias dos anos noventa.
E para darlle un toque máis sorpresivo á escoita, PerVersións nútrese tamén de diversos artistas patrios que no seu día quixeron probar sorte no mercado internacional recreando os seus hits noutros idiomas.
Velaquí a nosa “perversa” homenaxe a unha profesión que se volveu fundamental, tanto por esixencias da globalización como por converterse nunha ponte entre as culturas. O calado musical é só unha das súas múltiples facetas: non esquezamos que grazas ao traballo dos tradutores e tradutoras podemos mergullarnos nunha película, emocionarnos coa literatura e explorar territorios que van máis alá das palabras.
Pese a que sempre mantivo unha relación subversiva e enriquecedora coa sexualidade, a música non debería ser catalogada como gai ou hetero. Non hai necesidade de adxudicarlle máis etiquetas que as do propio xénero musical, xa sexa pop, rock, indie ou reguetón. Agora ben, é innegable que moitas cancións, ben por ser un canto á tolerancia, ó amor libre ou á diversidade, serviron para que a comunidade LGTBI puidera sentirse identificada ou empatizase coa súa mensaxe.
Avecíñase o Día Internacional do Orgullo LGTBI e nas Bibliotecas Municipais levamos a cabo diferentes accións que conmemoran, reivindican e festexan ese orgullo. A dignidade como resposta á exclusión, ás agresións ou a calquera tipo de discriminación que vulnere os dereitos das persoas que aman con liberdade. Unha destas iniciativas vén en formato musical: na playlistAs Municipais Entendenfacemos un percorrido por esas cancións orgullosas de manter algún vínculo co colectivo, desde grandes clásicos convertidos en himnos a temas máis actuais.
O 28 de xuño de 1969, a comunidade LGTB defendíase do reiterado acoso policial en Stonewall, un local de ambiente neoiorquino. A rumoroloxía afirma que cando comezaban as protestas sonaba de fondo Over the rainbow, de Judy Garland, convertíndose así na bandeira da comunidade, no símbolo dunha actitude de vida. Os “amigos de Dorothy” decidiron non tolerar máis humillacións e apostaron por ese mundo mellor, máis aló do arco da vella, no que reinan a liberdade e o respecto. Estes disturbios supuxeron un punto de inflexión na loita a favor dos dereitos civís das persoas homosexuais de todo o mundo.
En 1970 The Kinks lanzaba Lola, unha crónica sobre un encontro romántico entre un mozo e un travesti ao que coñece nun pub do Soho londiniense. A canción abordou a mobilidade de xénero (quen non se namorou da deliciosa ambigüidade de Lola?) e cuestionou a solidez da masculinidade. Nesta lista de reprodución atoparás tamén a estupenda versión en español que no ano 2004 publicou M Clan.
E se The Kinks expuxo a mobilidade de xénero, o excéntrico Prince encargouse de perpetrala. Sign ‘O’ The Times, álbum que contén If I was your girlfriend, é unha obra conceptual onde o compositor adoptou o personaxe e a voz dunha muller. Os rexistros vocais de Prince foron modificados ata alcanzar un agudo moi próximo á voz feminina: unha especie de “transexualismo musical” nun álbum tan barroco, erótico e psicodélico como o seu creador.
En moitas ocasións a falta de liberdade e de equidade nos dereitos da comunidade LGTBI combatíase con imaxinación, carisma e performance descaradas. Un exemplo disto son os irreverentes Queen: nas nosas mentes quedou gravada para sempre a imaxe de Freddie Mercury vestido de muller e pasando o aspirador ao canto de I want to break free. Non podemos esquecer tampouco aos Village People e a súa canción máis famosa, YMCA, convertida en todo un himno. E convertidos tamén en himnos, aínda que escritos sen ese propósito, incluímos temas clásicos como I’m coming out, Believe, A quién le importa, Vogue ou Express yourself .
Achegámonos ao panorama máis recente cunha serie de cancións imprescindibles nesta lista: unha delas é Firework, de Katy Perry, cuxo vídeo foi dedicado ao movemento internacional It Gets Better, que loita contra o acoso á mocidade LGTB. Destacamos tamén Bisexual, do grupo madrileño Cariño, unha proclama pop sobre a bisexualidade na que o amor foxe de tópicos e imposicións: “Me gustan las chicas, ¿cómo pudo pasar? Me gustan las chicas, no me lo puedo explicar. Será por su pelo o por su forma de mirar, pero en ese chico yo no dejo de pensar”.
Na mesma liña anti-tópicos atopamos a Rodrigo Cuevas, que se autodefine como un “axitador folclórico”. Este cantante e compositor tira de humor e provocación para facer chegar unha mensaxe que, no fondo, ten moito de seria: a reivindicación da cultura local. A súa música é “synth folk, cantiga glam e cabaret underprao”. Ou o que é o mesmo: canción tradicional travestida, sintetizadores e moita visibilidade queer.
Esta proposta musical tan diversa non é gai. Como cantaría Juan Valladares, “no decirle mariquita”. É inclusiva, sensibilizadora e combativa. Traza un camiño de baldosas amarelas que pon rumbo a un lugar no que a sexualidade é libre e a identidade nunca é cuestionada. Xa nolo advertiu a propia Dorothy: “se camiñamos o suficiente, algunha vez chegaremos a algunha parte”.
Fai uns días coñecíamos a noticia de que John Williams e Ennio Morricone, dous dos compositores de bandas sonoras máis importantes da historia, son os galardoados co Premio Princesa de Asturias das Artes 2020. Williams conta xa con cinco premios Óscar na categoría de mellor banda sonora orixinal por El violinista en el tejado, Tiburón, La Guerra de las Galaxias, E. T. e La lista de Schindler, ademais de deixar pegada no imaxinario colectivo grazas ás bandas sonoras de películas como Parque Jurásico, Indiana Jones ou Harry Potter, entre moitas outras. Morricone é un dos compositores cinematográficos máis prolíficos do mundo: conta con máis de catrocentas bandas sonoras para cinema e televisión, entre as que destacan as de películas como La misión, Cinema Paradiso, El bueno, el feo y el malo ou Por un puñado de dólares. En 2007 recibiu o Óscar honorífico a toda a súa carreira, e case unha década máis tarde facíase co galardón pola banda sonora composta para Los odiosos ocho, o peculiar western de Quentin Tarantino.
Todos estaremos de acordo en que custa imaxinarse unha película ou unha serie de televisión que careza de música. Sen efectos sonoros, cabeceiras ou sintonías, os silencios darían unha estraña sensación de baleiro e lentitude. O seu gran poder fixo dela un instrumento que leva máis dun século utilizándose para reforzar aquilo que se desexa transmitir na industria audiovisual. Antes de que o cinema fose sonoro, xa había unha interacción entre este e a música. En moitas salas había pianos, ou mesmo orquestras enteiras, que tocaban música en directo, acompañando á acción que transcorría na pantalla. A primeira banda sonora como tal da que se ten constancia data de 1908. Camille Saint-Saëns compuxo unha peza para a película francesa El asesinato del Duque de Guisa. Nese mesmo ano, o ruso Mikhaíl Ippolítov-Ivánov compoñía outra melodía para o filme Stenka Razin.
A día de hoxe, as bandas sonoras son case tan importantes como as propias películas. Transforman o mundano en máxico, engaden vigor e riqueza ás imaxes e transpórtanos a outra realidade. Os sons modelan a atmosfera do filme, recrean épocas e lugares, e achegan un significado aos personaxes, aos diálogos e ao argumento que non se acadaría doutro modo. Mesmo a experiencia emocional é diferente: a música inflúe nas nosas sensacións, modificando o sentido da imaxe ou anticipando unha situación determinada. Quen non asociaría, por exemplo, o fondo musical da escena da ducha de Psicosis co que vai ocorrer? Ou imaxinas a Marcha Imperial de Star Wars sen a aparición de Darth Vader?
De Película é o nome da nova playlist que vos ofrecemos en Spotify, na que facemos un percorrido polas bandas sonoras imprescindibles que forman parte da historia do sétimo arte. Aos temas instrumentais dos citados galardoados sumámoslle os de Hans Zimmer (Piratas del Caribe, Gladiator, El Rey León…), James Horner (Titanic, El Zorro, Avatar…), Ramin Djawadi (Juego de Tronos) e Howard Shore (El Señor de los Anillos), entre outros.
Tamén son parte desta lista diversas cancións incluídas en filmes que alcanzaron un estatus inesperado e se converteron en títulos de culto case sen pretendelo: Footloose, Pretty Woman, La princesa prometida, Pulp fiction, Kill Bill…
O cine de súper heroes marca unha forte tendencia desde fai anos. Pasou de ser un subxénero máis das películas de aventuras e fantasía a converterse no maior activo da industria. Desde as primeiras historias de Batman ata os máis recentes Vengadores, esta lista compila algunhas mostras sonoras das aventuras nadas nos cómics.
E non poderiamos falar da música e as súas funcións no cinema se non temos en conta o musical como un xénero cinematográfico en se mesmo. En De Película contamos con temas que forman parte dos musicais máis importantes da historia: El mago de Oz, Cantando bajo la lluvia, West side history, Grease, Moulin Rouge, La,la,land…
Unha antoloxía de bandas sonoras que foron capaces de traspasar a pantalla e transcender ás películas para as que foron creadas. Luces, cámara…. e play!!
-E se o partido dixese que non son catro senón cinco… cantos habería?
1984. George Orwell
Ano 2020. Un virus letal de orixe descoñecida ameaza á nosa especie e o mundo ten paralizada toda actividade. Estamos obrigados a ficar nas casas, e a mensaxe que nos transmiten os Estados é que, á espera de que a ciencia descubra unha vacina, non temos máis ferramentas para protexernos que o illamento dos nosos semellantes. O distanciamento social é un imperativo, e desconfiamos de quen nos rodea por ser posibles axentes con capacidade de contaxiar. Sentimos medo, confusión, alarmismo, desamparo…
Realidade que sona a ficción. O discurso máis repetido desde que comezou a pandemia é a sensación de estar vivindo un soño, unha distopía. As historias distópicas expoñen escenarios dunha sociedade indesexable (por catastrófica, tiránica ou deshumanizada) para que sirva de reflexión. Guerras, pragas, tecnoloxías descontroladas, catástrofes naturais, gobernos opresores… Aferrámonos a estas narrativas imaxinarias como unha especie de “adestramento” para situacións como a actual, por máis que resulte evidente que non se trata de realidades equivalentes. A explicación a este interese por “futuros alarmantes” ven dada desde a psicoloxía: é a nosa resposta á incerteza, ao medo a non estar preparados para o descoñecido. As distopías fannos imaxinar un futuro incómodo, canalizan ese medo e póñennos en garda.
A literatura, o cinema e a música foron e serán sempre grandes espazos de reflexión sobre estas inquietudes humanas, un reflexo da fraxilidade da civilización. Descubrímolo en clásicos de culto como Fahrenheit 451, 1984, La Naranja Mecánica ou Un mundo feliz, pero tamén en El cuento de la criada, Los Juegos del Hambre e V de Vendetta.
Na playlist desta semana demostramos a capacidade que ten a música para canalizar as posibilidades alegóricas da distopía e trasladarnos a sociedades caóticas e contornas futuristas. En Melodías Distópicas evocamos as bandas sonoras de obras tan imprescindibles como 2001 Odisea en el espacio ou Blade Runner. E recollemos cancións inspiradas nos relatos de George Orwell, Aldous Huxley ou Philip K. Dick, así como as xurdidas de estandartes fílmicos como Metrópolis e Matrix. Sen esquecer, por suposto, os cuestionamentos emanados da propia música, da man de bandas como The Clash, Radiohead, Pearl Jam ou Metallica.
Pode que esta experiencia pandémica deixe unha pegada xeracional en todos nós e mesmo sirva para que empecemos a ver a realidade con ollos menos inocentes. Sexa cal sexa o escenario futuro, procuraremos que teña unha boa banda sonora.
Cada 29 de abril desde o ano 1982 celébrase o Día Internacional da Danza. A data escollida corresponde ao nacemento de Jean-Georges Noverre (1727-1810), un innovador bailarín e coreógrafo que deu un xiro a esta disciplina. Como moitos pioneiros, nos seus tempos non foi moi comprendido, pero a día de hoxe considéraselle como o pai do ballet moderno.
Un día para que todas aquelas persoas que elixiron a danza como medio de expresión, traspasando barreiras culturais, políticas e étnicas, celebren a súa diversidade. Tamén unha data para lembrar que, como a música, a danza é unha arte completamente universal na que non existen discriminacións por raza, idade, aspecto, relixión ou clase social.
“A medida que bailamos cos nosos corpos caendo no espazo e enredándonos xuntos, convertémonos nunha forza de movemento tecendo corazóns, tocando almas e proporcionando a curación que é tan desesperadamente necesaria. E o desafío convértese nunha soa danza, invencible e indivisible. Todo o que precisamos agora é bailar un pouco máis!”
O uso do corpo como unha linguaxe universal que todo o mundo pode entender. Iso é a danza. Unha disciplina que en ocasións non se libera de estereotipos, pois hai quen pensa que para ver danza hai que ser entendido na materia. Non é certo. Para ver danza hai que deixarse levar por ela e desfrutar do que nos provoca. Iso é todo.
Desde as Bibliotecas Municipais apostamos por poñer en valor e difundir esta arte a través da iniciativa “Ao paso dos versos“, que dá nome á playlist que vos propoñemos esta semana no noso perfil de Spotify: unha selección das músicas elixidas por compañías de todo o mundo para as súas representacións escénicas.
Unha lista de reprodución para deleitarse coa mestría das pezas clásicas de Bach, elixidas por compañías tan notables como o Ballet alla Scala de Milán ou o Tulsa Ballet. Destacamos deste último a exuberante obra A million kisses to my skin, na que a música abstracta e escura do compositor e os movementos expansivos dos corpos conducían ao público a unha experiencia sensorial única.
Tamén hai espazo para o rock and roll dos Rolling Stones, que cobra vida en Rooster, a electrizante celebración dos anos sesenta do coreógrafo Christopher Bruce. Homes con traxe de serpe e mulleres fortes e atrevidas realizan danzas de cortexo virtuosas con algunhas das melodías máis famosas das Satánicas Maxestades, como Paint it Black, Sympathy for the Devil e a versión do clásico do blues Little Red Rooster. A Rambert Dance Company, compañía de danza nacional de Gran Bretaña, combinou bailaríns de clase mundial e unha orquestra en vivo para crear unha experiencia realmente estimulante.
Contamos tamén co flamenco impecable de Enrique Morente, homenaxeado fai poucos anos polo Ballet de Víctor Ullate en El Sur, un espectáculo de fondas raíces andaluzas cunha fusión de universos diferentes: a danza, como forma de expresión, e o sentimento andaluz, como unha forma de entender a vida.
Música de cámara, rock, blues, flamenco… “Ao paso dos versos” é un reflexo da pluralidade de estilos que nutren e dan vida a esta marabillosa manifestación artística.
Se co “fío musical” non tedes suficiente, nos nosos blogs atoparedes diversidade de contidos en torno a este festexo: recomendacións lectoras para adultos no Blog dos Clubs de Lectura, e para a cativada no Blog das Salas Infantís. Tamén vos ofrecemos unha escolla de frases e reflexións de profesionais da danza no Blog Corto e Cambio, así como este podcast coa lectura dun fragmento da autobiografía da bailarina moscovita Maya Mijáilovna Plisetskaya:
E moita atención ás nosas redes! Ademais dunha fermosa felicitación audiovisual composta para a ocasión, haberá #Biblioretos “en movemento” da man do bailarín profesional José Antonio Checa e unha nova sesión de #asbibliotecariascontan, na que gozaremos da historia Un tigre con tutú. Como comprobaredes, unha especial e completísima proposta para celebrar, tomando as palabras do bailarín Sidi Larbi Cherkaoui: “a interminable coreografía da vida“.